O Secretariado Político do PCPE ante o atentado de Barcelona.


Ante o atentado ocorrido onte en Barcelona, o Secretariado Político do PCPE quere expresar a súa máis firme condena do mesmo e a súa plena solidariedade coas vítimas, os seus familiares e co conxunto do pobo de Barcelona que se viu afectado por este acto terrorista.

Atentados coma o de onte, pero tamén os recentes de Londres, París, Niza ou Berlín, non son actos illados, senón que se enmarcan nunha moi concreta situación internacional na que as vítimas sempre son os traballadores e os pobos.

O Estado Islámico, que reivindicou o atentado, é unha creación das potencias imperialistas occidentais. Tanto Estados Unidos como a Unión Europea teñen financiado, lexitimado e armado a ese grupo para convertelo nun factor desestabilizador en Oriente Medio, aliado dos seus propios intereses xeoestratéxicos.

Os Gobernos españois foron parte activa destas manobras, chegando a apoiar a entrega de armas a grupos terroristas de Siria, intervindo militarmente en Iraq, Siria e Afganistán e cedendo a nosa terra, o noso mar e o noso aire para facilitar agresións e inxerencias en Asia e África.

Sabemos perfectamente quen son os cómplices do ocorrido onte en Barcelona. Tanto o Goberno como a Casa Real son firmes aliados de quen directamente apoia e financia o terrorismo yihadista, como Arabia Saudita e o resto das monarquías do Golfo. Ao mesmo tempo, son quen alenta e difunde o terrorismo en países como Venezuela.

En momentos como este non caben posicións ambiguas. É necesario marcar unha clara liña divisoria entre quen fomenta as guerras e quen as padece.

Dun lado, quen apoia e participa nas guerras imperialistas, quen fomenta o terrorismo e se beneficia do saqueo e espolio de países enteiros para logo manter en condicións inhumanas aos refuxiados nos CIEs ou nas fronteiras de Ceuta e Melilla.

Doutro lado, a clase obreira e o pobo traballador, que expresaron de forma contundente a súa solidariedade a través de múltiples vías, pero sobre todo por medio do persoal sanitario -que traballou toda a noite para atender as masivas doazóns de sangue-, dos taxistas -que ofreceron transporte gratuíto a quen o necesitase durante as horas posteriores ao atentado- ou do persoal de Eulen que, a pesar dos ataques mediáticos que vén sufrindo pola súa loita contra a empresa e o Goberno, suspendeu temporalmente a súa folga indefinida.

Nos próximos días imos ter que enfrontar episodios de manipulación política e intentos de colocar á maioría da clase obreira e do pobo traballador tras bandeiras alleas con fins antidemocráticos, antiobreros e represivos. Imos ter que enfrontar unha campaña de xenofobia e racismo contra a poboación árabe e/ou musulmá.

Por iso, o PCPE fai o seguinte chamamento:
  • Incrementemos a loita contra o imperialismo e as súas guerras. Debemos denunciar aos culpábeis destes ataques e aos seus cómplices que favorecen, coas súas agresións e as súas alianzas en terceiros países, o desenvolvemento de organizacións asasinas como o Estado Islámico.
  • Loitemos decididamente contra o racismo, a xenofobia e toda forma de reacción, desenvolvendo amplamente a solidariedade coa poboación árabe e/ou musulmá que vive en España.

Nin terra nin mar nin aire para os imperialistas e os seus grupos terroristas!
Solidariedade internacionalista e de clase fronte á reacción!


Madrid, 18 de agosto de 2017
Secretariado Político do PCPE