Non ao peche das liñas de autobús!

- POR UN TRANSPORTE PÚBLICO AO SERVIZO DO POBO TRABALLADOR -


Milleiros de aldeas e lugares de Galicia poden verse incomunicadas pola perda do servizo de transporte público de viaxeiros por estrada a partir de agosto. Case 600 núcleos de poboación ven ameazadas as súas liñas de autobús. As grandes empresas monopolistas do transporte a quen representa o goberno de Feijóo poden abandonar por "deficitarias", tras este verán, case 600 liñas de autobús, asestando un golpe de morte ao pobo traballador do rural galego, xa de seu esnaquizado e despoboado polas agresivas políticas da Unión Europea e a PAC capitalista.

Paradoxalmente moitos concellos recortan os servizos básicos ao pobo, mentres invisten os cartos públicos na construción de estacións "intermodais" que en absoluto van  solucionar o problema principal que é o aumento das frecuencias das liñas regulares, a conexión do ferrocarril co transporte urbano e interurbano ou o abaratamento do servizo, senón que beneficiarán coma sempre, ao capital especulativo realizando obras faraónicas e de deseño, espazos comerciais e tendas de luxo.

Milleiros de pequenos núcleos de poboación veranse illados en aras de engordar os beneficios dos grupos empresariais e de personaxes coma o dono do monopolio Monbus, Raúl López, detido en marzo de 2015 por branqueamento de capitais, tráfico de influencias e delitos contra a facenda pública; denunciado polas organizacións sindicais por coacción aos traballadores cambiándolles as rutas e obrigándoos a realizar xornadas que superan as 12 horas e coñecido por aplicar o despedimento e a persecución contra os traballadores e nomeadamente os sindicalistas.

Sen dúbida, a supresión das liñas de servizo (autorizada pola administración autonómica competente) implicará tamén axustes dos cadros de persoal e máis despidos.

As grandes fortunas dos señores do capital amásanse coa explotación e abuso sobre traballadores e usuarios baixo o amparo dos gobernos ao seu servizo.

DEFENDAMOS UN TRANSPORTE PÚBLICO E DE CALIDADE AO SERVIZO DO POBO TRABALLADOR

O PÚBLICO É SERVIZO, O PRIVADO É BENEFICIO.

LOITAR ATA DERROTAR AS POLÍTICAS ANTIPOPULARES DA PATRONAL E O GOBERNO.

POLA NACIONALIZACIÓN DO TRANSPORTE!

POR UN PAÍS PARA A CLASE OBREIRA!

Comunistas da Galiza-PCPE
Colectivos da Mocidade Comunista (CMC)