Para confrontar a política imperialista de Trump: nin submisión, nin “unidade nacional”.

Tal como o anunciou na súa campaña, o Presidente dos EEUU, Donald Trump, asinou unha orde executiva para a construción do muro fronteirizo entre o seu país e o noso, co propósito expreso de conter a migración de traballadores mexicanos e doutras nacionalidades que nutren a forza de traballo nas distintas ramas da produción e os servizos nesa nación norteamericana.

Sen mediacións diplomáticas, Trump asegurou ademais que a construción de tal muro -ao longo dos 3185 quilómetros de fronteira– será pagada por México, nun custo que se avalía entre os 15.000 e 20.000 millóns de dólares. Condicionou a anunciada reunión con Enrique Pena Nieto, Presidente de México, ao compromiso deste con tal pago. Adicionalmente, o presidente norteamericano adopta a medida de impor un imposto do 20% aos produtos mexicanos que ingresan a EEUU para financiar a construción do muro, co que conclúe de facto cos acordos arancelarios incluídos no TLCAN, ao que pretende revisar en busca de condicións aínda máis vantaxosas para os monopolios que representa.

O Partido Comunista de México condena a construción de tal muro fronteirizo e presenta os seus puntos de vista sobre a maneira en que os traballadores deben confrontar a agresividade imperialista, antiobreira, antiinmigrante e racista.

En primeiro lugar, é falso que os traballadores migrantes mexicanos, centroamericanos, latinoamericanos, haitianos ou de calquera outra nacionalidade sexan responsábeis da miseria e as condicións de vida paupérrimas da clase traballadora norteamericana. Este argumento demagóxico foi proferido xa na Alemaña dos anos 30, contra os traballadores de orixe xudía e do Leste europeo, e actualmente escóitase na Unión Europea contra os traballadores migrantes de orixe árabe e africano. O desemprego e a desvalorización da forza de traballo son parte da natureza do capitalismo como modo de produción. Co racismo e os discursos reaccionarios, preténdese distraer aos traballadores de EEUU das principais causas na base dos seus problemas, entre as que destaca a crise de sobreproducción e sobreacumulación, que iniciou en 2009 e ten o seu epicentro nos EEUU, e que no seu oitavo ano continúa desvalorizando a forza de traballo, golpeando os dereitos sociais e laborais. A clase obreira multinacional que conforma o proletariado norteamericano é ademais tan explotada como a clase obreira doutros países, co fin de acrecentar as superganancias dos monopolios, e a relocalización da industria que devasta a outrora importantes cidades como Detroit, Cleveland, Pittsburg, Minneapolis, ten como motivo fundamental a maximización do lucro dos monopolios das distintas ramas da industria.

É igualmente falso que o ataque aos traballadores migrantes e as medidas proteccionistas que promove Trump vaian pór fin á crise da economía capitalista. A profundización de devandita crise está en curso e en consecuencia un maior ataque contra o conxunto da clase obreira e de todos os traballadores de EEUU, que no inmediato significará brutais recortes aos servizos de saúde e ao chamado welfare, maiores recortes a orzamentos públicos para soster ganancias do capital e rescate das industrias en quebra.

O ataque racista aos traballadores, intrínseco á dominación burguesa, acrecéntase en tempos de crises, e tamén debe incrementarse a resposta clasista. A única resposta á crise capitalista -que xa manifesta os límites históricos da propiedade privada dos medios da produción e do cambio- é loitar pola unidade da clase obreira e as súas reivindicacións políticas, en primeiro lugar o poder obreiro e o socialismo-comunismo; non hai termos medios nin estacións previas, e quen diga iso en realidade estará a buscar prolongar a agonía, e en consecuencia as calamidades que padece cotidianamente a clase obreira e a familia traballadora, así como os sectores populares e os pobos do Mundo.

Non queremos o muro fronteirizo, nin o muro de Israel contra o pobo palestino, nin os campos de concentración contra os migrantes africanos e árabes na UE, nin as abusivas medidas racistas da policía migratoria mexicana contra os nosos irmáns traballadores hondureños, salvadoreños, guatemaltecos, haitianos. O sufrimento do proletariado, que en moitos casos atopa a morte en mares e desertos, lévanos a expor que non é con nacionalismos nin con retórica populista sobre a soberanía nacional como se haberá de enfrontar ao imperialismo, senón co internacionalismo proletario.
Os comunistas, sabendo que non é unha tarefa sinxela, fácil, nin instantánea, traballaremos pola unidade da clase obreira de México e os EEUU, pero tamén dos traballadores migrantes doutras nacionalidades contra os monopolios que nos explotan e oprimen mancomunadamente.

A man de obra inmigrante é, e foino sempre, un compoñente esencial da acumulación pois tanto é maior a sobreexplotación como a extracción de plusvalía derivada daquela. Propalando o racismo contra os traballadores migrantes, a burguesía busca antagonizar e crear conflitos entre os diversos sectores da clase obreira para poder reducir o valor da súa forza de traballo. Só a unidade dos traballadores, reiteramos, abrirá un camiño certo, sen chauvinismos, sen nacionalismos.

A loita contra Trump e o imperialismo norteamericano está engarzada á loita contra os monopolios e o capitalismo en México, por iso é falsa a vella fórmula burguesa proclamada con vehemencia nos últimos días: a “unidade nacional”.

A soberanía popular non está no interese dos monopolios, pois a súa única patria é a ganancia. Só cando o capitalismo sexa derrocado e se atope triunfante o poder obreiro, os intereses soberanos sobre enerxéticos, terras, industria, recursos naturais, mares, fronteiras, serán garantidos. Iso é posíbel no contexto da construción do socialismo-comunismo no noso país. Hai condicións que maduran para que esa obra frutifique.

A historia ensínanos como ao longo do Século XX, nas ocasións en que a clase obreira adoptou a “unidade nacional”, hipotecou a súa independencia como clase subordinándose aos intereses da burguesía, a cal aproveitou para maximizar as súas ganancias e afirmar a súa dominación. Coa “unidade nacional”, asináronse unha e outra vez pactos obreiro-patronais nos que se desvalorizou a forza de traballo, aceptáronse sen reparo medidas de austeridade, restrinxíronse liberdades e dereitos democráticos e laborais. Os pactos interclasistas sempre foron en prexuízo dos traballadores; en México, afianzaron xestións populistas que avanzaron na concentración e centralización do capital e produciron un período de estabilización que favoreceu á clase dominante.

A retórica “antiimperialista”, infestada dun discurso antinorteamericano, disfrazou os lazos de interdependencia que se tecían entre os monopolios de ambas as nacións, e que se fortaleceron coa firma do TLCAN en 1994, en tanto que a ideoloxía da “unidade nacional” arquivábase para outros tempos.

Pero hoxe a clase dominante atopou útil desempoar esa política da “unidade nacional”, con varios obxectivos, en primeiro lugar logrando a unidade da propia burguesía e as súas expresións políticas, dende a dereita e o liberalismo até a socialdemocracia e a nova socialdemocracia.

No seu discurso en Cidade Acuña, Coahuila, López Obrador chama enseguida a pechar filas con Pena Neto, esquecendo sen rubor que o consideraba un presidente ilegitimo, en tanto que el era, por suposto, o presidente lexítimo de México. Nel presentou unha serie de medidas que poucos días despois adoptou Enrique Pena Nieto. Na mesma dirección aliñáronse rapidamente todas as cámaras patronais, os partidos rexistrados, o poder lexislativo, os medios de comunicación, os intelectuais orgánicos do sistema. En toda a clase dominante existe o consenso sobre a “unidade nacional”, e o maior voceiro é Carlos Slim, cabeza dun dos monopolios que máis superganancias obteñen.
As medidas que impulsan son falsas saídas, placebos, palabrería, demagoxia. Enganos, nunha palabra.

No medio desa febre de chauvinismo, os monopolios atoparán a forma de negociar con Trump  e o imperialismo novas regras que os favorezan, acordos que se pode prever terán un carácter secreto e ás costas de ambos os pobos. Ademais, están a achandar o camiño para que a xestión da nova socialdemocracia de MORENA e López Obrador, ao que nestes días sumáronse o monopolio de TV Azteca e o ex Secretario de Gobernación Esteban Moctezuma, conquisten a Presidencia en 2018.

Pero mesmo por enriba deses obxectivos, está sobre todo o de atenuar a loita de clases no noso país -que se acentuou co inicio do 2017, tras os efectos da crise capitalista que se recarga na economía popular, nos petos dos traballadores, co gasolinazo, a carestía, o aumento salvaxe dos custos dos produtos básicos, o transporte, os servizos-, e as ondas de protesta, que aínda que espontáneas por agora, expresan o potencial de loita da clase obreira e os sectores populares contra o poder dos monopolios.

O Partido Comunista de México chama aos traballadores a non caer na trampa da “unidade nacional”, a non caer na lóxica dos acordos interclasistas, nin na conciliación de clases, e a intensificar a loita consecuente contra o imperialismo que é en primeiro lugar a loita contra os monopolios en México.

O Partido Comunista de México chama á loita para romper cos acordos interestatais como o TLCAN, e as novas formas que adquira despois das previsíbeis modificacións en porta á súa arquitectura.

O Partido Comunista de México chama á organización dos traballadores migrantes na fronteira norte, alende as fronteiras nas grandes cidades dos EEUU, e tamén na fronteira Sur do noso país, onde os nosos irmáns proletarios centroamericanos sofren da Policía Migratoria mexicana similares vexacións ás que se viven por parte da US Border Patrol.

O noso chamado é ao internacionalismo, non ao nacionalismo; o noso chamado é a posicións clasistas, non á “unidade nacional”. O noso chamado é á unidade cos traballadores norteamericanos, e non cos nosos verdugos, os nosos explotadores que son a clase dos burgueses, cuxas políticas de fame e miseria forzan a millóns de traballadores do noso país a buscar na emigración laboral mellores condicións de vida; eses burgueses que constrúen muros de exclusión e inxustiza social nas nosas cidades e pobos, ao redor das súas luxosas zonas residenciais e centros comerciais, en tanto que a inmensa maioría explotada pervive co indispensábel.

Proletarios de todos os países, unídevos!

O Buró Político do Comité Central


Fonte: PCM 
Traducido a galego por Comunistas da Galiza-PCPE