Ante o 8 de Marzo, DÍA DA MULLER TRABALLADORA, Comunistas da Galiza-PCPE e
os CMC realizamos un chamamento á loita e á organización das mulleres
traballadoras contra a perda de dereitos laborais, contra o paro, a
precariedade e a sobreexplotación, contra a privatización de servizos básicos,
e contra a violencia e abuso no traballo e en todos os ámbitos da vida social e
persoal.
Baixo o capitalismo, as mulleres incorporámonos ao mundo do traballo en
condicións de subsidiariedade e de sobreexplotación, o que vén traducíndose en
discriminación salarial e laboral, persecución e acoso patronal. Iso en función
de que o outro papel que nos foi asignado ás mulleres obreiras, o de
reprodutoras da forza de traballo no espazo doméstico, limita as nosas
posibilidades de incorporación plena ao mundo do traballo en igualdade de
condicións.
Do papel que se nos asigna ás mulleres traballadoras emana todo o resto de
abusos e violencia que sufrimos no traballo, pero tamén no resto dos ámbitos da
vida social, na rúa e na casa. A desigualdade inherente ao sistema capitalista
está na base de toda forma de sobreexplotación e desigualdade, e maniféstase na
fenda salarial, nos frecuentes despedimentos por embarazo e nunha infinidade de
formas de discriminación, abuso, violencia patronal, sobreexplotación,
precariedade e subemprego vinculadas á nosa posición como responsábeis dos
coidados e reprodutoras da forza de traballo, que teñen a súa continuidade tras
a vida laboral baixo a forma de pensións de inferior contía.
Para as comunistas, a opresión contra as mulleres na sociedade e na familia
é parte inseparábel da loita de clases.
Por iso, estamos convencidas de que só a loita revolucionaria
por transformacións sociais que apunten á nosa incorporación masiva á produción,
polos nosos dereitos laborais e pola socialización do traballo reprodutivo, é o
factor dinamizador fundamental do avance do proceso da nosa emancipación e da
vinculación da nosa loita coa loita xeral de toda a clase obreira.
Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade
Comunista (CMC), en consecuencia, chamamos a:
• Apoiar os paros laborais convocados nos centros de
traballo.
• Apoiar as concentracións, marchas e manifestacións
convocadas para o 8 M en defensa dos dereitos da muller traballadora.
• A mobilización de traballadoras e traballadores non só
o 8 de Marzo, senón todos os días, contra a explotación laboral e a violencia
machista.
• A organización nos centros de traballo contra a
desigualdade salarial e contra toda forma de sobreexplotación laboral, na
perspectiva da conquista de máis dereitos e traballo digno e estábel para toda
a clase obreira. A creación de espazos onde as mulleres traballadoras poidan
organizarse para loitar polos seus dereitos como traballadoras.
• A organización nas localidades e barrios contra as privatizacións,
o desmantelamento de servizos públicos, e a creación de espazos públicos de
lecer e cultura, na perspectiva da conquista de novos dereitos que senten as
bases materiais para a fin da dobre opresión das mulleres traballadoras.
• Loitar por un país para a clase obreira, onde se poña fin ás bases materiais
sobre as que se asenta toda forma de desigualdade e de explotación.
TODO PARA AS
TRABALLADORAS,
NADA PARA AS
EXPLOTADORAS.