Este verán, organízate contra a explotación!


Os nosos traballos, con plenos dereitos.

Os nosos barrios, para a clase obreira.

O verán, lonxe do que poida parecer, é un dos períodos máis duros para a clase obreira e o pobo traballador, porque é o período en que se multiplican os contratos lixo e o traballo precario que nos venden como redución do paro.

O 92% dos contratos asinados en maio de 2017 para esta campaña de verán son temporais. En hostalaría, o 40% dos contratos son temporais, e deles, o 42% é a tempo parcial.

O sector turístico, as rebaixas ou a cobertura de vacacións axudan a que moitos traballadores e traballadoras, fundamentalmente novas, saian do paro durante unhas semanas (a metade do emprego creado en 2016 foi en comercio e hostalaría, ocupando a un de cada tres traballadores en España), pero nunhas condicións de traballo que son, xeralmente, lamentábeis.

De entre todos os sectores afectados, as condicións laborais, e de vida, dos persoais son particularmente malas na hostalaría e no comercio. Na industria tamén se detecta unha gran estacionalidade que vai ligada, fundamentalmente, á entrada de novo persoal a través de empresas de traballo temporal con contratos de semanas e até de días de duración.

Á precariedade característica destes  sectores sumáronse as consecuencias das sucesivas contrarreformas laborais, que garanten total flexibilidade e liberdade para o empresario mentres condenan ao traballador a salarios máis baixos (en hostalaría un 40% inferior ao salario medio en España), xornadas laborais máis longas, maior temporalidade, traballo sen descanso en domingos e festivos, horas extras non pagas, aumento das baixas por accidente laboral, traballos sen contrato nin cotización…

Se as condicións de traballo máis duras xa están presentes nos establecementos onde se aplican os convenios de hostalaría e comercio, agrávanse máis aínda alí onde a liquidación en marcha da negociación colectiva ten propiciado incumprimentos e descolgues. Agora mesmo hai 700.000 traballadores do sector de hostalaría sen convenio. A contratación a tempo parcial, ou por obra ou servizo, fai posíbel en todo momento o despedimento libre e practicamente gratuíto do traballador ou traballadora.

As condicións laborais da hostalaría son froito da vantaxe con que contan os empresarios nun sector cuxa estrutura laboral se caracteriza por centros de traballo pequenos, con moi poucos traballadores, con alta rotación de persoal e, moitas veces, co propio patrón ou os seus familiares presentes a diario. Todo isto dificulta manter calquera organización estable dos traballadores e traballadoras, o que trae como consecuencia que as loitas sexan puntuais e pouco organizadas.

Por outra banda, os 240.000 traballadores do sector de Grandes Almacéns pasaron catro anos cos seus salarios conxelados, desde 2013 a 2016. Con todo, só en 2016, O Corte Inglés aumentou os seus beneficios un 34%, Carrefour un 36%, Ikea un 46%, e Leroy Merlin un 8%. A recente firma do novo convenio do sector non conseguiu máis que un 2’5% de aumento salarial, quedándose lonxe de compensar a conxelación mantida desde 2013. A liberalización de horarios comerciais —que chega a ser total en comunidades como Madrid— xera unha máxima precariedade, dificultando sobre maneira a conciliación da vida familiar e laboral. Un traballador de grandes almacéns pode chegar a traballar 23 domingos ou festivos ao ano: descontando o período de vacacións, resulta 2 domingos por mes, podendo chegar a ser máis. No caso dos contratos temporais de verán, chégase ao caso de non librar ningún fin de semana nin día festivo.

Urxe a inmediata organización dos traballadores e traballadoras destes sectores. Se a situación é tan precaria é porque os empresarios da hostalaría e o comercio non se atoparon cunha oposición organizada capaz de facerlles fronte. A crise económica, a elevada taxa de paro e as últimas medidas antiobreiras aprobadas deixan claro que este sistema non ten ningunha intención de ofrecer alternativas laborais de calidade para os traballadores e traballadoras que, mentres esteamos condenados a subsistir saltando dun a outro destes traballos temporais ou estacionais, non veremos mellorar as nosas condicións de vida e traballo. Unicamente a organización e a loita, pasar á ofensiva, mellorará as nosas condicións.

Por iso, desde o PCPE e os CMC chamamos á organización de todas as traballadoras e traballadores sometidos á sobreexplotación do traballo estacional, pondo a nosa organización ao servizo da recuperación de dereitos perdidos e a conquista de novos dereitos, pero non só laborais, senón tamén sociais. Debemos evitar que as nosas loitas queden illadas, atomizadas, porque así terminan por desvanecerse. A loita por mellorar as condicións de vida e traballo en sectores como a hostalaría e o comercio é a loita do conxunto da clase obreira, do conxunto dos traballadores e traballadoras, que se ven sometidos, en todos os sectores, a niveis cada vez máis altos de explotación e precarización.

A fragmentación do movemento sindical, así como a ausencia dun sindicalismo forte e combativo a nivel estatal, que dea resposta ás necesidades de loita do movemento obreiro actual, está a contribuír á destrución dos nosos dereitos, e o que é peor, ao desmaio da conciencia entre a clase obreira e o conxunto do pobo traballador da necesidade de organizarse e loitar.

OS NOSOS BARRIOS, PARA A CLASE OBREIRA.

Mentres a integración europea baixo parámetros capitalistas destrúe e desmantela sectores produtivos tanto na industria como no agro e desertiza comarcas enteiras, a terciarización e o auxe estival do negocio turístico arrasan coas condicións de traballo da mocidade obreira pero tamén coas condicións de vida de todo o pobo traballador.

O pequeno comercio familiar e barrial, arrasado desde hai décadas polas grandes cadeas e superficies monopolísticas é substituído por negocios gourmetizados só accesíbeis ao turismo de elite, tendas de luxo e establecementos especializados en compracer ao turista rico. A proliferación de apartamentos para uso turístico dispara astronomicamente o prezo da vivenda, entendida como un “nicho” de beneficio privado e non como unha necesidade social básica, transformando os barrios populares en zonas “xentrificadas” para goce duns poucos, expulsando ás familias obreiras e destruíndo o modo de vida dos seus barrios e núcleos rurais.

A turistificación da economía española está estreitamente ligada ao desmantelamento dos sectores produtivos agrícola, gandeiro, pesqueiro, extractivo e industrial, resultados da integración na Unión Europea e da subordinación das necesidades sociais ao obxectivo do máximo beneficio para as grandes empresas.

Faise urxente que avance a organización do conxunto da clase obreira e de todos os traballadores e traballadoras pola saída da UE, polo derrocamento do capitalismo, por unha economía planificada que teña no seu centro as necesidades sociais e non a ganancia privada dos monopolios.

Por un país para a clase obreira!

26 de xuño, 2017.

Secretariado Político do PCPE.