Paremos os seus abusos!

Unipost despide a unha traballadora por quedar embarazada.


O pasado dia 29  de maio Unipost de Santiago de Compostela rescindíalle o contrato temporal a unha traballadora (tras comunicar esta que se atopaba na súa décima semana de xestación) alegando que non superaba o período de proba.

Este novo abuso vén sumarse a toda unha serie de agresións e atropelos cometidos por parte da dirección da empresa contra o cadro de persoal de Unipost, que sofre ERES, ERTES , impago da paga extra de Nadal, pago dos salarios fraccionados, movementos forzados de traballadores dun centro a outro...

Esta é unha agresión contra todos os traballadores e traballadoras e lamentablemente un feito que se repite a cotío e en moitas empresas onde traballadoras son despedidas ou coaccionadas e ameazadas para que decidan non ter fillos.

Eles poden ter fillos  porque poden pagar para que os coiden, poden desfrutar de dereitos que nos negan como traballadoras e como mulleres. Para eles a riqueza, e para nós a explotación e o abuso diario.

É hora de dicir basta!, de avanzar, de manterse unidos e unidas na loita por conquistas e melloras; é hora de plantarlles cara e facer que en Unipost os traballadores e as traballadoras sexan respectadas.

Este venres día 2, ás 19:00 horas, na Praza Roxa de Compostela, Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista-CMC estaremos cos compañeiros e compañeiras de Unipost, na concentración de protesta e solidariedade que teñen convocada para reclamar a readmisión de Ana e apoiar a xusta loita que están a levar adiante.

Ana, readmisión xa!
Os nosos dereitos deféndense loitando!