Declaración do Buró Político do PCPE sobre a nova agresión a Siria.



O Buró Político do Partido Comunista dos Pobos de España condena con absoluta firmeza a nova agresión militar contra Siria iniciada a noite pasada por forzas de EEUU, Reino Unido e Francia.

Esta agresión directa supón unha escalada na agresividade imperialista e prodúcese baixo un pretexto xa coñecido, como é a non demostrada utilización de armas químicas por parte do exército sirio.

A implicación e presenza de diversas potencias no territorio sirio supón, tras este ataque liderado por EEUU, que o risco dunha guerra xeneralizada que afecte non só a Siria, senón ao resto da rexión, está moito máis próximo.

O pobo de Siria, que leva anos padecendo os ataques de forzas terroristas e mercenarias financiadas e apoiadas por potencias como EEUU, a UE e Turquía, non debe verter máis sangue nin padecer máis sufrimentos por culpa das potencias que só queren un Medio Oriente fragmentado e inestable para facer avanzar os seus intereses xeoestratéxicos.

O PCPE fai un chamamento á clase obreira e ao pobo traballador do noso país para que se mobilice en defensa do pobo de Siria, contra a guerra imperialista e contra o uso de calquera instalación, civil ou militar, no noso territorio, para esta nova agresión.

O PCPE esíxelle ao Goberno de España que condene publicamente este ataque e que cancele de inmediato todo acordo sobre a presenza en territorio español de forzas militares e diplomáticas da coalición de países atacantes.

O PCPE esixe o máis absoluto respecto polo dereito dos pobos a decidir libremente o seu propio camiño de desenvolvemento nun mundo libre de guerras imperialistas, pobreza e explotación.

Non á guerra imperialista!
Nin terra, nin mar, nin aire para os imperialistas!

Buró Político do PCPE.
14 de abril, 2018