O PCPE en Istambul, cos camaradas do TKP.


Unha delegación do Partido Comunista dos Pobos de España, encabezada polo seu Secretario Xeral, Ástor García, acompañado por tres membros máis do Secretariado Político —Secretario de Internacional, Secretario de Axitación e Propaganda e un membro da Secretaría de Finanzas— visitou Turquía entre os días 11 e 14 de agosto, convidados fraternalmente polo Partido Comunista de Turquía (TKP).

A viaxe tivo como obxectivo o estreitamento de relacións entre ambos partidos e o coñecemento das realidades de cada país e de ámbalas dúas organizacións, a fin de avanzar na mellora das ferramentas de combate na loita de clases, así como na cooperación entre os comunistas de España e de Turquía.


O TKP e o PCPE, ámbolos dous membros fundadores da Revista Comunista Internacional e da Iniciativa Europea de Partidos Comunistas e Obreiros, abordaron temas de interese común no ámbito internacional, no plano da loita ideolóxica, sobre a situación política en ambos países, sobre a intervención no movemento obreiro, así como sobre organización e finanzas, e axitación e propaganda.

A delegación do PCPE puido comprobar de primeira man a actividade do TKP na rúa, a partir, por exemplo, dun organizado traballo de difusión da prensa comunista. Así mesmo, a presenza e influencia do partido desenvolve un importante traballo no ámbito popular, a través de comités populares e de centros culturais, nos que os membros do PCPE puideron corroborar a forza dos comunistas turcos.

Por outra banda o traballo do TKP no seo do movemento obreiro foi outro dos importantes aspectos da actividade dos comunistas en Turquía que os membros do Secretariado do PCPE puideron coñecer. Un encontro con traballadores do sector metalúrxico —fundamentalmente— e doutros sectores —como traballadores dos aeroportos— tivo lugar durante a xornada do domingo, resultando de gran interese o coñecemento das diferentes realidades obreiras, especialmente no referente á organización sindical nun e outro país. O encontro deuse nunha área campestre onde decenas de militantes e simpatizantes do TKP se reúnen para pasar de pícnic a xornada de descanso, nunha próxima localidade a Istambul, onde reside gran parte do proletariado metalúrxico.


O Secretario Xeral do PCPE, Ástor García, tivo a oportunidade de ofrecer unha charla na sede central do TKP en Istambul, na que abordou a realidade política española e os presentes e futuros retos que o PCPE ten fixados. A charla, ante preto dun centenar de asistentes, pechouse cunha interesante rolda de preguntas por parte do público.

Algo máis dunha fin de semana de intenso traballo entre as direccións do PCPE e do TKP, que se salda cumprindo sobradamente todos os obxectivos previstos e coa certeza de que no futuro os comunistas de Turquía e de España verán fortalecidas as súas organizacións grazas a unha relación moito máis próxima entre ámbolos dous partidos.


Oficina de prensa do PCPE
21 Agosto 2017

Foto 1: Intercambio de presentes entre Kemal Okuyan (SG del TKP) e Ástor García (SX do PCPE).
Foto 2: Reunións bilaterais entre as direccións do TKP e do PCPE.
Foto 3: Encontro con traballdores metalúrxicos do TKP.

Fonte: Novo Rumbo nº3