Obreiros e
obreiras, traballadoras e traballadores autónomos, parados e paradas,
traballadores e traballadoras do campo, pensionistas, mulleres e mozas do pobo
traballador:
O Comité Central
do Partido Comunista dos Pobos de España quere compartir convosco as súas
reflexións ante a proximidade do 1º de Maio, día intencional da clase obreira.
Loitemos contra
as políticas do Goberno capitalista.
Durante a última
década os capitalistas e os seus gobernos dirixiron un duro ataque contra a
clase obreira e contra os traballadores e traballadoras en xeral. Mentres a
riqueza producida co noso traballo concéntrase cada vez en menos mans, as
maiorías traballadoras están sendo duramente golpeadas: despedimentos, redución
salarial, precariedade na contratación, impago de horas extraordinarias,
sinistralidade laboral, etc.
A crise
capitalista descargou sobre os ombreiros da clase obreira. Están arrasando os
nosos dereitos laborais e sociais. O dereito á educación e a unha sanidade,
pública e de calidade, ou o dereito á xubilación e a unha pensión digna, corren
un serio risco.
Os capitalistas
tratan de aumentar os seus beneficios a costa de incrementar a nosa
explotación. Por iso cada vez son máis os sectores nos que se pagan salarios de
miseria que nen sequera permiten chegar a fin de mes, por iso ao noso arredor
crece a pobreza, a marxinalidade e a exclusión social, con todos os problemas
asociados que conlevan.
A propaganda do
Goberno do Partido Popular preténdenos convencer de que o peor xa pasou e de
que nos achegamos a unha etapa máis próspera. Menten conscentemente. A súa
política diríxese a configurar un novo escenario no que poidan extraer da clase
obreira a máxima plusvalía, e para iso necesitan terminar cos nosos dereitos e
desactivar a nosa loita.
O movemento
obreiro e sindical debe confrontar abertamente co Goberno capitalista, non cabe
realizar nin a máis mínima concesión. Hai que loitar para derrotar a súa
política reaccionaria e para recuperar os dereitos perdidos. É necesario
iniciar un novo ciclo de loitas obreiras, unha nova etapa á ofensiva.
Ningunha
confianza nas forzas da socialdemocracia.
Debemos aprender
do sucedido durante os últimos anos, nos que amplos sectores da clase obreira e
do pobo depositaron a súa confianza nas forzas da vella e a nova
socialdemocracia. As importantes loitas obreiras e populares libradas dende o
estourido da crise entraron en dique seco. Debilitouse a confianza na nosa
forza e todas as esperanzas foron depositadas nun cambio na correlación de
forzas no parlamento burgués.
Ningunha forza
socialdemócrata, chámese PSOE ou Podemos, vai solucionar os nosos problemas.
Vimos como, unhas eleccións tras outras, e malia chegar ao Parlamento novas forzas
políticas que prometían reverter as políticas do Goberno, as nosas condicións
de vida e traballo non fixeron outra cousa que empeorar. Pretenden enganar á
clase obreira, reducir a nosa loita a unha loita electoral. En Grecia
comprobouse que, quen en nome da nova socialdemocracia representada polo
Goberno de Syriza, prometían un futuro próspero e de xustiza social para o
pobo, traizoaron aos traballadores e aplican con man de ferro as mesmas
políticas capitalistas que dicían combater.
A clase obreira só
pode contar coas súas propias forzas, coa súa organización, coa súa capacidade
de loita. Debemos establecer unha alianza social con todos aqueles sectores
sociais enfrontados, dunha ou doutra forma ao poder do capital; tecer unha
fronte obreira e popular que partindo da defensa dos nosos intereses inmediatos
(traballo, salarios dignos, dereitos laborais e sociais, vivenda, etc.) se
conforme nunha forza social capaz de contrapoñer ao capitalismo un modelo de
sociedade radicalmente distinto, unha sociedade na que o poder estea en mans de
quen todo o produce, libre de explotación capitalista e de calquera forma de
opresión, unha sociedade socialista-comunista.
Intensifiquemos a
loita en todas as frontes.
Só así se verán
recoñecidos os nosos dereitos, só así mellorarán sustancialmente as nosas
condicións de vida e traballo. Para iso é imprescindíbel que incrementemos a
loita en todas as frontes, comezando pola loita obreira, sen a que toda
reivindicación social está condenada á derrota.
O Partido
Comunista chama á clase obreira a organizarse, a afiliarse masivamente aos
sindicatos, aos que o poder dos empresarios e o seu Goberno levan anos
colocando no punto de mira, ameazando ata con cárcere a sindicalistas. Se os
sindicatos seguen debilitándose, continuarán debilitándose os nosos dereitos
laborais e sociais. O Partido Comunista chama aos e ás sindicalistas a defender
no seo dos sindicatos unha posición clasista e combativa, que asente a
organización sindical nos centros de traballo, que organice á clase obreira
para a loita e incremente a participación e a unidade da clase obreira a través
das asembleas de traballadores; un movemento sindical enfrontado aos
capitalistas e ao capitalismo.
É necesario que o
movemento sindical confronte decididamente coa explotación, é imprescindíbel
que derrotemos as sucesivas reformas laborais (tanto as aprobadas polo PSOE
como polo PP) e abramos unha nova etapa, á ofensiva, na que avancemos nas nosas
reivindicacións.
Xunto á loita no
centro de traballo e nos sectores produtivos, debemos implicarnos con decisión
en todas as cuestións que afectan ás condicións de vida do noso pobo. Habemos
de defender os máis básicos dereitos á liberdade de expresión e opinión. A
loita nos terreos da educación, a sanidade e os dereitos de seguridade social
(réxime de xubilación, réxime de incapacidades, dereito ás prestaciones de
desemprego, etc.), serán importantes campos de batalla no próximo periodo... Os
capitalistas necesitan novos sectores económicos nos que obter beneficios e o
Goberno capitalista non está dubidando en aprobar as políticas privatizadoras
que o permitan.
A clase obreira
debe prestar especial atención á agresividade capitalista contra as mulleres
traballadoras. Vivimos unha vaga reaccionaria que trata de crebar os dereitos
alcanzados durante máis dun século de loitas. As traballadoras, xunto aos seus
compañeiros de clase, tamén debemos pasar á ofensiva. Nós padecemos como
ninguén a intensificación da explotación capitalista e da opresión social.
Debemos repeler a ofensiva reaccionaria, debemos loitar como ninguén polo noso
dereito ao traballo en igualdade de condicións, polos dereitos laborais e
sociais. A clase obreira non debe consentir nin un momento máis a violencia
machista que anualmente masacra e asasina por centos ás mulleres no noso país.
Aspiramos a unha sociedade de persoas libres e iguais en dereitos e na vida,
unha sociedade incompatíbel con toda forma de opresión.
A mocidade
obreira e o estudiantado tamén deben cumprir un importante papel no próximo
periodo. Do mesmo xeito que as mulleres obreiras, a mocidade padece con
especial intensidade a explotación. A eles e elas resérvanselles os traballos
máis precarios, con menos dereitos e peor remunerados. Condenan á nosa mocidade
á emigración económica, ao desarraigamento, e, no peor dos casos á exclusión e
a marxinalidade. Sobre a mocidade técese toda unha rede de alienación e
embrutecemiento dirixida a evitar a súa incorporación á loita social.
O estudiantado,
unido aos traballadores e traballadoras do ensino, deu importantes pasos ao
longo do último curso. As folgas no sector educativo marcan o inicio dun novo
ciclo reivindicativo e demostran que só a través da loita se logra facer
retroceder ao Goberno.
Loitemos contra a
guerra imperialista.
O capitalismo dos
nosos días, o imperialismo, vólvese cada día máis reaccionario. Por todas
partes increméntase a violencia e a represión. E o máximo grao de violencia é a
guerra imperialista que están estendendo por todo o planeta. A historia
demostrou que non é posíbel terminar coa guerra sen derrotar ao sistema que a
xera: o imperialismo.
As diferentes
potencias capitalistas estanse rearmando, estanse preparando para unha gran
confrontación mundial. Fronte aos plans de destrución e rapina dos capitalistas
de todos os países, a clase obreira mundial debe dar unha resposta unida;
debemos loitar contra toda expresión de racismo e xenofobia, de todo intento de
utilizar a situación dos refuxiados, por parte dos gobernos e as organizacións
de extrema dereita, para afondar na división da clase obreira. Hoxe cobra máis
sentido que nunca o lema proclamado polos fundadores do comunismo: Proletarios
de todos os países, unídevos!
Os últimos
ataques criminais contra o pobo sirio partiron da base estadounidense de Rota.
A nosa soberanía viólase utilizando o noso país como base para todo tipo de
agresións imperialistas contra outros pobos do mundo, contra os nosos irmáns de
clase. Hai que dicir basta, hai que loitar para terminar definitivamente coas
bases militares no noso país, debemos loitar decididamente para a ruptura coa
OTAN e coa Unión Europea do capital e a guerra, a única posible no capitalismo.
Nin terra, nin mar, nin aire para os plans de agresión imperialista.
Pasemos ao
contraataque!
Este ano a clase
obreira internacional conmemora o centenario da Gran Revolución Socialista de
Outubro de 1917. Hai cen anos a clase obreira rusa tomaba o ceo por asalto e,
por primeira vez na historia, o proletariado creaba o primeiro Estado
Socialista. Durante décadas demostrouse a superioridade do
socialismo-comunismo: conquistáronse dereitos políticos, laborais e sociais
impensábeis ata ese momento; desenvolvéronse todos os campos científicos e
culturais e puxéronse ao servizo do pobo; sentáronse as bases para a
emancipación das mulleres; derrotouse ao nazi-fascismo e destruíuse o sistema
colonial; a Unión Soviética apoiou solidariamente a loita dos pobos e da clase
obreira de todos os países, sentando as bases para a conquista dos importantes
dereitos laborais, sociais, sindicais e políticos que hoxe nos son arrebatados.
Hai un século que
se rompeu o xeo, que se mostrou o camiño a seguir. Non hai futuro algún para a
clase obreira no capitalismo, a loita hoxe céntrase en repeler a agresión
capitalista e en preparar as condicións que nos conduzan ao poder obreiro e
popular: a unha República Socialista, baseada nunha unión libre de pobos
libres, na que o poder estea en mans de quen todo o produce e a quen todo debe
pertencer, un país para a clase obreira.
O Partido
Comunista dos Pobos de España fai os seguintes chamamentos á nosa clase obreira
neste 1º de Maio:
- A intensificar a loita en todas as frontes para derrotar ao Goberno capitalista.
- A non depositar confianza algunha nas forzas socialdemócratas e a quen promete un futuro mellor no capitalismo.
- A fortalecer as organizacións sindicais e a organización popular.
- A fortalecer co seu apoio ao Partido Comunista dos Pobos de España e aos Colectivos de Mozos Comunistas.
Nin terra, nin
mar, nin aire para os imperialistas!
Por un país para
a clase obreira!
Proletarios de
todos os países, unídevos!
Declaración
aprobada polo V Pleno do Comité Central do Partido Comunista dos Pobos de
España, 22 de abril de 2017.
Fonte: PCPE
Traducido ao galego por Comunistas da Galiza-PCPE