Chamamento do BP do PCPE para o 1º de Maio.


Aos obreiros e obreiras do noso país, á mocidade e estudantes, ás mulleres traballadoras, pensionistas e ao conxunto do pobo traballador!

Compañeiros e compañeiras:

O PCPE saúda a clase obreira e todo o pobo traballador con ocasión da celebración do 1º de Maio. O noso Partido traballa no conxunto dos pobos de España, xunto das organizacións sindicais, para lograr que este 1º de Maio se converta nunha combativa xornada de loita dos traballadores e traballadoras, convocando a tomar as rúas do noso país.

Por medio do presente chamamento, o Partido Comunista trasládavos o seu punto de vista sobre o momento que vivimos e as tarefas que temos por diante se queremos garantir unhas condicións de vida e de traballo dignas para todos e todas.

Ningún dereito foi conquistado sen loita.

Ao longo da Historia, a clase obreira conquistou os seus dereitos librando unha intensa loita de clases contra o capital. Nunca nos regalaron nada. Desde os comezos do movemento obreiro, foi a mobilización da clase obreira a que lle arrancou á patronal e ao Goberno os dereitos cos que contamos hoxe.

Só coa nosa loita organizada poderemos manter os dereitos actuais e avanzar en novas reivindicacións que melloren as condicións de vida e de traballo da maioría social traballadora. Todos e todas sabemos, pola nosa propia experiencia, que cando se loita organizadamente se avanza e que, cando retrocede a nosa organización e a nosa capacidade de mobilización, a patronal e o Goberno non dubidan en golpear os traballadores e traballadoras, en intensificar a explotación laboral e en arrebatarnos dereitos sociais.

Por un novo ciclo de mobilización masiva.

O pasado 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, iniciamos un novo ciclo de mobilizacións. Por primeira vez en moitos anos, a clase obreira púxose masivamente á fronte das loitas polos dereitos das mulleres traballadoras, recuperando unha bandeira, a do 8 de Marzo, nacida do corazón do movemento obreiro e que, por distintas vías, nos intentaran ripar, baleirando de contido o que naceu como un día de loita.

Millóns de traballadoras e traballadores botámonos de novo ás rúas esixindo a plena igualdade no ámbito laboral, esixindo a fin da discriminación salarial, esixindo a fin de toda forma de violencia; esixindo que se creen as condicións económicas e sociais que permitan liberar as mulleres dos traballos reprodutivos, poñendo fin a toda forma de opresión para avanzar cara a unha sociedade de persoas libres e iguais.

En paralelo aos paros laborais e ás masivas manifestacións do Día Internacional da Muller Traballadora, millóns de pensionistas mobilizáronse o 17 de marzo en defensa do sistema público de pensións, rexeitando masivamente a perda de poder adquisitivo das pensións que supón a suba do 0,25% formulada polo Goberno do Partido Popular, moi por baixo da suba dos prezos.

A mobilización en defensa do sistema público de pensións é unha loita á que todas e todos estamos convocados. A perda do poder adquisitivo das pensións, o incremento da idade legal de xubilación, as limitacións no acceso á posibilidade dunha xubilación anticipada, as dificultades para acceder a xubilacións de incapacidade, etc., foron impostas polos sucesivos Gobernos do PSOE e do PP en beneficio da patronal e dos monopolios, que fan negocios multimillonarios cos plans privados de pensións.

Ao mesmo tempo que as sucesivas reformas laborais reduciron substancialmente as cotizacións empresariais, diminuíndo dese xeito o chamado “peto das pensións”, pretenden que dediquemos unha parte crecente dos nosos salarios a pagar plans de pensións privados cos que poder complementar as pensións públicas, transferindo masivamente rendas do traballo ao capital.

A loita das mulleres traballadoras e dos e das pensionistas, acompañados por millóns de traballadores e traballadoras, únese á loita que a nosa clase social leva adiante en centos e centos de empresas, na que os nosos compañeiros e compañeiras de clase enfrontan despedimentos, regulacións de emprego, reducións salariais, etc., ou por un convenio colectivo que protexa os nosos dereitos.

O 1º de Maio debemos continuar a loita.

Todas esas loitas, que son as loitas dos traballadores e traballadoras do noso país, deben proseguir o 1º de Maio. De novo estamos convocados a encher as rúas da nosas cidades secundando masivamente as manifestacións convocadas.

Logo de máis dunha década de crise capitalista, cuxas consecuencias se descargaron sobre as nosas costas, chegou a hora de dicir: basta!, chegou a hora de que a clase obreira e todo o pobo traballador nos fagamos ouvir; pois sen nós non se move nin unha engrenaxe; non funciona a industria, nin o transporte, nin o sector servizos, nin a sanidade, nin o ensino … Nada funciona sen o noso traballo! E, xa que todo o producimos, temos dereito a decidir sobre todos os aspectos da vida.

As loitas non rematarán o 1º de Maio. A Plataforma Estatal pola Escola Pública, integrada por organizacións estudantís, sindicatos do ensino e asociacións de nais e pais, chamaron a volver ocupar as rúas o vindeiro 8 de Maio, no que se debe converter nunha importante mobilización contra o “pacto educativo” que pretenden impoñer e na defensa dun sistema público de ensino ao servizo do pobo traballador. Debemos organizar o contraataque nos centros de estudo, xunto ao movemento estudantil e á mocidade, tamén no sector do ensino.

Unificar todas as loitas no camiño da Folga Xeral.

Nun momento de especial debilidade do Goberno e de fortes contradicións no seo da clase dominante, as nosas loitas deben unirse. Debemos preparar as condicións para avanzar cara a unha nova Folga Xeral.
  • Derrogación inmediata das reformas laborais e da reforma das pensións.
  • Fin de toda discriminación laboral e da fenda salarial. A igual traballo, igual salario!
  • Suba das pensións nos mesmos termos que soben os salarios de policías e gardas civís.
  • Eliminación dos contratos en prácticas e formativos. Derrogación do Plan de Garantía Xuvenil.

O 1º de Maio debe ser un punto de inflexión no camiño cara á Folga Xeral. Chegou o momento de unir todas as loitas, de pasar á ofensiva, de organizar o contraataque.

Fortalecer a organización sindical da clase obreira.

Non hai vitoria obreira posible sen organización. Entre as nosas tarefas máis inmediatas está a de fortalecer a nosa organización sindical nos centros de traballo e defender con intransixencia o dereito á negociación colectiva.

Nos últimos anos, os capitalistas desenvolveron unha intensa campaña para desacreditar o sindicalismo. Evidentemente, esa campaña viuse favorecida por unha práctica sindical errónea, centrada no pacto e na concertación social, afastada dos centros de traballo e, dese xeito, da propia clase obreira e dos seus intereses. Mais somos os traballadores e as traballadoras quen, coa nosa acción, debemos corrixir esa política abrindo un intenso debate nos centros de traballo e no seo dos sindicatos; sen permitir que a propaganda capitalista penetre nas nosas fileiras.

Non será a patronal quen nos diga que sindicatos precisamos. Seremos nós quen, coa nosa participación e compromiso, corrixamos os errores, mudemos o rumbo seguido nos últimos anos e constrúamos unha orientación sindical clasista, unitaria, enfrontada aos capitalistas e ao capitalismo.
Por tanto, chamamos a clase obreira a afiliarse masivamente nas organizacións sindicais, a participar activamente nos centros de traballo, a erguer una liña sindical clasista baseada na unidade da clase obreira, na reivindicación e na loita de clases.

A 200 anos do nacemento de Carlos Marx: Proletarios de todos os países, unídevos!

Este 1º de Maio reivindicamos a figura de Carlos Marx no aniversario do seu natalicio. Reivindicamos a súa figura e a súa obra, reivindicamos o marxismo-leninismo como ideoloxía e cosmovisión da clase obreira.

Nun momento en que o sistema imperialista mundial dá claras evidencias de camiñar cara á barbarie, cara a unha nova guerra xeneralizada, da que a agresión ao pobo sirio é tan só un sanguento exemplo, reivindicamos o internacionalismo proletario como principio xeral da clase obreira que, con independencia da súa nacionalidade, é unha soa clase obreira mundial.

Chamamos o conxunto dos traballadores e traballadoras a se mobilizaren contra a guerra imperialista, en solidariedade cos nosos irmáns e irmás de clase de todos os países, esixindo a saída de España de toda alianza imperialista. Nin terra, nin mar, nin aire para os imperialistas! Esixamos a saída de España da OTAN e da Unión Europea, esixamos o peche das bases militares imperialistas no noso país.

Por un país para a clase obreira!

A Historia demostrou que os dereitos da clase obreira non poden ser garantidos polo sistema capitalista, que se fundamenta, precisamente, na nosa explotación. Ningún dos nosos dereitos está garantido no capitalismo. Por tanto, todas as nosas loitas deben ter como perspectiva xeral acumular forzas para superar este sistema de explotación e barbarie baseado na explotación duns seres humanos por outros.

Queremos un país para a clase obreira, en que a propiedade dos medios de produción sexa unha propiedade social, de todos e todas; un país soberano que rache con toda alianza imperialista; un país no que a clase obreira e o pobo traballador tomen definitivamente o poder nas súas mans. Loitamos por unha República Socialista baseada na unión libre e voluntaria de todos os pobos de España.

Non hai futuro no capitalismo. Ningunha promesa de cambio no marco do sistema capitalista se verá realizada. No capitalismo só teremos máis explotación, máis miseria, máis represión e máis guerras criminais. Chamámoste a fortalecer as fileiras do Partido Comunista, a intensificar a loita e a participar, xunto ao noso Partido, nun 1º de Maio á ofensiva.

Viva a loita da clase obreira!
Proletarios de todos os países, unídevos!