O “fío vermello” que percorre a Historia.


En novembro de 1864 publicábase en Londres o Manifesto Inaugural da Asociación Internacional de Traballadores, a I Internacional. As loitas proletarias que marcaran o período anterior concretábanse por vez primeira nunha expresión organizativa internacional. Carlos Marx deixaba un inmenso legado á clase obreira de todos os países sinalando, da súa propia man, que “A clase posúe xa un elemento de triunfo: o número. Pero o número non pesa na balanza se non está unido pola asociación e guiado polo saber”.

Asociación e saber. A clase obreira respondeu ao chamamento final co que terminaba o Manifesto Inaugural:Proletarios de todos os países, unídevos! Organizáronse os primeiros partidos obreiros que entendían que a conquista do poder político convertérase, en palabras de Marx, no gran deber da clase obreira. Dende entón, un fío vermello atravesa a Historia: o fío vermello da loita revolucionaria da clase obreira polo poder.

As loitas clasistas libradas polo proletariado, e polo pobo traballador en xeral, van conformando unha experiencia colectiva, unha teoría, un saber. E ese saber, como sinalaba o Manifesto Inaugural, transmítese principalmente a través da asociación, da organización obreira, cuxo máximo expoñente é o Partido.

Dende a fundación do PSOE, o 2 de maio de 1879, a clase obreira española traballa nunha obra sempre inacabada, traballa en deseñar unha ferramenta organizativa en permanente proceso de perfeccionamento. Tras os debates que sacoden o movemento obreiro mundial organizado na II Internacional, co impulso da Gran Revolución Socialista de Outubro e o exemplo do Partido Bolxevique, a clase obreira afronta un novo debate. Ou se deposita a confianza na vía sen saída da socialdemocracia oficial ou se segue o camiño indicado por Marx en 1871 e percorrido polos comunistas en Rusia: o camiño cara á toma do poder.

Os bolxeviques romperan o xeo e, en palabras de Lenin, marcaran o camiño a seguir. En marzo 1919 fúndase a Internacional Comunista ou III Internacional. A clase obreira perfeccionaba a súa ferramenta e emprendía a inmensa tarefa de organizar en cada país o seu Partido Comunista, a súa Sección da Internacional. Os proletarios de todos os países respondían de novo ao chamamento á asociación. Escalaban un novo banzo na súa loita apoiándose no saber acumulado polas xeracións precedentes.

En 1920 a clase obreira española responde a ese chamamento: fúndanse o Partido Comunista Español e o Partido Comunista Obreiro Español, que baixo auspicios da Komintern fundan o 14 de novembro de 1921 o Partido Comunista de España, Sección española da III Internacional. De novo combínanse saber e asociación: o saber obreiro exprésase cientificamente na teoría marxista-leninista, a asociación ascende un novo banzo e fórxase o partido de novo tipo, o Partido Comunista.

Baixo as bandeiras vermellas do PCE nosa clase obreira librará as súas máis contundentes e heroicas batallas até os nosos días. Os enfrontamentos coa Ditadura de Primo de Rivera, o asalto ao poder en Asturias en 1934, a loita armada durante a Guerra Nacional Revolucionaria contra o fascismo, a loita guerrilleira, a loita antifascista nas frontes da II Guerra Mundial e a loita clandestina contra o franquismo.

Un camiño que a nosa clase obreira non percorreu soa. Como sinalou Marx no Manifesto Inaugural: “A experiencia do pasado ensínanos como o esquecemento dos lazos fraternais que deben existir entre os traballadores dos diferentes países e que deben incitarlles a sosterse uns a outros en todas as súas loitas pola emancipación, é castigado coa derrota común dos seus esforzos illados.” A nosa clase obreira contou sempre co apoio dos seus irmáns de clase, cuxa máxima expresión foron sen dúbida as Brigadas Internacionais, nas que se alistaron miles e miles de mozos de decenas de países aos que, na súa despedida, Antonio Machado dedicou estas palabras: “Amigos moi queridos, compañeiros, irmáns: a España verdadeira, que é a España fiel ao Goberno da súa República, nunca poderá esquecervos. Na súa alma leva escritos os vosos nomes: ela sabe moi ben que o merecer o voso auxilio, a vosa axuda xenerosa e desinteresada, é un dos máis altos timbres de gloria que pode ostentar”.

Tampouco poderemos esquecer a axuda internacionalista soviética e a solidariedade coa nosa loita demostrada polo movemento obreiro e comunista de multitude de países até os sanguentos días da transición do fascismo á democracia burguesa, expresión máis sofisticada da ditadura de clase capitalista.

Pero o Partido foi atacado, en España e fóra de España. Desatouse o vendaval eurocomunista que viña cuestionar o saber e as formas de asociación que lograra forxar a nosa clase obreira: atacouse o partido de novo tipo e o saber marxista-leninista. Miles de homes e mulleres enfrontáronse militantemente á mutación do Partido Comunista de España nun proceso complexo que, ao cabo e co apoio consecuente do movemento comunista internacional, conduciría ao Congreso de Unidade dos Comunistas, que sesionou do 13 ao 15 de xaneiro de 1984, fundando o Partido Comunista (PC), que adoptará posteriormente a denominación de Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE), tras unha decisión xudicial promovida a instancias do PCE eurocomunista. Mantíñase así o fío vermello, defendíase o marxismo-leninismo e as máis altas formas organizativas probadas no combate pola clase obreira internacional.

E así chegaron os anos 90, e con eles o triunfo da contrarrevolución na Unión Soviética e nos países que construían o socialismo no leste europeo. O PCPE foi duramente golpeado por procesos de escisión, de abandono masivo, e perdeu o apoio e respaldo internacionalista dos países socialistas, perdeu progresivamente o seu patrimonio e a súa influencia política reduciuse á súa mínima expresión. Mentres, no seo do PCE, ameazábase a propia continuidade da sigla e crecían as voces que esixían a súa disolución en Esquerda Unida. O anticomunismo campaba ás súas anchas. Pero, naqueles anos amargos de traizóns e deserción, houbo quen non claudicou, houbo quen se negou a arriar bandeiras.

A clase obreira logrou atopar as forzas para preservar o fío vermello, para protexer organizadamente a chama do marxismo-leninismo no medio da tormenta contrarrevolucionaria. A militancia do PCPE e dos CMC, en condicións moi difíciles, logrou atopar as forzas para resistir. E no que quedaba do PCE, cando ninguén o esperaba, unha nova xeración militante levantaba na UJCE as bandeiras do marxismo-leninismo, contrariando todo prognóstico e enfrontando as posicións revisionistas e liquidacionistas do seu propio Partido.

Nas peores condicións resistiuse, aínda que de forma precaria mantivéronse as formas organizativas do partido de novo tipo e o saber marxista-leninista. Naquelas duras xornadas, desde distintos postos de combate, cos nosos acertos e os nosos erros, loitouse por manter un fío vermello no que se atopaban militantes comunistas de diferentes xeracións, con diferentes experiencias de loita e con diferentes traxectorias, pero unidos nun propósito común que foi concretándose nun lento proceso de fortalecemento do PCPE.

Xa non era suficiente con resistir. O IX Congreso do PCPE, reunido en decembro de 2010, demostrou que se crearon as condicións para dar novos pasos e para superar a etapa de resistencia que abarcara as dúas últimas décadas de loita. Ábrese entón un proceso dirixido a elaborar a estratexia revolucionaria nas condicións contemporáneas, condensando nela o saber acumulado durante toda a etapa anterior. Comeza o estudo científico das causas que permitiron o triunfo da contrarrevolución, dos erros e desviacións en que incorreu o movemento comunista, da estrutura de clases do país e do papel central da clase obreira en todo proceso revolucionario, das súas alianzas sociais e as formas de organización obreira e popular. En paralelo, déronse importantes avances no plano internacional coa fundación da Revista Comunista Internacional e da Iniciativa Europea de Partidos Comunistas e Obreiros.

E, como noutros momentos da Historia, acumuláronse as resistencias e de novo desatouse a loita. Non unha loita xeracional, como se tratou de presentar, senón unha loita entre quen confía na clase obreira, na súa forza e na súa capacidade para proseguir a senda do fío vermello, e entre quen non soubo ou non quixo entender que a etapa de resistencia terminou, aqueles que non acertan a tirar do novelo nas presentes condicións para que o fío vermello siga atravesando a Historia. Uns poxando por desenvolver o marxismo-leninismo, por definir a estratexia revolucionaria, por crear un gran Partido Comunista que encabece unha nova ofensiva e cumpra co deber, sinalado por Marx, de avanzar cara á toma do poder. Outros, empeñados en volver ás trincheiras dos anos 90. Moitos, con independencia de onde militen ou de se militan ou non, expectantes diante do desenvolvemento dos acontecementos.

O fío vermello seguirá, e farao de novo co apoio de “os traballadores dos diferentes países… que deben incitarlles a sosterse uns a outros en todas as súas loitas pola emancipación...”. O Partido, co camarada Ástor García como Secretario Xeral, co seu Secretariado Político, o seu Comité Central, as súas organizacións e a súa militancia bolxevique dispostos á ofensiva, prepárase para alcanzar novas metas. Iníciase unha nova ofensiva comunista en España na que non sobra ninguén, na que facemos falta todos e todas para afiar a arma máis precisa con que conta a clase obreira: o seu Partido Comunista. A militancia comunista do noso país está convocada a contribuír, cada cal na medida das súas posibilidades, ao éxito deste proceso, no que non cabe nin o sectarismo nin a exclusión. Porque estamos convencidos de que na unidade marxista-leninista está a clave da vitoria, e que só con esa unidade poderemos vencer.

Dende as primeiras loitas libradas pola nosa clase obreira até a fundación da I Internacional; dende o deslinde de campos que conduciu aos nosos antepasados a organizar a Internacional Comunista e á fundación do primeiro Partido Comunista no noso país; dende as heroicas loitas do noso pobo até os amargos días da contrarrevolución na Unión Soviética; dende as trincheiras dos anos 90 até xerar as condicións dun novo contraataque, os fillos e fillas da Revolución de Outubro, dispómonos a manter vivo o fío vermello do marxismo-leninismo, e dar pasos decisivos cara á vitoria no ano do centenario.

Proletarios de todos os países, unídevos!


Raúl M.T.
Secretario do Comité Central do PCPE.


Fonte: PCPE
Traducido ao galego por Comunistas da Galiza-PCPE