Alcoa en loita por un convenio digno.


Os comunistas queremos manifestar o noso apoio á folga de 3 días na factoría de Alcoa, na Coruña, diante do bloqueo da negociación colectiva por parte da empresa.

Os traballadores enfróntanse a un xigante, a un monopolio estadounidense do aluminio que conta con máis de 60.000 traballadores repartidos en 30 países, a unha multinacional con vendas de máis de 23.000 millóns de dólares ao ano e unha capitalización bursátil de máis de 12.000 millóns de dólares. Un dos tres maiores grupos industriais do sector do aluminio do mundo.

O ano pasado Alcoa anunciou que encargará a Goldman Sachs a venda das súas plantas en Galiza e Asturies ou abrirá o camiño á incorporación de novos socios tales como axencias de inversións ou empresas fortemente ligadas ao sector financeiro, situación que pon en perigo os postos de traballo e o futuro da industria en si mesma.

Nesta ocasión, a dirección de Alcoa leva máis dun ano e medio dilatando a sinatura dun acordo que afecta as condicións laborais de 370 persoas e que vincula o convenio ao sistema de poxa eléctrica.

Hai que lembrar que esta industria estratéxica ten a súa orixe na empresa pública INESPAL, comprada por Alcoa en 1998 por a penas 410 millóns de dólares, ademais de beneficiarse de subvencións millonarias e compromisos de manter o prezo da enerxía en caso de que se vira incrementada.

Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) apostamos pola renacionalización porque pensamos que este é o único xeito de garantir un futuro estábel e definitivo para este sector. O futuro dos nosos empregos non pode depender nin sustentarse nos privilexios e a chantaxe deste histórico monopolio que naceu co nome de Aluminum Co. of America.

POR UN CONVENIO DIGNO!
OS NOSOS DEREITOS DEFÉNDENSE LOITANDO!