Albert Camarasa: «A única vía á autodeterminación pasa por derrubar á burguesía».

Entrevista a Albert Camarasa, Secretario Político de Comunistes Catalans – PCPE.


Hai días que preparabamos este entrevista pero todo está a se mover moi rápido. Que opinión che merecen as últimas actuacións do Estado?

Teñen todo o noso rexeitamento. Estamos a ver un despregamento de boa parte das ferramentas represivas do Estado. Están a violarse os dereitos máis básicos como os de opinión cando impiden actos e debates políticos.
Estamos a un paso de que haxa novos presos políticos, cousa que contará con toda a nosa oposición. A pesar das nosas discrepancias cos impulsores do proceso independentista non se pode aceptar o que está a pasar. A pesar da nosa opinión sobre o 1 de Outubro, rexeitamos rotundamente calquera represión encamiñada a impedir que aqueles que queiran poidan votar. Hai que dicir a toda a clase obreira de todo o Estado que se se normaliza a aplicación de medidas represivas excepcionais daquela estas aplicaranse sobre ela.

Dito isto, non é nada que estivera fóra do guión. Hai certos líderes políticos como Ada Colau que din estar sorprendidos. Segundo di, ninguén podía esperar que o Estado español chegase tan lonxe. Eu pregúntome que esperaba Ada Colau do Estado? Que concepción teñen ela e outros como ela do poder?

Brevemente, por que se chegou até aquí?

É un proceso longo e complexo, pero se imos á raíz poderiamos nomear dúas cuestións. 
A primeira é que a relación de unidade e loita que tiveron a burguesía catalá e a central durante todo o século XX chegou ao seu fin. Estas burguesías interrelacionaron e fusionaron até tal punto que podemos dicir que comparten uns mesmos intereses, que en ningún caso pasan pola independencia de ningún territorio de España. Os grandes monopolios afincados en Catalunya expresáronse neste sentido. A clase dominante en Catalunya deixou de estar interesada en defender e promover “os trazos característicos” da nación catalá, algo que si lle foi útil en etapas anteriores. Froito diso, amplos sectores da pequena e mediana burguesía, que si teñen un marco económico centrado en Catalunya, víronse desamparados. Todo isto ten unha translación na política, sobretodo en partidos como o PDCat.

A segunda vén relacionada coa crise económica. Froito do empobrecemento masivo da poboación e a concentración do capital en cada vez menos mans, eses sectores da pequena burguesía dos que falaba antes víronse ameazados. Os seus negocios víronse acurralados pola falta de crédito, a baixada de vendas e a intromisión de grandes monopolios nas súas zonas de mercado. Esta ameaza de proletarización fíxolle levantar un proxecto político que á vez que non é anticapitalista, confronta con certas consecuencias do capitalismo contemporáneo. A pesar de ser unha proposta utópica, a pequena burguesía adoita ter a capacidade de arrastrar tras os seus intereses a grandes masas de traballadores, especialmente se o poder está interesado en desactivar as loitas obreiras. Este proxecto político da pequena burguesía en España materialízase no 15M e PODEMOS, e en Catalunya no proceso independentista.

Diante da ameaza de perder o meu negocio e a incapacidade de competir cos grandes monopolios, constrúo unha proposta política que se basea nunha fuxida cara a adiante, cunha Catalunya independente capitalista onde non actuarán as leis de concentración do capital e tratarase ben aos seus traballadores. Esta é a idea que impregna todas as capas sociais que apoian o independentismo.

Vai haber referendo? Vai haber independencia?

Vai haber votación, posto que ao Estado vaille ser imposíbel pechar todas as urnas que o independentismo poida sacar en todas as prazas e barrios de Catalunya. Para evitalo necesitaríase un grao de represión que o Estado non necesita alcanzar.

Non o necesita porque o Estado xa gañou. Vai haber votación, pero non vai haber referendo. As actuacións represivas do Estado van conlevar que desgraciadamente ninguén poida interpretar o resultado da votación como a vontade xeral dos cataláns.

Por tanto non, non vai haber tampouco independencia. Porque máis aló da xente que vote, o poder capitalista non ten nada que ver coa democracia senón coa forza. O Estado ten a forza e a Generalitat non a ten.

Bautizouse o proceso independentista como “a revolución dos sorrisos”. Hai un punto de superioridade moral nesta caracterización intolerábel para os revolucionarios. Vén dicir que esta “revolución” si que é boa porque, a diferenza doutros procesos de independencia históricos, faise sen armas. Os cataláns somos mellores que os alxerinos, os vietnamitas, os cubanos ou outros pobos incivilizados que se matan en latitudes onde non chegou a democracia. Pois ben, a realidade vailles dar un bo revés a estas concepcións, pois se na historia non houbo revolucións de sorrisos non é porque ninguén antes as desexou, senón porque desgraciadamente a revolución sempre se dá con resistencias violentas por parte de quen ostenta o poder.

A partir de aquí a única opción para o independentismo é buscar o amparo internacional. Tentárono fortemente nos últimos tempos sen éxito algún, apelando aos Estados capitalistas con “democracias máis avanzadas”. Outra vez cometen o mesmo erro, ningún Estado capitalista se move en interese da democracia ou dos dereitos humanos, senón que se move por intereses económicos, concretamente os intereses das súas empresas. Pensar que Estados Unidos virá a interceder no conflito cando o Estado exceda certo límite de represión é como crer que George Bush invadiu Iraq porque estaba preocupado polos dereitos humanos da súa poboación.

Que lles dirías a aqueles que queren votar o 1-O para exercer o dereito de autodeterminación?

O dereito á autodeterminación é un nobre obxectivo que os comunistas incorporamos nas nosas teses. Foi un dereito impulsado pola Unión Soviética e os posteriores países socialistas.

Pero que se comparta o obxectivo non quere dicir que se comparta o camiño para alcanzalo. Hoxe hai dúas vías cara á autodeterminación, unha factíbel e outra que non chega a ela. O independentismo está a escoller a segunda.

O dereito á autodeterminación é que un pobo poida decidir que ser e poder aplicar o resultado. Aínda no suposto de poder votar, a Generalitat non ten ningunha capacidade de aplicar un resultado a favor da independencia, polo que en ningún caso podemos falar de votación vinculante. Gústenos máis ou nos guste menos, á marxe da intención con que estea convocado, esta votación non é un referendo de autodeterminación.

Que vai ser pois a votación? Será un acto reivindicativo que reforzará as forzas independentistas. Reforzar estas forzas é a mellor maneira de avanzar na posíbel autodeterminación de Catalunya? Rotundamente non.

A única vía factíbel en que se pode aplicar a autodeterminación para Catalunya é aquela que pasa por derrubar a clase burguesa dominante que ostenta o poder en España. Coa toma do poder pola clase obreira destruiranse as bases materiais que perpetúan a opresión nacional e Catalunya poderá ser o que decidan libremente os cataláns.

Que lles dirías a aqueles que queren votar o 1-O para debilitar ao Estado?

Desde o respecto que teño por compartir uns mesmos obxectivos dígolles que se equivocan. O Estado non se está cambaleando. O Estado está cómodo e forte. O Estado séntese seguro de ter todos os resortes baixo o seu control. Aínda que o ir votar crea unha subxectiva percepción de confrontación co Estado, esta vaise a converter en frustración cando esta vía chegue a un punto morto.

A única clase social que se está debilitando neste proceso é a clase obreira. Mentres loitamos baixo bandeira allea, xa sexa baixo o españolismo ou baixo o independentismo, o capitalismo logrou saír da súa crise baseándose nunha maior explotación da nosa clase. Os comunistas non podemos avalar un dilema que se basea en se levar á Garda Civil ou os Mossos a reprimir aos traballadores de Eulen do Prat.

Está a debilitarse o Réxime do 78?

O que está a haber é unha reconfiguración planificada do Réxime do 78. Como toda reconfiguración, o vello está a morrer para deixar paso a algo novo. Pero non será unha reconfiguración en base a unhas posicións de fortaleza da clase obreira nin dos nacionalismos periféricos, será en base a unha posición de incríbel forza por parte da oligarquía dominante.

Pasada a crise económica e cando sexa derrotado o independentismo catalán, acabaranse de fiar uns novos consensos. O Réxime do 78 mutará, pero para deixar paso a algo moito máis bárbaro e represivo.

Que solución propón o PCPE?

Os comunistas editamos hai uns días un documento público, colgado na nosa páxina web, coas nosas análises e propostas. Nós propomos:

Primeiro, a clase obreira debe emprender o seu propio camiño independente. Levantar as loitas obreiras, fortalecer o sindicalismo e o partido da clase obreira son condicións indispensábeis para defender os nosos intereses e evitar verse atrapados en loitas alleas.

Segundo, unha loita unida de todos os explotados contra a burguesía e o Estado capitalista. A loitar contra todas as incitacións e prexuízos que busquen dividir a clase obreira en función da súa procedencia, raza ou nacionalidade.

Terceiro, defender o dereito á autodeterminación como algo inalienábel do pobo catalán. Catalunya debe poder ser o que decidan os cataláns.

Cuarto, chamamos a deixar de loitar baixo bandeiras alleas tanto do Estado español como da Generalitat. Soamente derrotando á clase burguesa que hoxe ostenta o poder poderase construír un país para a clase obreira onde o dereito á autodeterminación sexa unha realidade.

Quinto, a seguir condenado calquera acto represivo que leve a cabo o Estado. Estamos a ver con preocupación como esta represión está a ser acirrada e aplaudida por amplas masas fóra de Catalunya. Debemos loitar contra iso con firmeza, valentía e solidariedade de clase.


Barcelona, 24 de septiembre de 2017

Fonte: PCPE
Traducido a galego pola Revista FORXA.