Médicos sen fronteiras despide e explota aos seus traballadores e traballadoras.


Desde Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) queremos achegar a nosa solidariedade cos traballadores de Médicos Sen Fronteiras de Galicia que denuncian a precariedade e as condicións laborais ás que son sometidos por parte de quen en teoría defende os dereitos humanos pero non inclúe nos mesmos o dereito a un traballo e unhas condicións laborais dignas.

Esta situación afecta fundamentalmente aos captadores de socios de MSF, na maioría mozos e mozas incorporados ao mundo laboral e aos cales non lles queda máis remedio que aceptar as condicións que impón MSF a través da súa política de contratación que é a propia de calquera gran empresa.

Entre as prácticas humanitarias desta ONG destacan o buscar optimizar beneficios ou a hostilidade cara á actividade sindical e a organización dos traballadores e traballadoras que ademais denuncian que Médicos Sen Fronteiras despedirá ao 80% do persoal ao acollerse a unha cláusula de produtividade.

Unha vez máis é preciso desenmascarar e desmitificar as chamadas ONGs e denunciar o papel que cumpren como axentes ao servizo dos poderes económicos e financeiros.

Médicos Sen fronteiras foi fundada en 1971 por Bernard Kouchner, coñecido tecnócrata que formou parte de distintos gobernos burgueses en Francia ou tamén coñecido por ser designado Alto Representante das Nacións Unidas en Kosovo, sendo gobernador efectivo do novo estado da mafia albanesa trala agresión militar da OTAN contra Serbia. Firme defensor das doutrinas que defenden a inxerencia e o intervencionismo "humanitario", apoiou a guerra de Iraq que provocou centos de miles de mortos e o desprazamento de preto de 5 millóns de persoas.

Hai que denunciar o discurso hipócrita de Médicos Sen Fronteiras e do resto de organismos non gobernamentais; desenmascarar as súas políticas criminais como parte do aparato de propaganda da OTAN e de diversos países capitalistas para xustificar as intervencións militares e as agresións contra os pobos, como en Iugoslavia, Libia ou actualmente en Siria.

Os monopolios e os seus xestores impoñen unha dobre carga á clase obreira: a de pagar impostos para soster economicamente aos estados capitalistas e a solidariedade a través de organismos non gobernamentais para paliar as consecuencias das políticas exteriores e tamén interiores deses mesmos estados.

Debemos loitar contra os tentáculos do poder que representan as ONGs, por un mundo sen guerras, sen fame sen miseria e sen explotación, un sistema onde sexan garantidos todos os nosos dereitos básicos: sanidade, vivenda, emprego, educación... Un mundo no que a mocidade, a clase obreira e os pobos non sexan sacrificados para satisfacer as necesidades dos monopolios.

POR UN PAÍS PARA A CLASE OBREIRA!
NIN TERRA, NIN MAR, NIN AIRE PARA OS IMPERIALISTAS!