Defendamos as nosas pensións loitando.

 

Comunistas da Galiza-PCPE chama ao conxunto dos traballadores e traballadoras a apoiar as mobilizacións sindicais en marcha pola defensa do sistema público de pensións.

As sucesivas contrarreformas impostas polos gobernos inimigos da clase obreira, tanto liberais como socialdemócratas, supuxeron un ataque continuado contra os dereitos dos traballadores baseado na suposta “insostenibilidade” do sistema público de pensións.

Os duros recortes planificados polos gobernos dos monopolios apuntan ao desmantelamento do sistema público de pensións, preparando a súa privatización e a súa transformación nun novo espazo para a acumulación de capital. O obxectivo destas medidas é o saqueo da caixa da Seguridade Social, de todo o aportado polas clases traballadoras ao longo de vidas enteiras entregadas ao traballo.

Para favorecer os seus plans privados, arroxan á miseria a quen cotizou toda a vida , á inmensa maioría que non ten con que pagarse un plan privado ou un concerto coa Seguridade Social e aos milleiros de familias que, carecendo dun posto de traballo e/ou dun teito, dependen dos seus maiores para sobrevivir.

Respondamos con mobilización. Paremos o retroceso dos nosos dereitos mediante a loita.

Defendamos o sistema público de pensións, unha conquista histórica da nosa clase, da loita sindical e da unidade obreira.

Por unhas pensións dignas para quen traballou toda a vida!

Por un país para a clase obreira!