O rei caga.


Dicía Montaigne que “os reis cagan”. Dende logo non fai falta ser un consagrado ensaísta do Renacemento para arribar a semellante porto, basta coa nosa más estrita cotidianidade para tomar consciencia diso.

Con todo, a afirmación de Montaigne resultaba provocativa. Se caga o rei, é porque o seu poder non provén do “máis alá” senón do “máis acá”. Podería ser un súbdito máis se non escondese a súa humanidade trala súa capa e o “vulgo” non o recoñecese como tal. Por iso, esa frase de Montaigne desmitifica o poder da coroa, baixa ao rei do seu trono e pono en crequenas fronte aos seus iguais na súa máis patente bioloxía.

Por iso, é rechamante o estilo de propaganda a favor de Felipe VI que se moveu nas últimas semanas. O culmen foi o especial de Informe Semanal onde se mostra a súa cara “máis humana”. As súas imaxes, din, máis íntimas e persoais ao servizo de España. Naturalmente, non saíu sentando no trono do seu baño, senón que as imaxes ás que se deu prioridade foron aquelas que mostran o amor das súas fillas e esposa. Deixando de lado que ningunha familia traballadora adoita ensuciar tres pratos para tomar un consomé, até saía sorbendo caldo, previo un “mmm, qué rico, sopita”.

Iso vai en liña coa imaxe que se quixo transmitir do seu pai como “campechano”. Agora ben,  por que esta insistencia no seu 50  aniversario de mostrarnos os seus aspectos “máis humanos”? Por que queren lembrarnos que é un ser mortal máis? Seguramente a resposta a isto témola que atopar na cada vez menor identificación do pobo coa monarquía. Para quen se levanta ás seis da mañá a traballar, a vida do rei pouco ten que ver coa súa e non lle custa intuír que non é máis que un parasito que vive do esforzo dos demais. Pero seguramente tamén porque a figura política do rei na actual orde constitucional está acabada. Porque imos cara a unha reconfiguración do poder oligárquico no Estado e preténdese dar encaixe á monarquía.

Trátase de xerar unha subxectividade que encaixe coa reforma constitucional que pretenden os monopolios no Estado Español, é necesario reconstruír o consenso social ao redor dunha coroa crebada polos seus escándalos e pola súa defensa do capital contra os traballadores. Felipe é preparado, profesional, serio, humano. Cos seus medos. Espontáneo. Sorbe sopa. Caga.

Pero que ninguén se engane. Se a Casa Real mostra os seus momentos íntimos é porque ese neno de Andersen xa pronunciou o seu “pero se vai espido!” e a multitude empezou a cochichar que non había traxe algún. Convertamos ese murmurio en estrondo. Fagamos que, esta vez, o rei non acabe o desfile.

Roberto Guijarro

[Fonte: Novo Rumbo #6]