Declaración do Secretariado Político do PCPE ante os sucesos en Catalunya.


O Partido Comunista dos Pobos de España segue con preocupación os acontecementos que se suceden en Catalunya. Dende o convencemento de que se aveciñan tempos difíciles, o noso Partido traslada unha serie de reflexións coa intención de axudar a que os traballadores e traballadoras do noso país defendan unha posición política independente, evitando calquera división que prexudique a clase obreira e ao pobo.

1º.- O pasado 1 de outubro o pobo catalán mobilizouse masivamente en defensa do seu dereito democrático á autodeterminación. Unha mobilización que foi salvaxemente reprimida polo Estado español, causando centos de feridos. O Goberno do Partido Popular é o único responsábel do sucedido. As mobilizacións non perderon intensidade até o día de hoxe, no que nos seguimos mobilizando masivamente contra a represión. 

2º.- Hai tempo que vimos advertindo de que non é posíbel o exercicio do dereito de autodeterminación no marco do capitalismo español. Na nosa opinión, a derrota do Estado só é posíbel intensificando a loita obreira e popular co obxectivo da toma do poder. Só derrotando ao Estado capitalista poderán os pobos do Estado Español abrir o camiño que permita decidir libre e democraticamente o seu futuro. Unha declaración unilateral de independencia non terá ningunha efectividade real nun Estado en que se mantén intacto o poder dos monopolios, e por tanto a capacidade deste de exercer a violencia.

3º.- A clase obreira catalá nada ten que gañar no actual proceso independentista, dirixido por aqueles que durante as últimas décadas intensificaron a explotación capitalista e reprimiron duramente as mobilizacións obreiras e populares empregando aos Mossos d´Escuadra. O proxecto que lidera o President Puigdemont, é máis do mesmo: un novo Estado capitalista levantado sobre a propiedade privada dunha manda de parasitos e integrado no marco da Unión Europea, alianza imperialista enfrontada aos intereses da clase obreira e dos pobos. 

O inimigo da clase obreira é o capitalismo e non os traballadores e traballadoras de calquera outra nación. Ningunha confianza no Goberno de Catalunya. Situemos en primeiro lugar as reivindicacións de clase e pronto veremos como se disolve a falsa aparencia de “unidade nacional” entre explotados e explotadores que nin existe nin pode existir baixo ningunha bandeira nacional.  

4º.- Propugnamos a máis ampla unidade entre os traballadores e traballadoras de todos os pobos do Estado Español e chamamos a defender os nosos intereses de clase por enriba de calquera división nacional. Ao mesmo tempo, chamamos aos traballadores dos pobos do Estado Español a levantarse e loitar contra a represión que están a sufrir os nosos irmáns de clase e amplos sectores populares en Catalunya. A clase obreira debe rexeitar de plano a actitude do Goberno español, o avance da reacción e calquera manifestación de odio. 

A represión que hoxe se emprega en Catalunya é a mesma que vimos sufrindo en cada folga, en cada mobilización que emprendemos; e se hoxe se lexitimase baixo calquera pretexto en Catalunya, mañá intensificarase en todo o Estado, facendo moito máis difícil a defensa dos nosos dereitos.

5º.- Non podemos compartir a proposta de declaración unilateral de independencia realizada polo Goberno catalán. A clase obreira catalá nada ten que gañar coa independencia, que non sexa máis división e máis represión. Chamamos a loitar contra a dereita catalá, coa que non  temos ningún obxectivo común. Trátase da mesma dereita que onte nos reprimía salvaxemente, que hoxe trata de instrumentalizarnos e que mañá, no marco hipotético dun ilusorio Estado capitalista catalán independente, non dubidaría en volver reprimirnos salvaxemente e en intensificar a explotación da clase obreira por todos os medios ao seu alcance. É a mesma dereita que, no máis que probábel caso de que non acade a independencia, frustrará e traizoará as expectativas creadas en amplos sectores populares da man dun novo acordo entre explotadores.

6º.- Nestes momentos o Goberno do PP trata de chegar a un consenso con PSOE e Cidadáns sobre a forma en que van exercer a represión. A suspensión da autonomía catalá, aplicando o artigo 155 da Constitución, é unha posibilidade real; pero non a única. Felipe VI permanece calado á espera de que a burguesía –incluída a catalá- chegue a un consenso sobre os pasos a dar, só nese momento se atreverá a pronunciarse publicamente, tratando de lograr unha lexitimidade coa que hoxe non conta, seguindo o exemplo do seu pai durante o Golpe de estado do 23-F. 

No momento presente só caben dúas alternativas para o Estado: a suspensión da autonomía catalá, por unha ou outra vía, ou a moción de censura para situar á fronte do Goberno español a un interlocutor que poida negociar unha saída viábel en termos capitalistas co Goberno catalán. En ambos os casos, perde a clase obreira e perde o pobo. 

7º.- A clase obreira debe levantar a súa propia alternativa política. Defender un país para a clase obreira, no que os medios de produción fundamentais sexan propiedade estatal, no que os traballadores e traballadoras se apropien do froito do seu traballo e dirixan a economía, no que se poña fin a toda forma de explotación duns seres humanos por outros. Un país no que non caiba ningunha forma de opresión e no que os pobos e nacións, libre e democraticamente, se pronuncien a favor da unidade no marco dunha República Socialista. Un país no que o poder estea en mans da clase obreira e se fundamente, como principio inalienábel, na unión libre e voluntaria entre os nosos pobos, baseada na máis firme unidade de todos os traballadores. 

8º.- A clase obreira debe manter unha liña de acción independente: 
  • Chamamos á loita solidaria de toda a clase obreira contra calquera tipo de represión estatal contra as lexítimas mobilizacións do pobo catalán e contra calquera manifestación de odio. Paremos o avance da reacción! 
  • Chamamos a loitar contra o Goberno do Partido Popular, contra a Monarquía e contra o avance da reacción. Abaixo o Goberno, abaixo a Monarquía!
  • Chamamos a non confiar na posibilidade dunha moción de censura protagonizada polo PSOE e Podemos, dirixida a reformar a Constitución para modernizar o capitalismo español, facendo máis eficaz a explotación, no marco imperialista da Unión Europea do capital e a guerra. Ningunha confianza na socialdemocracia!
  • Chamamos a situar nas cuestións de clase e as reivindicacións obreiras e populares nas mobilizacións que se desenvolven en Catalunya, opóndose a vías mortas que non traerán beneficio algún á nosa clase. Pola independencia da clase obreira!
  • Chamamos á máxima unidade da clase obreira de todos os pobos de España, á solidariedade e á loita para debilitar a dominación capitalista en Catalunya e no conxunto de España, abrindo o camiño á construción dun país para a clase obreira, baseado no poder obreiro e popular que terá por base a unión libre de pobos libres que sirva de base á futura República Socialista. Por un país para a clase obreira!

Secretariado Político do PCPE | 2 de outubro, 2017