Sobre as mobilizacións dos "indignados". Fóra Partidos e sindicatos?


Reproducimos o artigo de Rizospastis datado do ano 2014, que consideramos de grande utilidade reler hoxe cando constatamos as consecuencias da penetración da ideoloxía burguesa e pequenoburguesa no movemento obreiro, os perigos que para este supón o ataque ás formas clásicas e historicamente probadas de organización independente da clase obreira, o Partido e o Sindicato; o desarme e desmobilización á que conducen as falsas ilusións, a substitución do movemento organizado da clase por suxeitos interclasistas e a xestión antiobreira e antipopular dos gobernos "de progreso".


Sobre as mobilizacións dos "indignados" en Grecia.
Artigo do Consello Editorial de Rizospastis (2012)

Fóra partidos e sindicatos ou co KKE e o movemento con orientación de clase?

O pasado venres nos blogs que están a guiar ao movemento dos cidadáns "indignados" publicouse unha declaración dos cidadáns "indignados" na Praza Sintagma que chamaba ás forzas de esquerda a abandonar as prazas. Así, os dirixentes "anónimos" do "movemento das prazas?" os "non  partidistas", "espontáneos", "non politizados" cidadáns semellan estar politizados e decláranse así mesmos como "anti-esquerda".

Quizais esta sexa a razón pola que se esconden detrás do seu anonimato.

Até este momento declaraban que o seu inimigo era a política que traía pobreza e paro, mentres a súa consigna era librarse do memorándum e dos políticos que o aplican. Este elemento, xunto ao feito de que organizan mobilizacións, xa expresa unha posición política.

Agora están a amosar  un aspecto máis da súa posición política e da súa práctica, atribuíndo a todos os partidos en xeral " incluíndo ao KKE " a política bárbara que leva ao pobo e á mocidade á indixencia. Por suposto, non demostran quen se beneficia desta política; non mostran quen son os verdadeiros inimigos, é dicir os monopolios, os capitalistas.

Están en contra do movemento sindical organizado con orientación de clase en base ao argumento de que os sindicatos deben abandonar as prazas. Pero o movemento sindical non é homoxéneo. Existe algunha relación entre o goberno e o sindicalismo amarelo que axudou á adopción das bárbaras medidas e o PAME, que organizou folgas e masivas manifestacións contra as mesmas xunto co PASEVE, o PASY, a OGE e o MAS?

A autodefinición de "non partidista" que usaron até agora, que foi exaltada polos grupos mediáticos dos capitalistas, así como a súa lóxica relativa ao tema da democracia, demostran ser máis nada que hipocrisía. O mesmo ocorre coa súa suposta intención de unir ao pobo, mesmo sobre a base do vago contido contra o memorándum do "movemento das prazas", xa que posicións como "fóra a esquerda", "partidos fóra", "sindicatos fóra"  por unha banda son divisionistas e por outra banda non son tan democráticas ou, para ser máis exactos, son antidemocráticas.

Ao mesmo tempo, e mentres eles se opoñen ao memorándum e ás terríbeis medidas, non din nin unha soa palabra contra o goberno, a UE e as forzas políticas que están de acordo con esta política. Só falan en xeral sobre os políticos que a aplican con argumentos vagos, igualando ao KKE con estes partidos.

Evitar a expresión política e ideolóxica do pobo traballador, que ten o dereito de ter o seu propio punto de vista e expresalo aberta e publicamente en xeral e en particular no seo do movemento, onde se desprega a loita política e ideolóxica, non só está en contra da democracia, especialmente no seo do movemento, senón que tamén a amordaza. É máis, todo movemento, incluso os espontáneos, pero aínda máis o movemento nas prazas, ten un obxectivo, independentemente de que se estea de acordo ou non.

Con todo, esta acción revela que os dirixentes dos movementos das prazas teñen un punto de vista: ou vés á praza coas nosas posicións político-ideolóxicas abandonando as túas propias ou non veñas, queda lonxe das prazas.

Parece que se trata dunha táctica ben elaborada para marcar liñas divisorias entre as forzas populares que están organizadas en sindicatos e partidos, que non ocultan a súa ideoloxía, a súa política e mesmo a súa identidade de partido, e quen van ás prazas, que son tamén xente corrente, a maioría dos cales creron aos partidos burgueses que traizoaron as súas esperanzas dunha vida mellor, que están desencantados coa política burguesa e buscan unha saída.

Despois de todo, a quen serve a lóxica "fóra partidos e sindicatos"?

Neste punto non repetiremos que os dos blogs están a preparar un partido co nome de "Democracia Inmediata", como se dixo na televisión. Pero tamén hai unha verdade que non queren que saia á luz, que tratan de ocultar igual que fan en ocasións os medios burgueses: principalmente que non todos os partidos son o mesmo, que o denominado movemento non partidista das prazas é unha entidade política que, aínda que di ser non partidista, ten unha posición política contra os outros partidos.

Dende o primeiro momento en que este tipo de mobilizacións apareceron, expomos a pregunta:
Quen se esconde tras os blogs e internet? Por que non aparecen? Que significa o seu anonimato? Non debería este feito preocupar a quen se reúne nas prazas?

Porque deberían saber que forzas lles convidan e organizan estas actividades, porque os blogs non son suficientes, nin todo empeza espontaneamente dende un blog, mesmo aínda que contribúan ás mobilizacións igual que o fai a enorme promoción nos medios de comunicación.

Pero parece que o anonimato axuda a quen está detrás dos blogs e non só a eles, despois de todo, a experiencia do movemento popular mostra que tamén hai forzas organizadas que aparecen como forzas do "movemento" e "se opoñen" sen importar se o fan intencionadamente ou non  ao movemento popular organizado, mentres que cando están en acción ocultan as súas caras con carapuchas.

Agora o movemento de quen non ten nome emerxeu. A xente que se oculta ten un obxectivo específico, que tamén tratan de ocultar. Preséntanse a si mesmos como dirixentes a favor do pobo pero non sinalan ao verdadeiro opoñente do pobo.

Quen cobre as súas caras con carapuchas oponse aos mecanismos represivos estatais, as xanelas das tendas e os bancos; consideran que eses son os seus opoñentes e non os monopolios. A súa actividade fomenta a tendencia a que o movemento perda o seu carácter organizado, impide a participación do pobo e non cultiva unha conciencia rebelde.

Os procedementos da democracia directa supostamente expresan a participación dende abaixo na actividade antimemorándum. Pero, que forza política imporá a súa vontade para que o memorándum sexa abandonado? Eles están en contra dos políticos e os partidos políticos.
Así que, quen o fará? Outros políticos, e quizais outras forzas organizadas coa liña política expresada nas prazas, que non están en contra dos monopolios e os capitalistas. Así que estamos a falar doutro sistema burgués reformado. Será este o seu obxectivo?.

Por suposto, a posición específica "fóra partidos" fai que algunhas persoas dalgúns partidos aparezan como defensores da liña do seu partido pola mañá, louven a quen expresa unha "posición non partidista" a pesar do feito de que esa mesma xente son cadros dirixentes de partidos, e pola noite van ás prazas como "xente sen partido". Isto é hipocrisía a gran escala, se non directamente fraude. A xente normal, a xente nova, participa nas prazas para expresar a súa indignación, descontento e ira contra o goberno, a UE e a Troika pero non entenden ou non aceptan a liña política partidaria do derrocamento do sistema. Este pobo traballador non debe ser atrapado na rede que o sistema está a preparar por medio dos denominados "non partidistas" e espontáneos.

O conflito cos monopolios non é incoloro. Ten que haber un plan, unha estratexia, ideais, contribución e sacrificios. Isto significa aliarse co KKE e as forzas radicais de orientación clasista; as novas forzas, que se están empezando a mobilizar ao superar a súa inercia e tolerancia, deben dar este paso adiante.

"Fóra partidos" é unha posición conservadora.

Os partidos políticos son organizacións que coa súa liña política e a súa ideoloxía, expresan intereses específicos. A nosa sociedade divídese en clases e capas sociais. A clase burguesa, por unha banda, a dominante, ten o poder, que o xestiona algún dos seus partidos no goberno, e por outra banda a clase obreira. Hai capas intermedias que se diferencian economicamente, así como socialmente. As capas intermedias, que están nunha posición económica máis baixa, son obxectivamente aliados dos traballadores e opoñentes dos monopolios.

A súa posición de "fóra partidos" iguala ao KKE cos partidos burgueses, oculta ao verdadeiro opoñente do pobo, os monopolios, que son quen teñen o poder. Un traballador autoengánase se cre que as mobilizacións nas prazas son suficientes para liberarlle dos antigos e novos problemas que se lle puxeron sobre a mesa sen que haxa un movemento que estea enraizado e comece nas fábricas e industrias, en todos os centros de traballo, contra a clase capitalista.

Cando o movemento non é forte nas fábricas, todas as mobilizacións que se fagan carecen de bases sólidas. O verdadeiro escenario da loita de clases é o centro de traballo, a empresa. Aí é onde os traballadores están en loita diaria e irreconciliábel contra os grandes empresarios;  loita que xorde das súas relacións de clase, as relacións de explotación, porque a riqueza e os beneficios dos capitalistas se producen polo traballo dos obreiros. Algúns din que tamén nas prazas, e isto é necesario, pero primariamente no lugar onde os opoñentes de clase entran en conflito. Aí está o verdadeiro núcleo da loita política con orientación de clase.

O traballador autoengánase se cre que as mobilizacións populares deben afastarse de todos os partidos ou estar en contra deles. Tal movemento está condenado a ser sometido á liña política dos capitalistas, a contribuír á perpetuación da explotación. O traballador autoengánase se cre que o sistema político burgués pode funcionar en interese do pobo.

O sistema político burgués non pode ser corrixido, só derrocado.

O traballador engánase a si mesmo se promove a demanda de librarnos do memorándum, sen acompañala da demanda de saída da UE e o derrocamento do Estado dos monopolios en Grecia.

O pobo necesita ao movemento que lle dea unha perspectiva clara. Isto significa unha loita organizada aliada ao KKE, unha loita por medio dos movementos con orientación de clase do PAME, PASY, PASEVE, OGE e MAS.

Unicamente estas forzas pódense opor á estratexia dos monopolios e os seus servidores coa estratexia a favor dos intereses populares.

Sen tal estratexia, a xente non achará unha saída.


Polo Consello Editorial de Rizospastis.


Fonte: El Machete
Traducido ao galego por Comunistas da Galiza-PCPE