A nosa saúde non é un negocio!

A reforma da Lei Galega de Saúde vén agravar a situación xa deplorábel do noso sistema sanitario.

Con estas novas modificacións legais, o que busca a Xunta é acelerar o actual proceso de desmantelamento da sanidade pública mediante recortes que asfixian os seus orzamentos, mediante a súa privatización paso a paso, e coa mercantilización crecente de toda a atención sanitaria.

Supresión de camas, supresión de servizos, supresión de áreas sanitarias que atendían á poboación máis preto do lugar de residencia, derivando os pacientes ao "quinto inferno"... Eliminación de prazas de persoal sanitario, habendo milleiros de profesionais no paro... Colapso das Urxencias, esperas abusivas, listas que xa se fan eternas...

Cantos tormentos e sufrimentos ten que padecer o pobo traballador para que un puñado de capitalistas enchan (aínda máis!!!) os seus petos???

Non hai diñeiro para atender decentemente (e gratuitamente) os nosos corpos enfermos? Pero si hai cartos abondo para "rescatar" os bancos, e para aumentar nun 73% o gasto militar español, e para despregar unidades militares, coa OTAN, nas fronteiras de Rusia!!

Dende Comunistas da Galiza-PCPE denunciamos un sistema que somete as necesidades do pobo ao lucro das empresas.

Opoñémonos frontalmente a todos estes pasos criminais que fan do coidado da nosa saúde unha oportunidade de negocio, un nicho de mercado.

Sabemos que a escusa de que o sector público "non é eficiente", é falsa. Rotundamente falsa!! A diminución de eficiencia dos servizos públicos está directamente vinculada á penetración das empresas privadas e dos criterios de mercado no seu funcionamento.

Dicindo "NON Á PRIVATIZACIÓN", dicimos SI a orzamentos decentes, SI a un servizo sanitario público digno, gratuíto e universal. Que dea traballo aos e ás profesionais en paro, e condicións laborais dignas a aqueles e aquelas que sofren hoxe precariedade e sobre-explotación.

As e os comunistas reivindicamos que non sexa preciso ser rico para "permitirse" enfermar.

Traballadora, traballador:

Defendamos os nosos dereitos, os nosos servizos públicos.

Rexeitemos a sanidade-negocio por excluínte, clasista e prexudicial para a saúde do pobo traballador.

FÓRA AS MANS DO CAPITAL DA NOSA SAÚDE!