[10M] Pasar da resistencia ao contraataque.


Este 10 de marzo os traballadores e as traballadoras lembramos 45 anos despois aos mártires e os heroes que derramaron o seu sangue naquel Ferrol obreiro de ferro e guindastres e o facemos para poñer en valor esa loita obreira, aberta, decidida e tan necesaria nos nosos días.

A crise continua, pese aos continuos anuncios de recuperación económica; as consecuencias das políticas de recortes e de austeridade son sufridas polo pobo sen que as forzas políticas do reformismo, que vendían cambios, fosen quen de levalos á práctica, porque a realidade palpábel é que os reformistas non son xa capaces nin de conseguir reformas que melloren as condicións de vida das familias obreiras.

Sen loita non hai avance, non hai conquistas nin dereitos, nin vida digna para os traballadores e traballadoras. O capitalismo non pode hoxe garantir as pensións, a educación, a sanidade, dereitos básicos e elementais que a clase obreira conseguiu a través de séculos de duras loitas.

A historia da loita de clases amosa que os capitalistas so fan concesións cando son empurrados a facelo.

Precisamos un movemento obreiro e sindical forte e amplo que dea a batalla dende cada fábrica e posto de traballo, contra as políticas do gran capital e da UE, pola retirada das reformas laborais e as políticas que conduciron á clase obreira e aos sectores populares á miseria,  o empobrecemento e a precariedade. Un movemento libre da influencia das correntes de pensamento burgués que actúan como lastre e como tapón do desenvolvemento dun movemento sindical en clave de Confrontación, porque o importante non e simplemente loitar por manter dereitos senón derrotar a aqueles que pretenden arrebatárnolos, aqueles que día a día, seguen unha estratexia tendente á liberalización da economía e ao goberno dos monopolios.
Que ninguén se engane nin albergue esperanzas en relación a unha futura melloría da economía nin a cambios políticos favorábeis á maioría social hoxe o escenario internacional e máis inestábel e volátil que hai unha década;  a crise capitalista nas súas distintas expresións acentuou as contradicións interimperialistas entre os distintos estados que achega cada dia máis a posibilidade real do estourido de conflitos militares xeneralizados de consecuencias hoxe inimaxinábeis.

Medran tamén as contradicións interburguesas dentro dos estados e aumentan as tendencias máis nacionalistas e reaccionarias, forzas políticas de extrema dereita, racistas e euroescépticas están fortalecéndose en distintos estados europeos. Tamén a vitoria electoral de Donald Trump en Estados Unidos inaugura un período de inestabilidade, desaceleración da economía e novos movementos de reorganización na cadea imperialista,  que son o reflexo da decadencia dun capitalismo agonizante e parasitario que é incapaz xa de reinventarse.

Non existe outro camiño para a clase obreira máis que o avance na dirección da sustitución do poder burgués polo poder obreiro e popular, polo derrocamento do sistema capitalista, pola expropiación dos monopolios capitalistas e polo socialismo como único garante de futuro de paz e prosperidade para o conxunto da humanidade.

Somos nós ou eles!
Viva a clase obreira!

10 de Marzo do 2017
Comunistas da Galiza-PCPE