Crise política e económica en Venezuela: sobre a ANC e a posición dos comunistas.


En España está moi de moda atacar a Venezuela. Para ser precisos, en España recurrentemente atácase a Venezuela dende 1998, pero hai tempadas en que a agresividade se intensifica até extremos vergoñentos.

Durante os últimos meses o nivel de agresividade nos medios chegou a tal grao que, nun acto pouco común pero digno de saúdo, a sección sindical de UXT en RTVE chegou a emitir unha nota informativa para denunciar que nese medio público “non se informa con obxectividade sobre Venezuela”, senón que, a través de “manipulacións bastas e falta de profesionalidade” está a converterse a RTVE en “voceiros sen criterio da oposición venezolana, sen gardar sequera as formas”.

En realidade non é un fenómeno fóra do común. Cada certo tempo atopámonos cunha campaña nos medios contra tal ou cal país, ou contra tal ou cal mandatario, que finalmente acaba sendo obxecto de sancións comerciais, económicas, políticas, golpes de estado, invasións militares ou magnicidios. En ocasións acaban pasando todas esas cousas xuntas nun mesmo país.

No manual da manipulación informativa está escrito en letras de ouro que, cando queres lexitimar unha manobra ou unha inxerencia, necesitas pasar previamente por un período, de duración variábel, de sistemática intoxicación informativa que chegue a xerar un estado de ánimo entre as masas que faga que, mesmo estas cheguen a esixir a intervención ou a inxerencia.

Normalmente a punta de lanza son pretendidas violacións de dereitos humanos. Pero pode valer calquera outro argumento e, sobre todo, que pareza que no resto do mundo —ou no teu propio país— non ocorre nada rechamante ou denunciábel a ese respecto. 

A máxima goebbelsiana de que unha mentira repetida mil veces acábase convertendo en verdade estamos a vivila con Venezuela, onde o obxectivo da brutal campaña (des)informativa que están a levar a cabo, sen excepción, os grandes medios de comunicación deste país, propiedade xeralmente de grandes grupos empresariais, é sumar conciencias á campaña internacional que busca sacar a Nicolás Maduro do Palacio de Miraflores.

Un par de precisións nos termos.

A campaña contra Venezuela, como logo veremos, ten paralelismos coa campaña contra Cuba, que leva moitos máis anos en escena. Pero hai que saber distinguir dado que, a diferenza de Cuba, o proceso venezolano non é unha revolución, nin moito menos é socialista. 

Pero lemos e escoitado a multitude de compañeiros e compañeiras defendendo ambas as definicións, promovéndoas mesmo. O noso Partido non comparte esas formulacións e pensamos que se deben facer esforzos por analizar e caracterizar adecuadamente os procesos políticos. É necesario dimensionar adecuadamente a correlación de forzas existente neles e evitar como a peste os discursos facilóns e simplistas que, lamentabelmente, adoitan encubrir posicións ideolóxicas concretas. Noutras ocasións o que encobren é a mera falta de vontade ou a incapacidade para afrontar os fenómenos sociais de forma científica, co obxectivo último de formular unha proposta política conxuntural que vaia en liña co noso obxectivo estratéxico, que non é outro que o derrocamento do capitalismo. 

Se os e as comunistas renunciamos ás nosas propias análises e categorías, se vemos a realidade coas lentes doutros, tarde ou cedo caeremos na defensa e promoción de propostas non só alleas, senón contrarias aos intereses da clase obreira, de pornos a loitar novamente baixo pavillón alleo, baixo intereses alleos.

En Venezuela nós estamos co Partido Comunista de Venezuela (PCV), que mantivo unha posición coherente ao longo dos anos e soubo resistir os ataques que lle dirixiron non só os inimigos, senón tamén os supostos amigos. O mantemento dunha posición clasista consecuente, a correlación entre táctica e estratexia, o afastamento do trazo groso tan tristemente habitual na política actual e a súa capacidade de formular unha posición propia nun momento de grandes polarizacións, son dun enorme valor para a clase obreira venezolana e constitúen unha garantía para o resto do movemento comunista internacional. 

Para caracterizar o proceso venezolano, a propósito de que existe o risco de que algunhas voces histéricas queiran acusarnos a min ou ao meu Partido de calquera estupidez, é suficiente con remitirse a algunhas declaracións de máximos dirixentes do PCV. Por exemplo, Óscar Figuera, o seu Secretario Xeral, declaraba a finais de 2016 que “en Venezuela non está en crise o socialismo, porque non hai socialismo, en Venezuela está en crise o capitalismo”. Pola súa banda, Elena Linares, membro do Comité Central do PCV, dicía o pasado 8 de marzo: “é o Goberno quen asevera que se está en socialismo e a dereita tamén asevera que o socialismo fracasou. O Partido Comunista sempre deixou claro que en Venezuela nin existe socialismo nin fracasou, porque xamais existiu socialismo. E Pedro Eusse, tamén membro do CC do PCV, situaba en setembro de 2016 que “en Venezuela non houbo unha revolución socialista e quen diga que aquí hai socialismo e que iso é o que está a fracasar está a mentir”. 

Entón, se en Venezuela non hai socialismo, hai seica unha revolución? Nunha entrevista recente, Carlos Aquino, membro tamén da máxima dirección do PCV, situaba de forma meridianamente clara que “o que comunmente se denomina “revolución bolivariana” —co triunfo de Hugo Chávez nas eleccións presidenciais de 1998—, efectuou políticas anti-neoliberais pero non tiña un programa anti-capitalista, polo que estamentos da pequena-burguesía vinculados ao novo goberno progresivamente foron desprazando do control da renda petroleira aos sectores tradicionais da burguesía venezolana. E, a partir do 2005, a formulación do “socialismo do século XXI”, na súa ansia de afastarse das experiencias marxistas-leninistas na URSS e demais países do campo socialista, achegouse máis ao “socialismo” socialdemócrata moi do gusto dos reformistas Partidos Socialistas de Europa e Latinoamérica, e ao denominado “Estado de benestar” europeo.” 

Unha vez clarificadas estas cuestións, continuemos.

Por que é tan furibundo o ataque dos medios españois contra o Goberno de Maduro?

Mariano Rajoy dixo repetidamente que a situación en Venezuela “dana” aos intereses das empresas españolas radicadas no país. De feito, dio cada vez que ten oportunidade e iso, habitualmente, adoita ocorrer cando algún escándalo político salpica ao seu propio partido, ou cando os datos macroeconómicos ou as estatísticas contradin a súa repetitiva cantilena de que se está superando a crise económica en España grazas ás politicas antiobreiras e antipopulares que viñeron aplicando.

En Venezuela operan grandes empresas con sede en España, como o BBVA, Inditex, Duro Felguera, Movistar, Repsol ou Mapfre. Son as que teñen grandes intereses económicos en Venezuela e, como sabemos, son os intereses dos grandes monopolios radicados dentro das súas fronteiras os que definen a estratexia internacional dos Estados capitalistas. 

No entanto, neste caso, os intereses das empresas españolas, que non da súa poboación —isto hai que repetilo constantemente, porque a tendencia a vincular a todo o país cos seus monopolios é bastante habitual na prensa e no discurso dominantes— non xustifican por si sós o ataque exacerbado do que día tras día estamos a ser testemuñas. En anteriores ocasións houbo problemas para as empresas españolas —lembremos o caso de Sacyr coa canle de Panamá ou da nacionalización de Repsol-YPF en Arxentina en 2012— e en ningún rotativo chegamos a ler ataques tan brutais e sostidos no tempo contra os gobernos panameño ou arxentino.

Non, en Venezuela hai algo máis e ese algo máis ten que ver principalmente con dous factores: un é o océano de petróleo sobre o que se asenta o país (ten as maiores reservas do mundo) —a máis diso outras enormes riquezas naturais— e outro é o particular papel que Venezuela está a representar na xeopolítica rexional —e en parte, mundial— desde que Hugo Chávez accedeu á Presidencia en 1998. 

Até entón, Venezuela era un país produtor de petróleo que se encartaba aos intereses das principais potencias imperialistas e cuxos ingresos do monocultivo petroleiro retornaban con rapidez aos mercados estranxeiros dada a práctica inexistencia doutro tipo de industrias manufactureras. Un país onde as diferenzas sociais eran brutais e o malestar social xeraba periodicamente estalidos violentos que, sen dirección nin obxectivos claros, acababan condenados ao fracaso.

A chegada de Chávez á Presidencia, e o seu discurso favorábel aos sectores sociais que até entón non se beneficiaron da inmensa riqueza do país, supuxo unha serie de cambios que non só se notaron en Venezuela. Tamén tiveron efecto noutros países americanos onde anos de políticas ultraliberais encartadas aos designios do FMI e outras ferramentas imperialistas, así como décadas de agresións e inxerencias constantes por parte de potencias como Estados Unidos, xeraran un clima social moi receptivo ás propostas reformistas que se viñeron englobando baixo esa formulación confusa do “socialismo do século XXI”. 

Venezuela, aproveitando a renda petroleira e o seu discurso soberanista, converteuse nun importante apoio para gobernantes doutros países americanos e valedor de forzas políticas variadas. Tamén nun aliado fundamental de Cuba Socialista. Venezuela pasou a ser unha referencia para os sectores reformistas máis avanzados de América e Europa, mentres o seu discurso de defensa da soberanía e os seus constantes choques con gobernos como o estadounidense, o colombiano ou o español, lle granxearon amplas simpatías en todo o mundo. 

O efecto político da crise capitalista.

Venezuela, por tanto, non é un país calquera a nivel internacional. Pero a súa especificidade non lle permitiu escapar da crise capitalista, que tivo efectos moi duros sobre os prezos do petróleo e as materias primas en xeral, e que está a afectar tamén a outros países da contorna como Brasil, Arxentina ou Ecuador.
Os efectos da crise capitalista sobre as masas traballadoras e o pobo en xeral, agudizados tanto polas agresións dos capitais monopolistas como pola incapacidade do goberno nacional e todo o aparello estatal —dada a súa natureza de clase— para afrontar a crise con medidas xenuinamente revolucionarias que favorezan á clase obreira e ao pobo traballador, fortaleceron o posicionamento das forzas políticas reaccionarias entre as masas. [1]
O fenómeno descrito no parágrafo anterior non é exclusivo de Venezuela. Se botamos unha rápida ollada ao resto de países mencionados, podemos detectar unha tendencia común: o desmantelamento —máis ou menos rápido e/ou agresivo— dos gobernos aliados de Venezuela. En Brasil, a controvertida destitución de Dilma Rousseff e a súa substitución por Michel Temer, máis a condena a Lula por corrupción. En Arxentina, Mauricio Macri revisando a maior parte das políticas sociais aplicadas por Cristina Kirchner tras sacala da Casa Rosada. En Ecuador, o expresidente Rafael Correa acusando ao seu sucesor, Lenín Moreno, de encartarse  “a oposición” mentres este, en resposta, deixa sen funcións ao vicepresidente, Jorge Glas, pola súa proximidade a Correa. Por se isto fose pouco, o caso Odebrecht sobrevoando América e implicando en casos de suborno a políticos de medio continente.

Desta tendencia, por agora, parece escapar Venezuela. É o único país, dos que máis afectados se viron pola crise capitalista na rexión, onde non se produciu un cambio de Goberno. Pero non será porque “os grupos opositores” e quen os financian, alentan e promocionan non o tentaron, a verdade. De feito, as eleccións lexislativas de 2015, onde a MUD obtivo a maioría, foron un importante sinal de aviso dos camiños que podía seguir a política venezolana. 

A incidencia da crise no panorama político americano hai que tomala moi en serio. Sobre todo porque é clara expresión da principal limitación dos procesos reformistas que se desenvolveron nos últimos anos: a súa confianza nos mecanismos económicos capitalistas, o seu escaso ou nulo interese por alterar a base económica capitalista e, por tanto, a conservación dun aparello estatal capitalista que mantén e reproduce os vicios de períodos anteriores. En resumo: a base económica permaneceu inalterada e o que se fixo, con menor ou maior acerto, é ampliar e redistribuír dunha forma distinta o ingreso estatal. 

A culpa da crise económica venezolana non a ten Maduro.

Ao fío do anterior, fagamos un pouco de memoria. Convén lembrar que boa parte da política de comunicación do Partido Popular entre 2008 e 2011, estando na oposición, consistía en repetir insistentemente que a culpa da crise e a súa incidencia en España a tiña Rodríguez Zapatero, do PSOE, por entón no Goberno. Obviaban que a xestión de Zapatero era tan a favor dos monopolios como a súa e moi continuista do modelo económico español baseado no ladrillo que se impulsou na época de Aznar; personificaban en Zapatero todos os males que azoutaban ao país. A conclusión evidente de tal discurso era que, para acabar coa crise, había que acabar co goberno de Zapatero e que volvese o PP. Sucedeu ese cambio en 2011 e a crise, lonxe de remitir, continuou. De feito a economía española entrou na súa segunda recesión, nunha nova fase durísima para a clase obreira e os sectores populares, cuxos efectos se seguen notando —e moito— hoxe, por máis que a patronal e os seus gobernos se escondan tras os datos macroeconómicos.

Esta referencia á política española do pasado recente pretende ilustrar dúas cuestións: a primeira, a tendencia dos políticos capitalistas a vincular a incidencia das crises coa presenza no Goberno do adversario político, que é unha constante no mundo capitalista; a segunda, e fundamental, que o estalido de crises cíclicas baixo o capitalismo non obedece á xestión mellor ou peor dun ou doutro partido no Goberno, senón á dinámica capitalista que impera, está claro, cando as relacións de produción que prevalecen son as capitalistas. En Arxentina, en Brasil, en Ecuador ou en Venezuela —como en España— as relacións de produción capitalistas son absolutamente hexemónicas, por tanto tiñan que notarse nalgún momento os efectos da crise capitalista. Que se notaron en diferentes momentos? É lóxico, pois no capitalismo opera a lei de desenvolvemento económico desigual. Pero o momento tiña que chegar, e iso independentemente de quen ocupase a Presidencia ou o Goberno. 

Xa vimos o que pasou noutros países americanos, onde se repetiu a tendencia doutros moitos países capitalistas, nos que a cor do Goberno cambiou durante o desenvolvemento da crise económica. Pero en Venezuela, pioneira nos procesos “bolivarianos” do presente século, a diferenza de Brasil, Ecuador ou Arxentina, a “contra” ten moito máis difícil sacar a Maduro de Miraflores. Primeiro, porque a capacidade de mobilización de masas que ten Maduro, aínda que menor que a que tiña Chávez, é real e palpábel. Non obedece a mera propaganda, non se explica só mediante o consignazo: hai avances sociais concretos —aínda que non permanentes nin  definitivos— que xeraron un amplo apoio ao proceso. Aínda que o apoio en termos de votos ía caendo proceso electoral tras proceso electoral, existe un amplo abano de organizacións sociais e políticas que apoian ao Goberno, como se viu no proceso de votación da Asemblea Nacional Constituínte (ANC). Segundo, polo determinante existencia da “alianza cívico-militar” que se concreta en que a Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) apoiase  firmemente a Chávez e hoxe apoie firmemente a Maduro, a pesar de que parte da campaña de desestabilización mediática vaia dirixida a buscar unha fractura no exército. Esa alianza cívico-militar, que noutros países non existiu, marca unha diferenza inestimábel nunha zona do mundo onde foron lamentabelmente habituais os golpes militares contra dirixentes elixidos polo pobo.

Ademais, a “oposición” non é nin moito menos un conglomerado homoxéneo. Hai distintos sectores con distintas expectativas e tácticas para desaloxar a Maduro, dende os abertamente terroristas aos máis posibilistas que aspiran a que os problemas económicos, ben utilizados e manipulados pola prensa nacional e estranxeira, acaben con el pola vía electoral. Posibilismo que, non o esquezamos, tamén existe en sectores considerados “chavistas” que se arriman ao sol que máis quenta e na denominada “boliburguesía”. 

Si hai compromisos na política venezolana.

Neste contexto, voces autorizadas coinciden en analizar que o impulso ao Consello Nacional de Economía Produtiva (que pretende buscar alternativas de diversificación produtiva para reducir o monocultivo petroleiro) é o marco onde se está producindo un proceso de conciliación de clases —unha concertación— que está a traer consigo un conxunto de medidas a favor do capital que impactaron negativamente sobre as masas traballadoras e sectores populares.

Ninguén pon en dúbida que existe unha aguda crise no modelo capitalista venezolano. Trátase do esgotamento da forma capitalista particular organizada da base económica da nosa sociedade, que condena ao país á dependencia, ao atraso e ao saqueo permanente por parte dos monopolios nacionais e internacionais que se disputan a extracción da renda. Para a reacción e o reformismo, o debate sobre o esgotamento do modelo de capitalismo dependente e rentístico, resólvese coa formulación de ilusorias e simples iniciativas economicistas illadas, mentres que para os comunistas e a clase traballadora é un problema medular que expón a transformación revolucionaria da base económica da sociedade, e con ela a necesidade de trastornar todo o edificio político-xurídico-legal que sobre esta base se levanta abríndolle perspectivas reais á construción da sociedade socialista fundamentada no socialismo científico. [1]

Como sinala nun recente artigo o dirixente comunista venezolano Pedro Eusse: “O Goberno venezolano busca facerlle fronte á crise no marco do modo de produción capitalista e, para iso, adoptou a denominada Axenda Económica Bolivariana e puxo en funcionamento o Consello Nacional de Economía Produtiva. Nese contexto emprendeu unha serie de políticas e medidas destinadas a estimular e atraer investimentos, entre elas están as que crean un clima sociolaboral propicio para iso e condicións para contrarrestar a caída da taxa de ganancia, tales como: a política de “paz laboral” e a depresión dos salarios por baixo do seu valor”. 

Cabe preguntarse entón se son substancialmente diferentes, máis aló de certos elementos particulares de cada país, as condicións políticas, en termos de clase, en que se está desenvolvendo a crise económica en América. No fondo, non moito. Ningún dos gobernos anteriormente citados puxo en marcha medidas xenuinamente revolucionarias para afrontar a crise. É dicir, todos e cada un dos gobernos pelexaron  e pelexan coas armas e baixo as condicións do capitalismo e están a pagar as consecuencias. 

Sendo honestos, todo o mundo debería recoñecer que hai cousas imposíbeis de conseguir baixo o capitalismo, baixo calquera tipo de xestión capitalista. Unha é acabar co paro. Outra é a mellora constante das condicións de vida e traballo da maioría obreira e popular ou, dito doutra forma, a capacidade de satisfacer as necesidades sempre crecentes da poboación. Pódense adoptar medidas para rebaixar o paro ou para mellorar as condicións de vida da maioría traballadora baixo o capitalismo? Si, conxunturalmente. Pero sempre coa espada de Damocles pendendo: unha nova crise ou calquera cambio nas condicións do comercio internacional ou unha baixada brutal dos prezos do petróleo ou de calquera outra materia prima chega e rebéntate, porque as leis do desenvolvemento capitalista seguen operando —guste ou non guste— se non se altera a base económica do teu país. 

Pois ben, tras varios anos de desenvolvemento limitado, pero xerando unhas amplas expectativas en moitos sectores da poboación dos seus propios países e doutros, con Venezuela convertida nun valedor internacional de moitos destes novos gobernos, parece que está a chegar o momento da resaca económica e as forzas máis reaccionarias, tradicionalmente aliñadas cos intereses de potencias imperialistas como Estados Unidos e —fundamentalmente a través de España— a Unión Europea, sacan partido das negativas consecuencias da crise capitalista para dinamitar —por todas as vías ao seu alcance— os avances sociais alcanzados nos países mencionados.

A cuestión electoral e a lexitimidade.

A dereita aposta a seguir intensificando a confrontación e a presión internacional contra o goberno e o proceso bolivariano, co fin de crear un cadro de violencia, terror, caos e ingobernabilidade  que facilite —no marco da descomposición política, económica e social que acelera a crise capitalista— novas fracturas no seo do goberno e o PSUV, no movemento popular e revolucionario, no aparello do Estado e a FANB, que faciliten o seu obxectivo de alcanzar a substitución do goberno pola vía da ruptura da orde constitucional. 

Convén pararse un momento nun dos asuntos máis relevantes da campaña mediática contra Venezuela: o da legalidade e a lexitimidade electoral. Non deixa de chamar poderosamente a atención que, nunha suposta ditadura tan brutal como a que nos pintan, e despois do espectáculo bochornoso da chamada “consulta opositora” celebrada o 16 de xullo, tras a negativa a recoñecer os resultados da votación sobre a ANC, a “oposición” lanzouse xa ao proceso electoral das rexionais de decembro de 2017. 

Verdade que non parece cadrar moito esta participación electoral co escenario represivo apocalíptico do que os medios falan? Dá igual, os medios pasan unha e outra vez no bico dos pés polo feito de que, segundo todos os parámetros burgueses, o sistema político venezolano é perfectamente homologábel ao de moitos outros países, e moito máis garantista que países tan “amigos” e “irmáns” como Marrocos ou Arabia Saudita. O que molesta é que, antes Chávez e agora Maduro, gañen elección tras elección e que os cambios constitucionais no país obteñan un amplo respaldo popular. Como a “oposición” se quedou sen argumentos válidos, elevaron a intensidade das manobras de desestabilización e a prensa dálles a cobertura.

Pero non convén esquecer que a confianza nos mecanismos electorais burgueses é unha arma de dobre gume. Fialo todo ás urnas, sen desenvolver mecanismos de poder obreiro e popular efectivos, adoita ser garantía de derrota tarde ou cedo. Certamente pode funcionar como un argumento para xerar simpatía e lexitimidade cara ao teu proceso en momentos concretos, pero hoxe a fase parece xa ser outra, cando as forzas inxerencistas pretenden dar por bo un suposto “plebiscito” como o do 16 de xullo á vez que te acusan  de irregularidades na votación do 30 de xullo. Pero para romper co legalismo burgués hai que querer, todo sexa dito. Tamén hai que ter claro cara a onde transitar e que formas de poder efectuar, pero iso non parece estar hoxe na axenda do Goberno ou da ANC.

A Asemblea Nacional Constituínte. A posición comunista.
Neste complexo cadro da confrontación, é que o presidente Nicolás Maduro anunciou ao país a convocatoria da Asemblea Nacional Constituínte, proposta que, por tanto, non xorde nun contexto de ofensiva do movemento popular, senón como resultado da procura dun acordo de gobernabilidade que asegure a estabilidade á actual orde establecida baixo dirección pequenoburguesa.
As forzas convocantes da ANC deixaron moi claros os seus obxectivos: alcanzar a paz, lograr unha saída “democrática” á crise e consolidar constitucionalmente unha solución capitalista á crise do capitalismo dependente venezolano. Con ningún destes propósitos podemos coincidir os comunistas, si enténdese a paz como a concreción institucional da entrega das conquistas populares e a solución á crise como a lexitimación das superficiais medidas de carácter reformista que veñen efectuando en favor dos capitalistas, baixo o trillado pretexto de impulsar a capacidade produtiva do país.
A convocatoria da Asemblea Nacional Constituínte en maio foi un efectivo golpe de efecto de Maduro, que con iso alterou o taboleiro e a dinámica con que se estaba desenvolvendo a crise política en Venezuela. En tales condicións, a Asemblea Nacional Constituínte por si soa, non representa para as masas traballadoras da cidade e o campo ningunha saída real aos problemas que os angustian como resultado da crise capitalista e as políticas reformistas. A ANC terá utilidade para os intereses do pobo traballador, na mesma medida en que a súa dinámica estea determinada por unha axenda de axitación e loita dirixida a materializar as demandas urxentes das masas traballadoras e populares fronte á ofensiva do capital. 

Con esta análise —clara e cristalina— na man, a posición comunista ante a votación da ANC foi contundente: nun contexto en que as forzas máis reaccionarias incrementan o grao de violencia, cando se producen ataques de bandas terroristas mercenarias en diversos puntos do país, cando as “manifestacións opositoras” terminan en batallas campais tras constantes provocacións á policía e cando o grao de desestabilización alcanza as súas cotas máximas nun escenario pre-golpista, é necesario apoiar a ANC e participar na votación do 30 de xullo. Con candidatos propios e sen caer en falsos mitos nin confundir a posición: a ANC elíxese no contexto en que se elixe, coa correlación de forzas que hai e cun punto notábel de improvisación, por tanto “é importante que os traballadores non alberguen ilusións (…). Temos que entender que a causa fundamental de todos os nosos problemas é a existencia do sistema capitalista que segue dominando o país”, como sinalaba Pedro Eusse nunha entrevista o 31 de xullo. 

A nosa solidariedade é co PCV.

Veremos que depara o futuro ao proceso venezolano. De ningunha maneira queremos ver á maioría obreira e popular venezolana dar pasos atrás, pero a confianza na ANC e o próximo período é limitada.
Que a Constituínte responda aos obxectivos e aspiracións populares dependerá principalmente da presenza nela dun forte e decisivo continxente de constituíntes comprometidas e comprometidos en defender consecuentemente o programa que levanta a unidade revolucionaria obreiro-campesiña e popular.
Estamos conscientes de que as condicións non son as máis propicias para lograr tan necesaria correlación de forzas; aínda así, a Asemblea Nacional Constituínte é un espazo e momento de aguda disputa pola dirección das masas e de profundización da confrontación de clases, propicia para desenvolver unha audaz campaña de axitación político-ideolóxica de masas coas nosas propostas e para presionar por conquistas que beneficien ao pobo traballador. Máis aínda, cando a esencia do debate constituínte debe ser o seu contido programático en torno ao modelo político, económico e social que serve hoxe aos obxectivos do país, debate que adquire maior relevancia para a militancia comunista e o movemento de traballadoras e traballadores, ao desenvolverse no contexto do crebe da base económica capitalista e, en consecuencia, do tipo de organización estatal que lle serve de superestrutura.
Pero, como se sinalaba ao comezo destas liñas, a nosa confianza e nosa total e completa solidariedade están hoxe nos e nas comunistas de Venezuela, no PCV:
Todo este esforzo debe contribuír a combater a falsa polarización sementada no imaxinario colectivo das masas sobre os supostos dous bandos (opositores e chavistas), debido a que tal esquema converte a clase traballadora en presa fácil do engano, impedíndolle ver con claridade a súa situación, intereses e papel na loita de clases. Debemos demostrarlles que a única loita antagónica que existe na nosa sociedade é entre os capitalistas e o seu sistema por unha banda, contra a clase traballadora e os sectores populares explotados por outro, confrontación de clases que ten a súa raíz na contradición fundamental do sistema capitalista (a contradición capital-traballo) e non simplemente na política de ningún goberno. A posibilidade da solución revolucionaria á crise demanda que a clase traballadora deixe de actuar enganada en beneficio de intereses de clase que lle son alleos, e convértase en vanguardia da súa loita pola súa verdadeira emancipación política e social.
Ástor García
Secretario Xeral do PCPE


Nota importante: os parágrafos en cursiva nos que non conste cita proceden, todo eles, do documento O POBO TRABALLADOR CONSTRÚE A SÚA PROPOSTA REVOLUCIONARIA Á CONSTITUÍNTE, documento aprobado na XORNADA NACIONAL DE DISCUSIÓN do Partido Comunista de Venezuela (PCV) e da Fronte Nacional de Loita da Clase Traballadora (FNLCT).

Traducido ao galego pola Revista FORXA