Na defensa dunhas pensións dignas.



“Sostibilidade”, “factor de revalorización”, “velocidade de axuste” e outros tantos eufemismos para non nos dicir que nos queren aumentar a taxa de explotación mediante a baixada substancial das pensións e preméndonos para que contratemos plans privados de xubilación, reducindo así, aínda máis, os nosos minguados salarios.

Dá igual a cor do partido que xestione o goberno da patronal: azul, laranxa, morada ou pseudo-vermella. O goberno segue a liña trazada pola Unión Europea sen se desviar nin un ápice. Coas reformas de 2011 e 2013, PSOE e PP marcaron un camiño claro para a ampliación da idade de xubilación, o aumento dos anos de cotización e a consolidación de fórmulas de cálculo das contías, segundo varios parámetros modificábeis anualmente en función dos intereses dos capitalistas. Os grandes empresarios refregan as mans diante desas medidas, mentres a clase obreira padecemos o seu parasitismo nas nosas carnes.

É hora de erguer unha fronte común da clase obreira e as capas populares para confrontar as medidas reaccionarias e antipopulares do goberno da patronal. A loita histórica polas pensións trouxo importantes conquistas ao longo do século XX, que agora nos queren arrebatar. A loita obreira neste século non debe caer en falsos dilemas. Ningún goberno capitalista nos regalará unha xubilación digna e en paz. Só loitando de forma organizada sobre a base dos nosos intereses de clase, poderemos garantir os nosos dereitos.

Contra os gobernos da patronal e a Unión Europea!
 Loitemos polas nosas pensións!