A Gran Revolución Socialista de Outubro marcou o camiño a seguir

Hai cen anos o proletariado ruso rompeu o xeo, marcando o camiño a seguir para o movemento obreiro revolucionario de todos os países. Coa toma do poder político en Rusia, o 7 de novembro de 1917 (25 de outubro no antigo calendario), iníciase unha nova época na Historia da Humanidade: a época da transición do capitalismo ao socialismo-comunismo, a era das revolucións proletarias.
Foi o propio Lenin quen sinalou, tras unha exhaustiva análise do desenvolvemento do capitalismo na Rusia de principios do século XX e tras expor a súa teoría sobre o imperialismo, que “o capitalismo monopolista de Estado é a preparación material máis completa para o socialismo, a súa antesala, un chanzo da escaleira histórica entre o cal e o chanzo chamado socialismo non hai ningún chanzo intermedio”.
Tras a breve experiencia do proletariado parisiense durante os días heroicos da Comuna en 1871, a Gran Revolución Socialista de Outubro converteu en realidade o primeiro programa científico da clase obreira, exposto por Marx e Engels no Manifesto do Partido Comunista de 1848. A clase obreira, continuadora da loita de todas as clases sociais explotadas ao longo da historia, arrastrando coa súa loita a todas as capas populares, convertíase por vez primeira en clase dirixente e, levantando un Estado de novo tipo baseado no poder dos soviets, exerceu a ditadura do proletariado para abolir por primeira vez na historia a explotación duns seres humanos por outros.
O Partido Bolxevique demostrou que no proceso revolucionario o Partido Comunista xoga un papel insubstituíbel. Os bolxeviques souberon extraer certeiras conclusións sobre as revolucións europeas de 1848, sobre a experiencia da Comuna de París de 1871 e sobre a loita das clases explotadas na Rusia de finais do século XIX. Contaban ademais coas ensinanzas da rica experiencia da Revolución de 1905, da que naceron os soviets, e aprenderan a loitar en todas as condicións, de fluxo e de refluxo  revolucionario, nos estreitos marxes da legalidade zarista e na máis dura clandestinidade.
O Partido Bolxevique estaba preparado ideolóxica, política e organizativamente para a toma do poder. Contaba cunha análise precisa sobre a fase monopolista do capitalismo e sobre a posición de Rusia na pirámide imperialista; fora quen de restablecer a teoría marxista sobre o papel de Estado; Lenin expuxera de forma maxistral a súa teoría da revolución nas condicións do imperialismo, precisando as condicións en que unha situación revolucionaria se  pode converter en crise revolucionaria e o camiño cara ao socialismo en relación coa guerra imperialista. Lenin e os bolxeviques libraran unha loita sen cuartel, en todos os terreos da teoría, contra os menxeviques e contra todas aquelas correntes que defendían posicións revisionistas e oportunistas no seo do movemento obreiro, forxando nesa loita unha estratexia precisa para a toma do poder, para organizar a Revolución Socialista.
O Partido Bolxevique tamén se preparara dende un punto de vista organizativo e político. Nunha loita implacábel contra as formas artesanais de traballo e contra o oportunismo nas cuestións organizativas, os bolxeviques organizaran un partido de revolucionarios profesionais, profundamente vinculado ás masas, profundamente proletario dende un punto de vista clasista: un partido de novo tipo. Baixo dirección leninista, o Partido Bolxevique demostrou unha altísima capacidade para adecuar a estratexia revolucionaria ás condicións cambiantes da loita de clases, a través das viraxes tácticas necesarias e de consignas precisas para orientar a loita das masas obreiras e campesiñas, para forxar as súas alianzas en cada momento da loita.
En todo este proceso destaca a figura de Lenin, convertido en xefe do proletariado mundial. A súa inmensa aportación teórica en todos os terreos, a súa valentía á hora de confrontar cada desviación ideolóxica e a súa habilidade para relacionar teoría e práctica, quedaron definitivamente confirmadas na exposición das Teses de Abril, nas que analizando cientificamente a Revolución de Febreiro de 1917 constatou a existencia dunha dualidade de poderes, apuntando como obxectivo á toma do poder pola clase obreira e á implantación da ditadura do proletariado, dando lugar a aquel “dez días que estremeceron ao mundo” coa vitoria da primeira Revolución Socialista da Historia.
O marxismo acadou con Lenin un novo estadio de desenvolvemento, o marxismo-leninismo forxouse como a cosmovisión científica da clase obreira mundial na época do imperialismo. Hoxe, transcorrido un século dende entón, o desenvolvemento dos acontecementos veu a confirmar as ensinanzas leninistas.
Se na Rusia de 1917 se confirmou que existían as condicións para o tránsito ao socialismo, cen anos despois as forzas produtivas desenvolvéronse até tal punto que permitiría resolver os grandes problemas que afronta a Humanidade. Existen as condicións obxectivas para satisfacer por completo as necesidades sociais, para elevar ao ser humano a un novo estadio en plena harmonía co medio natural, para iniciar, dunha vez por todas, a verdadeira Historia dunha Humanidade emancipada.
A Gran Revolución Socialista de Outubro de 1917 marcou o camiño a seguir: demoler as relacións de produción capitalistas e ao Estado capitalista a través da Revolución Socialista; socializar os medios de produción concentrados para dar paso a unha economía centralmente planificada, baixo o control obreiro da produción e da distribución do produto social; levantar a democracia socialista-comunista dende os centros de traballo entendidos como células básicas dun novo poder: a ditadura proletaria que garante a defensa do poder obreiro, que se erixe nun novo tipo de Estado que arrincona até a súa completa desaparición todo rastro de relacións mercantís de produción, todo rastro de explotación e opresión duns seres humanos por outros, até o completo triunfo do comunismo.
O Comité Central do Partido Comunista —PCPE— considera que esa é a tarefa do noso tempo e, por tanto, o obxectivo que deben perseguir os Partidos Comunistas no momento presente. A Gran Revolución Socialista de Outubro marcou o camiño, a loita de clases é unha loita directa pola vitoria obreira, unha loita directa polo socialismo-comunismo.
Outubro impulsou a loita revolucionaria da clase obreira mundial
Co triunfo do proletariado en Rusia a loita contra as posicións revisionistas, predominantes na II Internacional, entrou nun novo estadio. Durante a Primeira Guerra Mundial confirmouse que unha maioría dos partidos socialdemócratas, traicionando os principios do internacionalismo proletario, completaran a súa integración no campo do imperialismo, participando en distintos gobernos capitalistas e/ou votando favorablemente os créditos que permitían proseguir a guerra imperialista na que os traballadores eran utilizados como carne de canón polas burguesías de cada país contendente.
Era imprescindíbel reagrupar á clase obreira revolucionaria baixo novas formas que garantiran a independencia política, ideolóxica e organizativa do proletariado. Á calor do triunfo da Gran Revolución Socialista de Outubro, as masas proletarias de todos os países entraron nun novo estado de efervescencia revolucionaria e intensificaron os debates no seo dos vellos partidos socialistas. Lenin propuxo organizar unha nova Internacional baixo cuxas bandeiras conducir a loita revolucionaria polo poder.
A fundación da III Internacional, en marzo de 1919, elevou a organización do proletariado mundial a un estadio superior. A partir de entón, e garantindo o respecto ás 21 condicións para o ingreso na Internacional Comunista, que implicaban unha ruptura efectiva con toda posición revisionista, nacerán os partidos comunistas e, con eles, o Movemento Comunista Internacional.
O Comité Central do Partido Comunista rende homenaxe aos homes e mulleres que en abril de 1920 formaron o primeiro Partido Comunista no noso país, iniciando un camiño que conduciría pouco después, en novembro de 1921, ao nacemento do Partido Comunista deEspaña - Sección Española da I.C., baixo o impulso da Gran Revolución Socialista de Outubro.
Nos tempos da clandestinidade baixo a Ditadura de Primo de Rivera e no período de loita legal durante a II República; nos gloriosos días da Revolución de Outubro de 1934 e durante o duro período de represión contrarrevolucionaria; nos case tres anos de guerra nacional-revolucionaria contra o fascismo e en catro décadas de clandestinidade durante a noite franquista; a clase obreira española contou coa solidariedade do país dos soviets e do Movemento Comunista Internacional. A organización das Brigadas Internacionais, conformadas por miles de voluntarios de decenas de países, que combateron e derramaron o seu sangue na desigual guerra antifascista que libraba o pobo español, é sen dúbida un dos maiores exercicios de internacionalismo proletario que coñeza a Historia.

Durante décadas, a clase obreira española sentiu como propias as conquistas do proletariado soviético e celebrou cada avance da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas e de todos os países socialistas, que fortaleceron e guiaron a loita da clase obreira española. O avance na dirección do PCE das posicións revisionistas e antisoviéticas, a partir de 1956, que conduciron á súa completa liquidación como partido bolxevique, non empanou o feito de que, para unha gran masa de comunistas e para amplísimos sectores obreiros e populares, a URSS continuou sendo o principal baluarte do movemento obreiro internacional, da paz mundial, dos dereitos sociais e o factor fundamental para conter os plans agresivos do imperialismo.
A Unión Soviética demostrou a superioridade do socialismo-comunismo
O poder obreiro demostrou durante décadas a superioridade do socialismo-comunismo sobre a formación social capitalista. A pesar das difíciles condicións históricas en que se desenvolveu a revolución, e dos poderosos inimigos internos e externos que o poder soviético tivo que enfrontar, dende o triunfo revolucionario até a contrarrevolución, é un feito que por primeira vez na Historia foi superada a explotación do home polo home e que na URSS, principalmente, pero tamén no resto de países socialistas, sentaron as bases para a conformación dunha sociedade superior, libre de explotación e de toda forma de opresión.
O impresionante desenvolvemento das forzas produtivas, libres da constrición das relacións sociais de produción capitalistas —baseadas na propiedade privada e dirixidas ao beneficio privado duns poucos—, permitiron unha ampla satisfacción das necesidades populares, descoñecida até entón. Conquistáronse dereitos en todos os ordes da vida: dereitos laborais, sociais e políticos que, até entón, foran  negados ás amplas masas populares.
Construíuse unha sociedade de pleno emprego —conquista histórica e exclusiva do socialismo-comunismo— na que o avance das relacións socialistas de produción permitiu un altísimo desenvolvemento científico-técnico; púxose fin á secuela do analfabetismo e desenvolvéronse a cultura e todas as artes ao servizo das maiorías traballadoras, mentres se reducía o tempo de traballo permitindo con iso o seu desfrute  e sentando as condicións para unha ampla participación política das masas, para a súa activa implicación na administración do Estado.
Na Unión Soviética reducíronse as desigualdades entre o campo e a cidade, romperon as barreiras entre o traballo manual e o intelectual, sentaron as condicións para a convivencia pacífica, igualitaria, libre e voluntaria das nacións até entón oprimidas polo nacionalismo ruso; sentaron as bases para a erradicación da histórica desigualdade das mulleres, que por primeira vez conquistaron dereitos reais negados en todos os países capitalistas; practicouse unha política internacional baseada no internacionalismo, na solidariedade, na unidade fraternal con todos os pobos oprimidos polo imperialismo.
O desenvolvemento do poder soviético serviu de estímulo á loita obreira en todos os países. O exemplo da URSS, que alimentaba o temor capitalista á Revolución, permitiu que nos países capitalistas se conquistasen dereitos laborais, sociais e políticos que foran negados até entón.
A Unión Soviética e o Movemento Comunista Internacional foron o factor decisivo para derrotar ao nazi-fascismo. É un feito que as potencias capitalistas pretendían dirixir a besta nazi-fascista contra a URSS. Antes, durante e despois da guerra demostrouse a conivencia das potencias capitalistas co nazi-fascismo. A mesma conivencia que demostraron na nosa Guerra Nacional-revolucionaria as chamadas democracias capitalistas co golpe fascista á II República baixo a repugnante escusa do Pacto de Non Intervención, do que participaron activamente as forzas socialdemócratas. Baixo a guía de o PCUS, dirixido por Stalin, o pobo soviético derrochou heroísmo e, pagando un alto prezo, garantiu a gran vitoria antifascista dos pobos.

Tras a II Guerra Mundial, a Unión Soviética contribuíu ao triunfo do socialismo-comunismo e das democracias populares en varios países do centro e do leste europeo, dando lugar ao xurdimento do campo socialista e á voadura do sistema colonial, que permitiu que máis dun centenar de países acadasen a independencia.
Abriuse un novo período de posibilidades revolucionarias, no que a correlación de forzas se inclinaba ao lado do movemento obreiro revolucionario e ao lado dos pobos. Con todo, mentres as potencias imperialistas non perdían tempo en desatar a Guerra Fría, o Movemento Comunista Internacional non foi capaz de definir unha estratexia revolucionaria adecuada aos tempos de posguerra. Fosilizouse a táctica acordada no VII Congreso da Internacional (disolta en 1943), e comezaron a estenderse posicións que negaban as ensinanzas da Gran Revolución Socialista de Outubro e o seu valor universal. As forzas revisionistas que até entón foran derrotadas polo marxismo-leninismo, comezaron a gañar forza, tanto no seo dos partidos que loitaban en países capitalistas como naqueles partidos que se atopaban no poder, tamén no PCUS.
Co triunfo da Gran Revolución Socialista de Outubro comezou en termos políticos o século XX e co triunfo da contrarrevolución (1989-1991), terminou. Contra os países socialistas, e moi especialmente contra a Unión Soviética, as potencias imperialistas libraron unha guerra de alta intensidade en todos os terreos: guerra psicolóxica e cultural, espionaxe e sabotaxe, política de cerco e apoio ás forzas contrarrevolucionarias do interior, guerra económica e militar.
A Unión Soviética partía dunha clara desvantaxe coas potencias capitalistas. O poder socialista construíuse nun país arrasado polos efectos da Primeira Guerra Mundial, no que se librou unha intensa guerra civil, acompañada dunha intensa intervención estranxeira dirixida a derrocar o poder obreiro.
A diferenza das potencias imperialistas, a Unión Soviética foi capaz de enfrontar os importantes atrasos que caracterizaban ao capitalismo en Rusia, de acadar espectaculares avances sociais dirixidos a satisfacer as necesidades populares, de reconstruír o país e de prepararse en termos militares para a nova guerra imperialista que se aveciñaba. E todo iso sen obter recursos adicionais da explotación de terceiros países á vez que se libraba unha dura loita por eliminar todo rastro de explotación.
A Unión Soviética fixo un sacrificio incomparábel durante a guerra antifascista. A destrución causada pola invasión alemá afectou a importantes infraestruturas, a base económica do país foi novamente destruída. O pobo soviético pagou con máis de vinte millóns de mortos o prezo da vitoria contra o nazi-fascismo, ademais dos máis de dez millóns de feridos e lisiados.
Ningunha potencia capitalista pagou un prezo similar. Os Estados Unidos, en cuxo territorio non se librou batalla algunha nin na Primeira nin na Segunda Guerra Mundial, e que se alzaba xa como primeira potencia imperialista, partiu nas condicións de posguerra nunha clara posición de vantaxe que lle permitiu lanzar con éxito a súa política de cerco ao campo socialista e moi especialmente á Unión Soviética, desatando a carreira armamentista e a Guerra Fría.
Malia a importancia destes factores, as causas determinantes do triunfo da contrarrevolución foron internas. Pode constatarse que até terminado o período de reconstrución que seguiu á guerra imperialista, o poder soviético seguiu unha liña de conquistas ascendente e primaron no seo do Partido, baixo dirección de Lenin e Stalin, as posicións revolucionarias.
Tralo período de reconstrución, as forzas produtivas acadaron na URSS un altísimo grao de desenvolvemento que esixía cambios revolucionarios nas relacións sociais de produción, dirixidos a acadar un novo estadio de correspondencia entre unhas e outras. Nestas condicións, desatáronse intensos debates no seo do Partido, especialmente debates económicos.
Tralo falecemento de Stalin (marzo 1953) avanzaron gradualmente as posicións oportunistas no seo do PCUS, favorecidas polo clima de cerco imperialista e tamén polo cambio na composición do Partido, cuxas filas ampliáranse notabelmente durante e despois da guerra antifascista, na que perderon a súa vida amplos sectores militantes probados e moitos cadros comunistas.
Eses cambios na correlación de forzas expresáronse no XX Congreso do PCUS (febreiro 1956), no que se aprobaron toda unha serie de posturas oportunistas relacionadas coa construción do socialismo e favoreceuse a adopción de posicións que buscaban responder con medidas de corte capitalista a problemas que, pola contra, esixían unha profundización socialista-comunista.
Xerouse unha correlación de forzas que levaría ao cabo a defender a tese revisionista de que a construción do socialismo-comunismo é compatíbel coa existencia de relacións mercantís de produción, distribución e cambio, que posteriormente irían estendéndose.
Xunto a debates de fondo que afectaban á esencia da construción socialista-comunista, ás súas leis obxectivas, o denominado Informe Secreto presentado sorpresivamente por Nikita  Kruschev foi o inicio dunha liña de renuncia e claudicación político-ideolóxica que golpearía con forza ao conxunto do Movemento Comunista Internacional, cedendo posicións diante da propaganda negra do nazismo, replicada trala guerra polos centros ideolóxicos imperialistas, e favorecendo unha revisión da historia do PCUS e da construción do socialismo-comunismo na URSS que rehabilitaba aos sectores oportunistas e illaba as posicións revolucionarias, utilizando como cabeza de turco a figura de Stalin.
A liña oportunista estendeuse en posteriores Congresos do PCUS nunha aberta violación das leis que rexen a construción do socialismo-comunismo e mesmo da propia legalidade soviética. Infravalorouse e mesmo negouse a continuidade da loita de clases durante todo o período da construción do socialismo, incorreuse en erros na análise da pirámide imperialista e nas relacións entre o campo socialista e o campo imperialista, con formulacións erróneas como a “coexistencia pacífica”. O carácter de clase do Partido e do Estado alteráronse, adoptando as formulacións acientíficas de “Estado de todo o pobo” e “Partido de todo o pobo”.
A extensión gradual das relacións capitalistas de produción, tanto legais como ilegais (capital na sombra), xeraron unha forza social contrarrevolucionaria que tiña o seu claro reflexo no seo do Partido e da súa dirección. A legalidade socialista convertíase nun obstáculo para a circulación e reprodución do capital. O oportunismo madurou nunha forza contrarrevolucionaria que, durante os anos 80 do pasado século, coa política da Perestroika, sentou as bases para o restablecemento progresivo do capitalismo e, finalmente, para derrubar a superestrutura socialista: a URSS foi liquidada e triunfou por completo a contrarrevolución.
A primeira experiencia de construción socialista, inaugurada coa Gran Revolución Socialista de Outubro, malia todo erro ou desviación, demostrou a superioridade do socialismo-comunismo. O feito de que triunfase a contrarrevolución capitalista non demostra a imposibilidade de construír o socialismo-comunismo, senón a imposibilidade de construílo recorrendo a mecanismos propios das relacións sociais capitalistas, demostra a incompatibilidade do socialismo-comunismo coas relacións mercantís e a necesidade de que o Partido Comunista conduza a loita de clases durante a construción socialista até o triunfo definitivo das relacións comunistas de produción, sen facer ningunha concesión de principios ao imperialismo e ás forzas oportunistas.
Ningunha formación social impúxose ao longo da Historia de forma lineal, á primeira e dunha vez por todas. O propio capitalismo tardou más de catro séculos en implantarse, tras unha serie de revolucións e contrarrevolucións-restauracións, pero finalmente impúxose. Nese sentido, o triunfo da contrarrevolución é temporal, pois lonxe do afirmado polos ideolóxicos burgueses, demostrouse que a loita de clases prosegue, e sobre esa base prosegue tamén a loita anticapitalista que dará como resultado o triunfo de novas revolucións que abran o camiño a unha Humanidade emancipada.
A crise do Movemento Comunista Internacional
A disolución da Internacional Comunista (15 de maio de 1943) privou ao movemento comunista dun centro de dirección internacional e supuxo organizativamente un paso atrás para o movemento obreiro revolucionario, que non foi emendado pola creación da Oficina de Información dos Partidos Comunista e Obreiros (Kominform, outubro de 1947 - abril de 1956), nin polos posteriores Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros.
A propaganda burguesa  insistiu intencionadamente en presentar á Internacional como un apéndice do PCUS; pero o certo é que, dende a súa mesma fundación até a súa disolución, no seu seo libráronse importantes debates, do mesmo xeito que no seo do PCUS e o resto de Partidos Comunistas e Obreiros, sobre a estratexia revolucionaria. Unha das tarefas que debe afrontar o movemento comunista é o estudo rigoroso dos debates habidos nos sete congresos da I.C., das distintas posicións existentes e da súa repercusión na práctica revolucionaria.
A estratexia aprobada polo VII Congreso da I.C., baseada na conformación de Frontes Populares para facer fronte ao nazi-fascismo, mantívose inalterada tras a II Guerra Mundial, e foi reinterpretada no sentido de pacto cos “sectores non reaccionarios”, os “sectores democráticos”, ou os “sectores antimonopolistas” da burguesía. Fosilizouse na estratexia dos Partidos Comunistas a loita por unha etapa de “democracia antimonopolista”, de “democracia avanzada”, como paso ou etapa previa á construción socialista. Con iso, abandonáronse paulatinamente as ensinanzas leninistas probadas durante a Gran Revolución Socialista de Outubro, e entrouse nunha fase caracterizada pola ausencia real dunha estratexia para a toma do poder por parte de moitos partidos comunistas.
Os acordos adoptados polo XX Congreso do PCUS sobre a pluralidade de vías cara ao socialismo, incluída a parlamentaria, viñeron profundar esa crise. Varios partidos comunistas optaron pola vía parlamentaria, retomando as posicións defendidas pola II Internacional que no seu día foron confrontadas e refutadas por Lenin e os bolxeviques. O XX Congreso impactou con forza en moitos partidos comunistas, entre eles no Partido Comunista de España.
Durante as propias sesións do XX Congreso (febreiro de 1956), e á vista do Informe Secreto, da política de coexistencia pacífica, da crítica ao culto á personalidade, e da pluralidade de vías ao socialismo, víronse fortalecidas as aspiracións do grupo oportunista liderado por Santiago Carrillo, que se saldou coa aprobación por parte do Buró Político da Política de Reconciliación Nacional, en xuño de 1956, e co nomeamento de Carrillo como Secretario Xeral no VIN Congreso (Praga, 1960).
Pode concluírse que no conxunto do Movemento Comunista Internacional interactuaron as posicións oportunistas das diferentes correntes que ían conformándose, tanto nos partidos no poder (kruschevianos, maoístas, titistas...) como nos partidos que loitaban en países capitalistas, nos que foi conformándose unha corrente liquidadora: o Eurocomunismo. As teses desas correntes, lonxe de verse confirmadas na práctica, sumiron ao Movemento Comunista Internacional nunha profunda división, que viña a sumarse á ausencia dunha estratexia revolucionaria unificada para a toma do poder.
Co triunfo da contrarrevolución na Unión Soviética, as teses revisionistas no seo do Movemento Comunista Internacional resultaron fortalecidas. Moitos partidos foron completamente liquidados, outros abandonaron toda defensa da loita comunista e das revolucións socialistas e das experiencias na construción socialista-comunista durante o século XX e sufriron un intenso proceso de socialdemocratización, abandonando tanto na práctica como formalmente o marxismo-leninismo. En moitos casos, penetraron con forza posicións de certa “intelectualidade de esquerdas” que viñan corroer o carácter de clase e os obxectivos esenciais dos partidos comunistas, que viñeron cubrir o flanco esquerdo do arco parlamentario ou supeditarse aos denominados “novos movementos sociais” e aos “novos suxeitos emerxentes”, véndose profundamente influenciados polas correntes postmodernas en boga.
A convocatoria por parte do Partido Comunista de Grecia (KKE) do I Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros (Atenas, 1998), primeiro tras o triunfo da contrarrevolución, supuxo un claro punto de inflexión, tratando de reagrupar por primeira vez aos partidos comunistas trala liquidación da URSS, do Campo Socialista e de boa parte do Movemento Comunista Internacional.
Os sucesivos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros convertéronse nun importante punto de encontro e de intercambio de opinións, pero confirmaron tamén a existencia de profundas desavinzas político-ideolóxicas, xustificadas moitas veces tras a máscara dunha supostamente positiva pluralidade.
A fundación da Revista Comunista Internacional (2009) e o posterior nacemento da Iniciativa de Partidos Comunistas e Obreiros de Europa (2013) supuxo a positiva aparición de ámbitos de colaboración comunista reforzada, nos que ademais do mero intercambio de informacións, por primeira vez desde a contrarrevolución, empréndese unha colaboración ideolóxica que trata de restablecer o punto de vista marxista-leninista sobre os máis variados aspectos e de acadar posicións político-ideolóxicas comúns que permitan sentar as bases para a superación da grave crise en que continúa o Movemento Comunista Internacional.
Seguimos o camiño da Gran Revolución Socialista de Outubro
O Partido Comunista dos Pobos de España afronta con optimismo o Centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro, disposto a contribuír na medida das nosas posibilidades á definición dunha estratexia revolucionaria dirixida á toma do poder nas condicións contemporáneas.
Tras décadas de crise, retroceso e liquidación no movemento comunista español, o IX Congreso do Partido (decembro de 2010) apuntou como obxectivo da clase obreira a loita polo socialismo-comunismo, partindo do feito incontestábel de que existen, como nunca antes ao longo da Historia, as condicións materiais que permitirían satisfacer as necesidades obreiras e populares, polo que todos os esforzos deben dirixirse a preparar as forzas que derroquen o único obstáculo que impide pór fin á explotación duns seres humanos por outros: as relacións de produción capitalistas, asentadas sobre a propiedade capitalista privada, e o Estado que sobre elas se erixe.
As nosas posicións, confirmadas polo X Congreso (xuño de 2016), contribuíron de maneira destacada a abrir un serio debate no seo do movemento comunista español, que por vez primeira en moitas décadas asumía o reto de analizar autocriticamente a súa propia historia e a do conxunto do Movemento Comunista Internacional. Se é a preparación das forzas que leven a cabo a Revolución Socialista, todas as vellas concepcións rexidas pola vella estratexia etapista ou parlamentaria debían ser substituídas por liñas de traballo acordes ao obxectivo da toma de poder: tipo de partido, métodos e estilo de traballo, alianzas, traballo coa clase obreira e con as masas populares, prioridade de frontes de traballo, etc.
Ese imprescindíbel proceso de clarificación e de restablecemento dunha estratexia revolucionaria acorde ás ensinanzas marxistas-leninistas, non podía deixar de desatar profundas resistencias e incomprensións, tanto no interior como no seo doutras forzas que en España se reclaman comunistas. Por unha banda, porque é un feito incontestábel que a loita de clases se reproduce no seo das organizacións políticas, que non se desenvolven nunha urna de cristal, senón profundamente influídas polos debates e intereses de clase presentes na sociedade en que actúan e, por outro, porque o movemento comunista do noso país foi golpeado por un proceso liquidador que se desenvolveu durante décadas, no que o eurocomunismo se fixo hexemónico, e no que operaron todo tipo de desviacións e influencias ideolóxicas das más variadas tendencias.
A recuperación da estratexia revolucionaria foi contestada dende vellas posicións, ancoradas polas limitacións do traballo dos peores momentos da nosa historia e pola estreiteza de vellas formulacións superadas pola vida, que levaron ao grupo oportunista que se teceu no seo do Partido a organizarse fraccionalmente, para tratar de derrocar a estratexia revolucionaria, desempoando os vellos manuais do carrillismo no que foron educados. Pero, esta vez, esas prácticas sufriron unha derrota en toda liña, alineándose unha gran maioría de cadros, de comités e de células do Partido e da Mocidade coas posicións revolucionarias na Conferencia Central celebrada o 20 de maio, que deu lugar á convocatoria do XI Congreso do Partido para os días 18 e 19 de novembro.
Confírmase así un cambio de tendencia no movemento comunista español, un punto de inflexión cara á recuperación e fortalecemento dos principios marxistas-leninistas, cara á definición dunha estratexia revolucionaria e actual cara á toma do poder, que se converte na mellor homenaxe da militancia comunista do Estado Español os homes e mulleres que, hai un século, levantaron as bandeiras vermellas da clase obreira e marcaron o camiño a seguir, baixo a dirección de Lenin e do Partido Bolxevique.
O XI Congreso do Partido, ademais de profundizar nas análises do imperialismo e do papel do Estado Español na pirámide imperialista, afrontará o reto esencial de configurar o Partido como partido de novo tipo, de priorizar o traballo entre a clase obreira e de virar a organización comunista cara aos centros de traballo.
A mellor homenaxe á Gran Revolución Socialista de Outubro é continuar o camiño trazado. Para iso noso XI Congreso sitúa dous retos para o futuro inmediato aos que está chamado a contribuír todo o movemento comunista español: abordar críticamente nosa propia historia, extraendo as conclusións que nos permitan fundamentar a estratexia revolucionaria no presente; e dar os pasos para a elaboración dun novo Manifesto-Programa, no que sobre a base dun estudo científico do capitalismo español, se sinalen os pasos que permitan guiar á clase obreira ao poder, trazando as liñas programáticas da construción do socialismo-comunismo en España.
Este mes de outubro de 2017 se  cumpren 73 anos  desde que miles dos nosos guerrilleiros, tras contribuír decisivamente a liberar Francia da besta nazi-fascista, cruzaron a fronteira española dispostos a proseguir a loita de liberación. Na súa retirada do Val de Arán, aqueles homes e mulleres deixaron escrita unha promesa de futuro sobre a cortiza das árbores do Pirineo: “Volveremos na primavera”.
No 100 Aniversario da Gran Revolución Socialista de Outubro, rendemos homenaxe a todos os homes e mulleres que entregaron a súa vida á causa da clase obreira, á causa do comunismo. Recollemos hoxe as súas bandeiras de loita e o seu exemplo heroico, para superar o longo inverno de predominio revisionista no movemento comunista español. Sentáronse as condicións para o inicio dunha nova ofensiva revolucionaria, que abra o paso a unha nova Primavera na que ondeen bandeiras nas que se poida ler: “de cada cal segundo a súa capacidade, a cada cal segundo o seu traballo”, que darán lugar ao comezo da verdadeira Historia dunha Humanidade para sempre emancipada baixo unha última e definitiva consigna: “de cada cal segundo a súa capacidade, a cada cal segundo as súas necesidades”. Entón, e só  entón, venceriamos.
Viva a Gran Revolución Socialista de Outubro!
Viva o marxismo-leninismo!
Proletarios de todos os países, unídevos!
Fonte: Novo Rumbo #4