Breves crónicas do 1M en Galiza.


As e os comunistas, organizados nos Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) e en Comunistas da Galiza-PCPE, fixemos un chamado á clase obreira -en particular- e a todos os traballadores e traballadoras -en xeral-, a participar nas mobilizacións convocadas con motivo do 1º de Maio. Unha data que se cadra este ano tiña un carácter un tanto especial ao cumprirse 100 anos da gloriosa Revolución Bolxevique.

O eixo proletario Ferrol-Vigo foi o elixido para que as nosas organizacións conformaran bloques comunistas, aínda que certamente outras cidades ou vilas da Galiza tamén contaran con presenza comunista, nomeadamente A Estrada.

A continuación aportamos un par de crónicas da nosa participación nestas mobilizacións, acompañadas dunhas mostras fotográficas:


Desde Vigo Obreiro:

O 1º de maio é un día de referencia na loita sindical na comarca viguesa.

Dada a importancia que ten como referente industrial, celebráronse aquí os actos centrais a nivel galego dos principais sindicatos.

Tanto os CMC coma Comunistas da Galiza-PCPE, asistimos á manifestación da CIG conformando nela un gran bloque comunista.
 
Esta mobilización foi a máis maioritaria, comezando ás 12:00 horas, e percorrendo as rúas de Vigo desde o popular barrio do Calvario até a Porta do Sol.

O bloque comunista, co lema “Un país para a clase obreira” na cabeceira, situouse xunto aos bloques sectoriais obreiros conseguindo así que durante a maior parte da mobilización se coreasen as súas consignas, a mensaxe de unidade sindical e a necesidade de reactivar as loitas obreiras coma medida efectiva contra a reforma laboral, o desemprego ou a precarización do traballo que sofren as clases traballadoras.

Alén disto, desde Comunistas da Galiza e os CMC enviouse unha delegación dirixida por A.R., responsábel de Movemento Obreiro e Sindical dos CMC, á mobilización organizada por CCOO e UXT desfilando xunto ao bloque xuvenil de CCOO para así mellorar as relacións existentes entre os sindicatos e o Partido Comunista o cal -sen dúbida-posibilitará unha mellor coordinación entre ámbolos dous en futuras loitas obreiras.



Desde Ferrol Obreiro:

Un ano máis, as e os comunistas do PCPE saímos ás rúas de Ferrol para conmemorar coa nosa clase un Primeiro de Maio de loita e de reivindicación, máis necesaria hoxe que nunca.

A xornada comezou cun reparto de octavillas e a pegada de carteis da campaña central do partido para este 1º de Maio.

Posteriormente, incorporámonos á manifestación convocada pola central sindical CCOO nun sólido bloque caracterizado polas nosas bandeiras vermellas.

A nosa participación transcorreu nun clima de reivindicación e camaradeiría e de novo os nosos berros e as nosas consignas enxordecedoras retumbaron polas estreitas rúas do centro de Ferrol.

“Loitar, crear, Poder Obreiro, Poder Popular!” ou -dándolle a volta á vella consigna- "Si pode ser, si pode ser: Corruptos na cadea e Obreiros ao poder", ademais da xa clásica "Fóra do euro, da OTAN e da Unión", foron algunhas das consignas máis empregadas durante o transcurso da manifestación.


A xornada rematou co canto da Internacional.


Mostas fotográficas:









É hora de tomar Partido!!

Contacta connosco escribindo a comunistasdagaliza@gmail.com

Únete ao Partido Comunista!!