Káiser ou Tsar? É esa a cuestión?

[Artigo de Severino Menéndez]

Hai escasas datas o Día da Vitoria volvía ser celebrado en Rusia con importantes actos que nos levan á lembranza indelébel de tamaña xesta no corazón verdadeiro dos pobos que formaron a Unión Soviética. O discurso de Vladimir Putin este ano aproveitou ese feito para homenaxear con gran dignidade ao Rexemento Inmortal na súa marcha1aínda que o terxiversa obviando a natureza e características únicas do Exército Vermello así como o papel central e determinante do PCUS na resistencia armada e no camiño da vitoria sobre o nazi-fascismo.

Debemos dicir que Putin non está hoxe facendo unha sincera homenaxe. Está a chamar no seu discurso a defender a patria rusa actual, unha patria que xa non é a que el contribuíu a que deixase de ser a patria dos obreiros, soldados e campesiños que derrotaron con enorme heroísmo ao nazi-fascismo no que na Unión Soviética se deu en denominar como Gran Guerra Patria. Putin lanza hoxe unha soflama a defender a patria que representan os monopolios rusos en loita desesperada contra os monopolios doutros centros imperialistas e que el goberna co xúbilo daqueles. Non celebra pois o Día da Vitoria, está a chamar a filas ao pobo traballador ruso para que defenda co seu sangue os intereses dos seus capitalistas. Mentres, encarcera aos verdadeiros sucesores daqueles que di homenaxear. E como mostra diso podemos destacar o feito recente da represión contra o PCOR2, co encarceramento de varios dos seus dirixentes, por difundir durante eses días en diversas actividades a terxiversación e o intento de manipulación burguesa do día 9 de maio, Día da Vitoria.

E é que hai xa case tres décadas que a contrarrevolución derrocaba a construción socialista na Unión Soviética e noutros países do centro e este europeo alterando a correlación de forzas a nivel mundial. Aquela época en que un terzo da humanidade saíra da órbita do capitalismo e construía o socialismo xunto con todas as súas dificultades e contradicións, que ao cabo eran influencia dos sectores que logo lle asestaron o golpe final, o campo socialista mantiña unha influencia progresista a nivel mundial. Existía unha bipolaridade, un dobre poder no mundo onde un deles exercía unha influencia progresista e de avance dos procesos de liberación nacional no mundo, de onde podemos destacar a gran influencia que a existencia do campo socialista tivo na desaparición do colonialismo.

Pero tras a traizón do aparello do PCUS, onde se atopaban GorbachovIeltsinLavrov, pero tamén os cadros altos e intermedios do KGB como o propio Putin, o Estado Soviético mutaba decantándose pola supremacía na economía soviética das relacións de produción capitalista. O contrapoder do Socialismo no mundo desaparecía temporalmente.

Tras ese período, e coa desaparición do contrapeso do polo que puña freo ao imperialismo, o mundo comezaba a vivir no que se deu en chamar a unipolaridade. Rapidamente as relacións internacionais e o dereito internacional tal e como se coñecían saltan polo aire ao reconfigurarse soamente polos estados capitalistas e non polo resultado da correlación de forzas entre os estados capitalistas e o campo socialista como sucedía até entón.

En tales circunstancias de unipolaridade a frase de Rosa Luxemburgo tórnase máis evocadora que nunca3, e sen a presenza dun campo socialista forte e cohesionado a barbarie maniféstase a grandes pasos na degradación xeneralizada das condicións de vida da clase obreira en todo o planeta e na xeneralización da guerra como recurso habitual das relacións internacionais. A guerra en Iraq, en Iugoslavia, en África, en Oriente Medio… convértese na porta de entrada dos monopolios ao saqueo das materias primas e recursos naturais.

Por iso non é estraño que a actual situación de terror, e o recordo dun mundo pasado que foi mellor, reflicten na conciencia dos pobos a importancia dun contrapoder que poña freo a tanta barbarie. Iso xera a esperanza na constitución dun mundo multipolar que poida volver recrear unha correlación de forzas favorábel ás ansias de progreso da Humanidade e o fin da barbarie á que asistimos. Desgraciadamente esta esperanza é inxustificada.

A pesar das alianzas interestatais que se van producindo nas últimas décadas e que conseguen ir rachando o dominio até agora case absoluto do centro imperialista norteamericano, estas unións non teñen o carácter de progreso que se lles pretende atribuír. E isto é así  pola natureza de clase desas alianzas, determinadas polo modo de produción capitalista e por tanto suxeitas ás leis que rexen o seu desenvolvemento, e no caso máis particular dos BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) as contradicións que se dan cos USA circunscríbense estritamente en marcos de confrontación interimperialista. Estamos pois diante da disputa pola cúspide da pirámide do imperialismo.

As economías capitalistas deses países, no seu interior realizan ataques salvaxes contra a clase obreira e os sectores populares para favorecer os intereses dos seus propios monopolios. 

Non estamos pois diante da disputa entre dous mundos, como sucedía coa existencia do campo socialista, senón diante da existencia de centros imperialistas emerxentes que disputan a hexemonía a USA ou á UE. Estamos diante da necesidade deses centros, para poder seguir o seu desenvolvemento, do intento dunha nova repartición do mundo, e neste escenario a certeza da proximidade dunha nova guerra global toma corpo cada vez máis claramente.

Se nos seguimos empeñando en maquillar a determinados centros imperialistas como progresistas só conseguiremos que chegado o momento a clase obreira dos distintos países volva cometer o erro de decidir entre o Tsar ou o Káiser.

Debemos de desenmascarar e denunciar como alleas as bandeiras da multipolaridade, por representar un mundo que só aspira a cambiar un centro imperialista por outro. É entendíbel que a socialdemocracia, vella e nova, tome esas bandeiras e as enarbore diante da clase obreira, sempre foi ese o seu papel histórico, pero para quen se reclama do socialismo e o comunismo a bandeira de loita contra toda unión interestatal de natureza capitalista é algo máis que unha cuestión de principios: é unha necesidade da estratexia revolucionaria.

O Socialismo é a única saída diante da barbarie capitalista que a cada paso nos pon máis preto do precipicio dunha guerra que, nesta ocasión, pode certamente conducir á desaparición da humanidade.
***
[1] Dende o ano 2012 familiares de falecidos durante a II Guerra Mundial portan os seus retratos en manifestación. En 2015 o propio Putin participou portando o retrato do seu pai.
[2] PCOR – Partido Comunista Obreiro Ruso.
[3] «Socialismo ou barbarie».

Fonte: Bonjour Karl
Traducido ao galego pola Revista FORXA