Un curso político crucial para o PCPE.


A partir deste mes entramos nunha fase crucial no desenvolvemento do noso Partido. Fundamentalmente porque en novembro celebraremos o noso XI Congreso, que sen dúbida marcará a superación da nosa recente crise interna, pero tamén porque imos afrontar un período no que se teñen que multiplicar as capacidades da nosa intervención política.

As células e colectivos levan varias semanas debatendo os documentos congresuais, elevando as súas achegas e comentarios e aproveitando estes debates para avaliar as prioridades de traballo que van marcar o período até o XII Congreso. Esta primeira fase de debate, que finalizará a mediados de setembro coa aprobación polo Comité Central dunha nova versión, máis acabada, das teses e a resolución política, dará paso a unha segunda fase que, durante todo o mes de outubro, implicará unha forte presenza da dirección central nas organizacións territoriais.

Avanzamos nun novo modelo de Congreso que permite, dunha vez por todas, abordar adecuadamente os debates prioritarios e abandonar a dinámica anterior que reabría permanentemente debates afastados do que debe ser o obxectivo prioritario dun Congreso comunista: a definición dunha táctica adecuada ao obxectivo estratéxico da organización da Revolución Socialista no noso país.

Ademais dos traballos vinculados ao Congreso, durante o mes de outubro e principios de novembro o Partido desenvolverá múltiples actividades vinculadas á conmemoración do centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro. Estas actividades, sen caer na mera nostalxia e recordo das vitorias do movemento obreiro no pasado, centraranse na vinculación da Revolución de Outubro coa experiencia presente da loita obreira, da loita polo derrocamento do capitalismo e cos retos políticos e organizativos que a nosa clase obreira e nós mesmos, como Partido Comunista, temos por diante.

Unha reivindicación de Outubro que sirva para atopar e organizar a novos loitadores revolucionarios, que permita fortalecer a conciencia da nosa clase e que sitúe obxectivos concretos -non mera palabreiría- na axenda da loita obreira e popular do noso país. Para avanzar nese obxectivo e que a militancia manexe as claves principais desta tarefa, celebraremos en Madrid unha actividade central de formación sobre a Gran Revolución Socialista de Outubro e un gran acto político e cultural que servirán como pistoletazo de saída ao groso dos actos de nosa conmemoración do centenario.

O nexo entre o pasado e o presente do movemento comunista no noso país desenvolverase tamén mediante a campaña “Un país para a clase obreira”, que debe presidir toda a nosa actividade durante este curso político. O obxectivo desta campaña non será simplemente encher de carteis as nosas cidades e barrios. Tampouco imos dedicarnos unicamente a celebrar actos para a nosa militancia e simpatizantes máis próximos. Non; imos desenvolver con audacia un traballo destinado a influír no debate político e a situar como prioritarias as necesidades e os intereses da clase obreira. Imos comezar a disputar en serio a hexemonía das forzas reformistas -a quen lles resulta aceptábel un país da burguesía con algúns dereitos para a clase obreira- entre a nosa clase. E ímolo facer de forma seria, organizada, priorizando os esforzos militantes cara a dous obxectivos: estar presentes de forma real e efectiva entre a clase -sobre todo nos centros de traballo- e consolidar ao Partido Comunista como ferramenta organizativa útil para a clase.

Para logralo é esencial abandonar todo indicio de retórica, de grandilocuencia ou de desapego da realidade á hora de fixar as tarefas das nosas células. Non imos construír nada sen mirarnos a nós mesmos. Pero ao mesmo tempo debemos evitar caer nas trampas que pon a actual hexemonía reformista no movemento obreiro e popular: a nosa actividade endexamais debe reducirse ao seguidismo da axenda política das organizacións reformistas, senón á explicación -a través da nosa presenza na loita obreira e popular diaria- de que é posíbel construír un modelo político e social radicalmente oposto ao actual, de que é posíbel construír un país para a clase obreira.

O Congreso, sen dúbida, colocaranos en mellores condicións para desenvolver as nosas tarefas e facilitará que teñamos unha maior capacidade de intervención. O XI Congreso vai permitir romper coa perniciosa dinámica localista e particularista que impedía que as decisións congresuais se levaran á práctica de forma efectiva. Avanzando na centralización, profesionalización e bolxevización do Partido seremos capaces de fixarnos retos políticos e organizativos más elevados no futuro próximo. Sen palabreiría. Con feitos. Sendo de verdade un Partido Comunista, construíndo de verdade o Partido Comunista cada día, desde xa.

Ástor García
Secretario Xeral do PCPE

Fonte: Novo Rumbo nº3