Eleccións en Europa.

Ástor García

Auxe da extrema dereita?

Nada menos que seis procesos electorais ordinarios vanse levar a cabo en países da Unión Europea durante 2017. En concreto, en Alemaña haberá Eleccións presidenciais (febreiro) e federais (agosto-outubro), nos Países Baixos xerais (marzo), en Francia presidenciais (abril-maio) e lexislativas (xuño) e na República Checa lexislativas (outubro). Falta por ver se a estes procesos se lles suma algún máis como consecuencia da inestabilidade dalgúns gobernos, como o de Italia tralo referendo que provocou a dimisión de Matteo Renzi en decembro pasado.

Unha das principais preocupacións do establishment político e xornalístico atópase na posibilidade de que en tales Eleccións, sobre todo no lexislativas —pero tamén nas presidenciais francesas— poidan coller forza organizacións de extrema dereita como a Fronte Nacional francés, Alternativa por Alemaña ou o holandés Partido pola Liberdade, caracterizados por un forte discurso xenófobo e racista, patrioteiro, proteccionista e contrario á UE, que contan con crecentes apoios segundo todas as enquisas.

Ao fío dos resultados do referendo italiano, do Brexit, ou da vitoria de Donald Trump en Estados Unidos, demóstrase que unha parte nada despreciábel do malestar dos sectores golpeados pola crise económica —e pola extensión das relacións capitalistas a todo o planeta— está a ser capitalizado por opcións que non teñen nada de rupturistas, pero que enarboran un discurso formalmente contrario ao actual estado de cousas na política europea e mundial.

Os e as comunistas —non só en España— habemos de preguntarnos como puido ser que a maior parte do discurso contra a UE estea a basearse en posicións chovinistas e patrioteiras e por que non estamos a ser capaces de canalizar o descontento social cara a posicións revolucionarias.

O certo é que hoxe están en cuestión, para unha parte significativa da poboación, as políticas de xestión do capitalismo, pero non o capitalismo en si. A polarización crecente no plano económico —os ricos son cada día máis ricos e os pobres cada día máis pobres—, froito da concentración e centralización de capital en cada vez menos mans, ten como consecuencia práctica unha proletarización de amplos sectores das capas medias que, lamentabelmente, estase sustanciando nun predominio das posicións ideolóxicas pequeno-burguesas na maioría obreira e popular, desarmada cultural e ideoloxicamente grazas á ausencia —ou á traizón— de moitos Partidos comunistas e á preferencia polo pacto social de moitas das principais organizacións sindicais.

Nese contexto, por tanto, non é estraño contemplar como eses Partidos de extrema dereita precisamente comezan a ter o seu auxe cando a socialdemocracia —nova e vella— volve frustrar as expectativas de grandes sectores da poboación ao non pór en dúbida, do mesmo xeito que as forzas liberais e conservadoras, os intereses do gran capital. A virtude —se ten algunha— desta nova extrema dereita é que está a ser capaz de reorientar o descontento popular contra o gran capital, pero está a facelo de maneira que non se pon en dúbida ningún fundamento do capitalismo, senón simplemente unha parte das consecuencias do capitalismo na súa fase imperialista. Do mesmo xeito que os novos socialdemócratas, son incapaces de interpretar adecuadamente as leis de desenvolvemento capitalista, pero son máis perigosos porque abertamente defenden políticas contra a clase obreira e o pobo, a represión e o odio ao diferente ou ao estranxeiro para a defensa de “o seu” capitalismo, de “os seus” capitalistas.

O avance de forzas de extrema dereita, fílo-fascistas ou directamente fascistas, debe ser causa de preocupación para as forzas obreiras e populares. Pero a solución non pasa pola reedición de fórmulas frontepopulistas que volvan deixar a esperanza antifascista en mans da socialdemocracia e o oportunismo. É obrigatorio recuperar, o máis axiña posíbel, a capacidade explicativa e organizativa entre as masas, a articulación dunha verdadeira alternativa global ao capitalismo, aos seus monstros e aos seus monaguillos.


Fonte: UyL
Traducido ao galego por Comunistas da Galiza-PCPE