Contribución do Partido Comunista ao XIX Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros.

“O 100 Aniversario da Gran Revolución Socialista de Outubro: os ideais do Movemento Comunista, revitalizar a loita contra as guerras imperialistas, pola paz, polo socialismo”.


Estimados e estimadas camaradas:

É un gran orgullo poder dirixir unhas palabras en nome do meu partido aos delegados e delegadas presentes neste Encontro Internacional que se celebra no momento de conmemoración do 100 Aniversario da Gran Revolución Socialista de Outubro.

Queremos agradecer ao Partido Comunista da Federación Rusa o seu traballo e o seu papel na organización deste XIX Encontro Internacional. Igualmente, queremos saudar a todos os partidos irmáns que impulsaron e organizaron as anteriores edicións dos Encontros Internacionais, sen cuxo esforzo sería imposíbel que hoxe puidésemos atoparnos todos aquí.

Hai cen anos o proletariado ruso rompeu o xeo, marcando o camiño a seguir para o movemento obreiro revolucionario de todos os países. Coa toma do poder político en Rusia, o 7 de novembro de 1917, iniciouse unha nova época na Historia da Humanidade: a época da transición do capitalismo ao socialismo-comunismo, a era das revolucións proletarias. A era na que seguimos a vivir.

A clase obreira, continuadora da loita de todas as clases sociais explotadas ao longo da historia, arrastrando coa súa loita a todas as capas populares, converteuse por vez primeira en clase dirixente e, erguendo un Estado de novo tipo baseado no poder dos soviets, exerceu a ditadura do proletariado para abolir por primeira  vez na historia a explotación duns seres humanos por outros.

O Partido Bolxevique demostrou que no proceso revolucionario o Partido Comunista xoga un papel insubstituíbel. O Partido Bolxevique estaba preparado ideolóxica, política e organizativamente para a toma do poder. Contaba cunha análise precisa sobre a fase monopolista do capitalismo e sobre a posición de Rusia na pirámide imperialista; foi capaz de restablecer a teoría marxista sobre o papel de Estado. O Partido Bolxevique tamén estaba preparado desde un punto de vista organizativo e político. Nunha loita implacábel contra as vellas formas de traballo e contra o oportunismo nas cuestións organizativas, os bolxeviques organizaron un partido de revolucionarios profesionais, profundamente vinculado ás masas, profundamente proletario desde un punto de vista clasista: un partido de novo tipo.

Grazas a Outubro sabemos que ningunha outra organización é capaz de dirixir un proceso revolucionario exitoso salvo un Partido Comunista, que debe ser capaz de forxar unha política de alianzas propia, de soster unha organización propia e de manter unha posición política independente, capaz de representar as aspiracións, intereses e obxectivos da clase obreira.

Outubro impulsou a loita revolucionaria da clase obreira mundial. Á calor do triunfo da Gran Revolución Socialista de Outubro, as masas proletarias de todos os países entraron nun novo estado de efervescencia revolucionaria. O exemplo dos bolxeviques rusos xerou ondas de simpatía e forxou o internacionalismo proletario que coñecemos. A amizade entre os pobos do mundo, a loita conxunta contra as potencias imperialistas, a concepción de que a clase obreira é unha mesma clase, todo iso viuse reforzado grazas ao triunfo bolxevique, e todo iso segue plenamente vixente hoxe.

A Unión Soviética demostrou durante décadas a superioridade do socialismo-comunismo sobre a formación social capitalista. Iso a pesar das difíciles condicións históricas en que se desenvolveu a revolución, e dos poderosos inimigos internos e externos que o poder soviético tivo que enfrontar, desde o triunfo revolucionario até a contrarrevolución. É un feito que por primeira vez na Historia foi superada a explotación do home polo home e que, na URSS e no resto de países socialistas, sentaron as bases para a conformación dunha sociedade superior, libre de explotación e de toda forma de opresión. Por iso hoxe é a nosa tarefa non só reivindicar os avances da construción socialista, senón tamén utilizalos para explicar ás masas que as súas reivindicacións laborais e sociais son obxectivos posíbeis de garantir a condición de que desapareza a propiedade privada dos medios de produción.

A Gran Revolución Socialista de Outubro de 1917 marcou o camiño a seguir: demoler as relacións de produción capitalistas e ao Estado capitalista a través da Revolución Socialista; socializar os medios de produción concentrados para dar paso a unha economía centralmente planificada, baixo o control obreiro da produción e da distribución do produto social; levantar a democracia socialista-comunista desde os centros de traballo entendidos como células básicas dun novo poder: a ditadura proletaria que garante a defensa do poder obreiro, que se erixe nun novo tipo de Estado que arrincona até a súa completa desaparición todo rastro de relacións mercantís de produción, todo rastro de explotación e opresión duns seres humanos por outros, até o completo triunfo do comunismo.

Que a Unión Soviética e a maioría do campo socialista fose temporalmente derrotada son feitos que non negan que seguimos vivindo na época de transición do capitalismo ao socialismo. Por iso, é a nosa responsabilidade, e de ninguén máis, dar os pasos necesarios para que este século sexa o de novas revolucións proletarias triunfantes.

Nos nosos días, precisamente pola ausencia do bloque socialista, o perigo da guerra imperialista xeneralizada é moi real. Preocúpanos enormemente que a clase obreira e os pobos volvan ser utilizados como carne de canón na confrontación baixo pavillón alleo. Ao mesmo tempo, estamos plenamente convencidos de que o movemento comunista internacional é a única forza capaz de propor unha alternativa propia, favorábel á maioría obreira e popular de todos os países, sobre a base da construción dun mundo libre de explotación e guerra, sobre a base dunhas relacións entre países baseadas na cooperación mutua e non no saqueo e o espolio.

No 100 Aniversario da Gran Revolución Socialista de Outubro manifestamos o noso compromiso para continuar a tarefa dos bolxeviques. Como herdeiros de Outubro, estamos dispostos a traballar  decididamente para desenvolver as ferramentas necesarias que axuden ao avance de todos os Partidos Comunistas e Obreiros do mundo na súa loita revolucionaria.

É o noso compromiso, é a nosa tarefa, é a nosa responsabilidade.

Moitas grazas.

Viva a Gran Revolución Socialista de Outubro!
Viva o marxismo-leninismo!
Viva o XIX Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros!
Proletarios de todos os países, unídevos!

Fonte: PCPE
Tradución a galego: Revista FORXA

Na foto: Raúl Martínez Turrero, Secretario do Comité Central do PCPE, intervindo no XIX EIPCO.