O ataque a Mosul e o ascenso das rivalidades interimperialistas.

Ástor García.


Mosul é a segunda cidade máis grande de Iraq, situada ao norte do país, a escasos 100 quilómetros das fronteiras siria e turca. Está máis preto aínda de Erbil, capital do Kurdistán iraquí. En xuño de 2014 foi tomada militarmente polo Estado Islámico (EI) e, desde o pasado 17 de outubro, está en marcha unha operación militar cuxo obxectivo é recuperar o control para o Goberno iraquí.

Pero, como practicamente todo o que está a pasar en Iraq e Siria nos últimos anos, esta non é unha operación “doméstica” na que só participan forzas locais —neste caso iraquís e kurdas—, senón que hai unha longa lista de países estranxeiros implicados nas accións militares, a través da denominada “coalición global” (Global coalition, en inglés) que capitanean os EEUU e que conta, na actualidade, con 68 membros!

A “coalición global” non só está a intervir militarmente no territorio iraquí, senón tamén en Siria, en ambos os casos co suposto obxectivo xeral de derrotar en todas as frontes ao EI, é dicir, non só militarmente senón, tamén, económica e ideoloxicamente. Non deixa de resultar curioso que se repita a habitual dinámica na que os EEUU acaban póndose á fronte dunha “santa alianza”, que pretende derrotar a entidades terroristas cuxos dólares e adestradores da CIA axudaron a crear. Co imperialismo norteamericano xa se sabe que a Historia se repite moitas veces como farsa...

Pero, ademais do papel de EEUU, cabe preguntarse que tipo de credibilidade pode ter unha coalición contra o EI na que participan países como Arabia Saudita ou Qatar, cuxos vínculos (financeiros, políticos e ideolóxicos) coa organización terrorista son públicos e notorios. Ou que papel están a xogar neste conglomerado países como Tunes, Libia, Somalia, Singapur, Nova Zelandia ou entidades como Kósovo.

Na Primeira Guerra de Iraq de 1990-91, EEUU encabezou unha coalición de 34 países, amparándose nun mandato da ONU. En Iugoslavia, en 1999, foron 10 potencias da OTAN as agresoras. En Afganistán, novamente a OTAN liderou unha alianza de até 48 países. Na Segunda Guerra de Iraq, nesta ocasión coa oposición de potencias como Francia, Alemaña, China ou Rusia, a denominada “coalición da vontade” conformárona un total de 9 países. Hoxe, son 64 países e tres institucións (a liga Árabe, a Unión Europea e a INTERPOL) quen participa na “coalición global” xunto con EEUU. Percíbese a tendencia a unha cada vez maior internacionalización dos conflitos e intervencións militares. Por se alguén o dubidaba, España participou en todas e cada unha desas coalicións e alianzas.

Pero, nesta ocasión, hai un elemento novo que non se pode pasar por alto. Diciamos que na Segunda Guerra de Iraq explicitouse a oposición de varias potencias como Francia, Rusia ou Alemaña á intervención, pero unicamente nos campos político e diplomático; con todo, agora existen potencias como Rusia ou Irán que, fronte á alianza dirixida por EEUU, manteñen a súa propia axenda na zona, fundamentalmente en Siria, intervindo militarmente —de forma directa— sobre o terreo.

Esta situación non só deu pé a unha rechamante guerra informativa e propagandística —compárese o que din os medios do noso país sobre a batalla de Mosul e a de Alepo— senón que é demostrativa da nova etapa en que se atopa a xeopolítica mundial, na que o poderío militar de EEUU, capaz de implicar a cada vez máis países nas súas “aventuras” extraterritoriais, é disputado por outras potencias capitalistas con intereses opostos. As pugnas entre potencias capitalistas polo control dos mercados, das rutas de transporte de materias primas e pola ampliación das esferas de influencia se recrudecen e encamiñan aos pobos do mundo a unha situación explosiva, algo consubstancial á etapa imperialista de desenvolvemento do capitalismo.

Fonte: UyL
Tradución: Comunistas da Galiza-PCPE