Actualidade Internacional.

Entrevista a Severino Menéndez, Secretario Internacional do PCPE, sobre actualidade internacional.


P: A nivel internacional vivimos tempos convulsos, que elementos crees que son hoxe determinantes da política internacional dos partidos comunistas? E en concreto do PCPE?

Os tempos son realmente convulsos. O desenvolvemento do capitalismo e as súas contradicións, tras a vitoria da contrarrevolución na URSS e os países que construían o Socialismo no centro e leste de Europa, aceleráronse. Vivimos a época do imperialismo en todo o seu desenvolvemento, e as contradicións entre as diferentes potencias e alianzas imperialistas acrecéntanse aumentando as pugnas entre as potencias imperialistas á vez que se van redeseñando as alianzas entre as mesmas.

Isto, que non é máis que o lóxico desenvolvemento dun proceso marcado pola Lei do Desenvolvemento Desigual, achega a posibilidade dunha guerra a escala xeneralizada e directa entre esas potencias, algo que na actualidade aínda queda reducido aos seus espazos de influencia e zonas xeoestratéxicas no control das materias primas fundamentalmente enerxéticas e dos corredores de abastecemento e distribución.

O que nos toca vivir é entón unha época que porá a proba a propia viabilidade do ser humano, onde a clase obreira ten sobre as súas costas a súa gran tarefa histórica, a de salvar a existencia de toda a nosa especie pondo fin ao sistema que a ameaza, e á vez pór proa cara á construción da sociedade socialista-comunista.

O escenario internacional deixa poucas dúbidas, e se grande é a tarefa que recae sobre a nosa clase, dese mesmo tamaño é a responsabilidade que debemos asumir os partidos comunistas e obreiros de todo o mundo.

Se estamos de acordo en que as contradicións interimperialistas acrecéntanse froito da crise de sobreprodución e sobreacumulación e que a guerra, xunto coa necesidade do incremento da sobreexplotación da forza de traballo, é unha das súas consecuencias lóxicas, os partidos comunistas e obreiros deberiamos definir unha estratexia clara que logre impedir pór á clase obreira ao servizo dos intereses de ningunha burguesía, incluída a propia. Primeiro de nada debemos traballar para impedir que a clase obreira volva ser a carne de canón que alimente co seu sangue os beneficios do capital. E, de forma paralela, manter unha estratexia común de face a facer avanzar as posicións revolucionarias en todo o mundo, loitando contra a explotación e a miseria, mostrando os límites do sistema e pondo na axenda da clase obreira a revolución socialista.

Neste sentido o PCPE participa, e seguirao  a facer, en todos os mecanismos de encontro, debate e coordinación do Movemento Comunista Internacional (MCI), partindo do principio de que é fundamental proceder á súa unificación ideolóxica e política sobre as bases do marxismo-leninismo.

Pero que haxa aspectos que o noso Partido considera meridianamente claros non implica que estes sexan compartidos polo conxunto dos partidos comunistas e obreiros e, mesmo, partir dunha análise compartida da realidade implica que se compartan as formas de actuar de face á transformación da mesma.

Debates pendentes sobre o carácter da situación actual de confrontación interimperialista, sobre a multipolaridade, sobre o carácter da nosa época, etc., fan máis necesario que nunca o encontro e o debate entre todos. O PCPE cre no debate de ideas e, á vez, en construír ferramentas útiles que poidan evitar que os debates queden só niso. Os debates deben servir para fortalecer a acción e non para conducir á parálise, por iso saudamos no seu día a creación, e apostamos pola consolidación e avance, de espazos como a Iniciativa Comunista Europea (ICE) ou a Revista Comunista Internacional (RCI), por consideralos da maior importancia estratéxica.

P: Parece que a elección de Trump como presidente de EEUU está a contribuír a que no escenario internacional haxa certos sobresaltos. Parece que o TTP e o TTIP están en punto morto, houbo problemas no cumio do G7 de Sicilia, o tema do tratado de París sobre o clima... como valoras esta situación?

A esperpéntica figura e formas de Trump non deben facernos esquecer que o preocupante non é tanto Trump como os motivos que fan que esa parte do pobo americano que vota se deixou levar por un discurso tan abertamente retrógrado e de confrontación. Aínda así, cunhas formas ou outras debemos lembrar que os dous zapatos dun mesmo pé calzan ao mesmo pé, pero algo no que non se adoita reparar é que deixan descalzo sempre ao outro pé.

Pero volvendo á pregunta, cando a crise do propio sistema se desata, a saída á mesma pasa por dúas vías complementarias, unha a sobreexplotación da forza de traballo para sangrar aínda máis as posibilidades de creación de plusvalía a todos os niveis e doutra banda a eliminación da competencia mediante a concentración de capitais. Dise que o capital non ten patria e é certo, pero ten Estados ao seu servizo que lle serven. Nese sentido, debemos ver a todas esas institucións e acordos internacionais de coordinación e pacto entre as burguesías como ferramentas para unha mellor explotación dos recursos naturais e de man de obra a nivel planetario. Utilizando un símil, son a reunión de pastores, ao final da cal sempre se come ovella, pero cando chega a seca a disputa pola auga para os pastos é a morte. Todos eses mecanismos de acordo, que supostamente se basean no interese común das partes que o forman, saltan polo aire cando as contradicións froito do propio desenvolvemento do capitalismo a nivel mundial agudízanse e os puntos de intersección comúns xa non son suficientes. Todas esas tensións non fan máis que visualizar as pugnas entre as potencias imperialistas na súa loita pola cúspide.

P: Está a producirse un importante balbordo pola abrupta ruptura de relacións entre Arabia Saudí e Catar, que por exemplo en Siria parecía que ían da man. Que opinión che merece todo o que está a ocorrer en Oriente Medio?

Antes de nada habería que dicir que cando Arabia Saudí xustifica a ruptura de relacións con Catar no apoio deste último a organizacións terroristas, a ninguén lle sorprenderá que se diga que non é ese o motivo desa ruptura. Coñécese, e é un segredo a voces, que Arabia Saudí e outros estados da zona que agora acusan de estado amigo dos terroristas a Catar levan financiando, armando e adestrando a organizacións terroristas, ademais de asesorando militarmente e recrutando efectivos para elas. Isto, que non fai a Catar inocente das acusacións que se lle verten, si pon en garda a calquera sobre os verdadeiros motivos do enfrontamento.

Entón onde está a verdadeira cuestión? Probabelmente atópese en que Catar, que é o país máis rico do mundo grazas ao gas natural, comparte con Irán a reserva máis importante do mundo en gas e nos últimos tempos desenvolveu unha moi incómoda, para algúns, acción diplomática de achegamento a Irán nun momento en que tanto os Saudís como os Estados Unidos pretenden reactivar as tensións con Irán. Tampouco será alleo a estes feitos o que o Fondo Soberano Catarí teña distribuídas polo mundo fortes investimentos de capital.

Doutra banda, Catar é consciente da súa importancia xeoestratéxica e non debemos esquecer que alberga a base da Al-Udeid, unha das principais bases militares norteamericanas activas nos actuais conflitos militares nunha zona de vital importancia xeoestratéxica no cerco a Rusia e China, e viu no último tempo as dificultades de face a asegurar unha ruta para a distribución do seu gas a Europa, abríndoselle doutra banda a posibilidade de subministración cara ao oriente. En todo caso queda claro que Catar pretende desenvolver unha política exterior propia sen supeditacións á saudí, isto xa se viu na guerra en Libia en 2011 e posteriormente na nova guerra libia de 2014. Hai quen di que foi o exceso de Trump na súa recente visita á zona, e a súa falta de tacto diplomático, dando ás a Arabia Saudí e revitalizando a confrontación con Irán, quen reavivou o conflito con Catar, é de lóxica pensar que a intelixencia rusa sen dúbida tampouco está inactiva e non lle vén mal un disenso desa importancia no seo da chamada “OTAN Árabe”.

Creo tamén que hai que estar moi atentos aos movementos que Turquía poida realizar neste asunto, non esquezamos que tamén ten unha base militar en Catar e que leva anos tratando de consolidarse como potencia rexional en Oriente Medio e o Mediterráneo Oriental.

A diplomacia, antes e durante as guerras, ten a particularidade de facer novas alianzas baseadas na ruptura doutras e Catar é unha peza crave no mapa xeoestratéxico dos Estados Unidos no seu obxectivo de cercar a Rusia e China. Será interesante ver como no máis inmediato se responde a esta importante distorsión e como iso vai afectar á guerra en Siria e Iemen, así como na redefinición de obxectivos das organizacións armadas que cada actor apoia.

P: Especificamente sobre a situación en Siria, cal é a posición do teu Partido?

Siria sitúase nunha rexión onde se fan moi patentes as fortes relacións antagónicas entre as principais potencias imperialistas, froito da enorme importancia xeoestratéxica e xeopolítica que lle outorgan os seus recursos minerais, o petróleo, o gas natural e as rutas para o seu transporte.

Nós partimos dunha posición de principios: opómonos á agresión imperialista de calquera tipo contra países soberanos. Dígoo con total claridade: o PCPE apoia o lexítimo dereito de Siria a defenderse da agresión terrorista orquestrada por EEUU, a UE e os seus diversos aliados.

Mais, ao mesmo tempo, é noso deber internacionalista sinalar os perigos de confundir a que motivos responde o apoio ao goberno sirio doutras potencias como Irán ou Rusia, que son países tamén capitalistas e que, ante a agresión a Siria, viron ameazados os seus intereses xeoestratéxicos e, loxicamente, reaccionaron. Isto fixo do asunto sirio un tema da maior importancia, porque estamos a comprobar que existe unha forte tendencia a atribuír a certos países capitalistas un papel que non teñen. Lamentabelmente, nesta época imos asistir a complexos escenarios de confrontación entre potencias e convén ter claras as bases de tales confrontacións para formular unha táctica adecuada de loita fronte a elas. Doutra forma corremos o risco de caer na política do mal menor, que é sumamente perigosa porque atrapa á clase obreira mundial no falso dilema de ter que optar entre uns capitalista ou outros.

P: En América Latina a situación é tamén bastante inestábel, sobre todo en Venezuela, que análise facedes do que está a pasar en Venezuela?

Antes de nada, quixera dicir que o Partido Comunista de Venezuela (PCV) está, nos momentos de contestar a esta entrevista, sesionando o seu XV Congreso. Un Congreso importante e do que esperamos as súas conclusións para poder estudar con moita atención as análises do noso Partido irmán.

En Latinoamérica parece asentarse un período de retroceso dos gobernos que foron xurdindo na rexión a partir de finais dos anos 90. A propia Venezuela, baixo a presidencia de Chávez, e como froito da longa loita revolucionaria antiimperialista do seu pobo, dotouse dun goberno democrático, progresista, de orientación patriótica, antioligárquica e antimonopólica, que puxo en marcha importantes reformas en beneficio das grandes maiorías historicamente excluídas pero que, con ser importantes, non poden lograr pasar o tope que lles permite o propio sistema capitalista. Non podemos esquecer que en Venezuela, por riba da confusión que se dá ao redor da palabra socialismo por parte do seu goberno, falamos de relacións de produción capitalistas.

Neste sentido a cuestión do poder é clave, e en Venezuela a clase obreira non se fixo co poder, quedando a estrutura do sistema burgués sen modificacións substanciais. As expectativas populares e todo o seu empuxe poden estarse vendo, aos poucos, frustrado e levando á clase obreira e os sectores populares á desmobilización no momento que máis se necesita. A crise capitalista ten os seus efectos directos no modelo de acumulación capitalista venezolano, caracterizado por ser rendista e dependente, e está a golpear os avances sociais, algo que o pobo venezolano pode asociar inxustamente aos conceptos de revolución ou de socialismo.

P: O PCPE sempre foi solidario coa Revolución Cubana. Como valorades a situación na illa nos últimos tempos?

A solidariedade internacionalista é un deber de calquera partido comunista para coa loita revolucionaria da clase obreira noutros países. A consigna de “Proletarios de todos os países, unídevos!” e a consciencia de que a clase obreira é unha clase mundial, así nolo esixe. Por iso o PCPE estivo sempre, e está, ao lado do pobo revolucionario de Cuba, do seu goberno revolucionario e do Partido Comunista de Cuba (PCC).

Lembro como Cuba en 1997, e atravesando unha situación moi difícil sen saír aínda do período especial, logrou organizar con gran éxito o XIV Festival Mundial da Mocidade e os Estudantes. Alí acudimos miles de mozos por entón ao chamado da Illa da Revolución, a un chamado a non claudicar, a un chamado de esperanza que non quedaba na espera e que se lanzaba a organizar futuros.

Como dicía, o momento histórico era duro, había seis anos que triunfara a contrarrevolución nos Estados socialistas do centro e leste de Europa, que se desmantelaran todos os triunfos e logros que o socialismo conseguira en décadas. Dos partidos dos países non socialistas, moi poucos souberon cumprir naquel momento, nin no período anterior, co seu deber internacionalista. Uns por acción, sumándose ao carro dos novos ventos, outros por omisión deixándose arrastrar como seguidores acríticos de todo o que viñese do leste. Houbo erros, aínda que estou seguro que algúns querían ese camiño. Tempo despois débenos quedar a análise autocrítica dunha derrota temporal que habemos saber remontar. Pero Cuba Socialista co seu pobo revolucionario e o seu Partido á cabeza souberon non claudicar e ser exemplo para os comunistas do mundo.

Por iso agora nós ollamos con atención os desenvolvementos políticos do PCC e as aplicacións das políticas do goberno revolucionario de Cuba, mirámolas con atención e estudámolas porque estamos seguros da capacidade da dilixencia cubana para analizar a situación e sobre todo do PCC e do pobo revolucionario de Cuba para atopar a forma de desenvolvemento do socialismo nun momento (outro máis) de enormes dificultades e perigos. Nesa batalla os partidos comunistas e obreiros do mundo, que como o PCPE nunca renunciamos á revolución Socialista, estaremos á beira dos nosos camaradas cubanos. Desa trincheira ninguén nos sacará máis que para avanzar.

P: Que expectativas de traballo internacional ten por diante o PCPE?

No momento actual o noso partido logrou un alto nivel de sintonía cunha parte importante do Movemento Comunista Internacional, co que compartimos os aspectos fundamentais da análise sobre as cuestións de actualidade do noso movemento. Diso deriva o noso compromiso con espazos de encontro como a ICE ou a RCI sen que iso supoña que consideremos amortizados os Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros (EIPCO). Ao contrario, a pesar das diferenzas que nese marco se dan tanto no político como no terreo ideolóxico, os EIPCO son un marco moi valioso que é necesario manter e potenciar. Nese sentido é onde cobra máis importancia a vontade do noso Partido para formar parte do Grupo de Traballo de organización dos encontros. A entrada ou non do PCPE no Grupo de Traballo, xunto con outros tres partidos, é algo que se decidirá finalmente no próximo Encontro, a celebrar en Moscova e Leningrado en novembro. Creemos firmemente que a este espazo común dos partidos comunistas e obreiros aínda lle queda un longo percorrido e existirían unha serie de iniciativas que poderían dar un impulso aos EIPCO e sinceramente creemos que o PCPE pode contribuír achegas a iso.

Por outra banda, tamén desexamos profundar nas nosas relacións cunha serie de partidos aos que nos unen os importantes lazos xeográficos, culturais e históricos entre os nosos respectivos pobos. 

Queremos seguir traballando en espazos de encontro e colaboración non só en Europa, senón tamén cos partidos de Latinoamérica, onde xa mantemos estreitos lazos de amizade.


22 de xuño de 2017

Fonte: Novo Rumbo [Xullo 2017]
Traducido por Comunistas da Galiza-PCPE