Non ao peche de escolas!


Tal como fan as empresas privadas, que baixo o pretexto da "racionalización" aplican con man dura EREs, despedimentos e peches de factorías, a Consellería de Educación procede a pechar centros e destruír postos de traballo no ensino público, aplicando de xeito autoritario e unilateral medidas de recorte de costas á vontade da comunidade educativa e da representación sindical do profesorado.

Vía decretazo, a Consellería dou por pechados este mes o CEIP Emilio Navasqüés de Cruceiro de Roo (Outes) e o CPI Monte Caxado nas Pontes de García Rodríguez, obrigando ao alumnado a desprazarse e integrarse noutros centros. Mentres deixa de ofertar a ESO no CPI de Ribadavia e no CPI da Ribeira no Porriño.

Diante desta medida de curo axuste camuflada baixo o eufemismo de "optimización dos recursos", "reorganización" e "reordenamento" a comunidade educativa, alumnos e alumnas, pais, nais e traballadores e traballadoras dos centros, mobilizáronse reiteradamente denunciando que a medida agochaba unha perda de postos de traballo e un deterioramento drástico da calidade do ensino. Dita medida expresa ademais o desprezo do goberno burgués da Xunta de Galicia encabezado por Feijóo cara ao alumnado de extracción popular, abondando por outra banda na desertización dos núcleos rurais pequenos e medios e na despoboación de comarcas enteiras.

Desde Comunistas da Galiza-PCPE apoiamos e chamamos a apoiar a xusta loita dos veciños e veciñas, do alumnado e o profesorado dos centros afectados polo mantemento dos mesmos, da oferta educativa, do emprego e da calidade do ensino.

Defendamos as nosas escolas loitando!
Por un ensino público ao servizo do pobo traballador!
Por un país para a clase obreira!