Día internacional das empregadas do fogar.


O 30 de marzo, celebrábase o día internacional das empregadas de fogar. No seu apertado calendario de días mundiais da paz, do medio ambiente, do cancro, do gato, do fútbol, etc., os grandes medios de comunicación fixéronlles un oco a estas mulleres e homes que, en negro, en precario e sen dereitos, realizan unha serie de traballos socialmente necesarios, e con frecuencia duros e perigosos, a cambio dun salario de miseria.

A súa condición, a miúdo de clase obreira inmigrante, agrava a situación de sobreexplotación e abuso deste  colectivo de traballadores (traballadoras na súa inmensísima maioría) que, con horarios extenuantes e soportando frecuentemente graos e formas diversas de acoso e violencia laboral a mans dos seus explotadores e explotadoras, suplen co seu traballo pago por baixo do 50 % da media salarial, o baleiro deixado por un Estado "do benestar" que nunca o foi para a clase obreira. Un Estado "do benestar" que se atopa ademais en franco e acelerado retroceso, para facer posible a recuperación das ganancias capitalistas a través do saqueo das rendas do traballo e do salario directo e indirecto.

O deterioro e privatización de todos os servizos públicos conquistados en décadas de loita, e pagos co traballo de todos e todas, deixa sen protección nin asistencia a toda familia obreira que non teña xeito de procurarse solucións privadas para as necesidades do traballo doméstico e do coidado de nenos, anciáns e dependentes. Estas solucións privadas si que están ao alcance doutras clases e capas sociais, e pasan frecuentemente polo traballo somerxido, sen dereito a paro e realizado en condicións de sobreexplotación que incumpren mesmo os exiguos dereitos contemplados no Convenio 189 da OIT.

As traballadoras do fogar non necesitamos un día mundial para saír na televisión. As traballadoras da fronte doméstica precisamos organizarnos como clase para a defensa dos nosos dereitos inmediatos e por un futuro sen explotación.

Fonte: Novo Rumbo #8