Reforma constitucional, bipartidismo contemporáneo e falsas ilusións.

Comezou a lexislatura e, con ela, o debate sobre a reforma constitucional. A clase dominante, tras case unha década de crise capitalista, tratará de pór en marcha unha reforma limitada da Constitución do 78. Trátase dun exercicio de autorregulación do Estado capitalista, no que PP e PSOE marcarán os límites e no que a clase obreira terá que enfrontar, de novo, a falsa ilusión do parlamentarismo máis estreito.


Reorganización do Estado e reforma constitucional.

A Constitución de 1978 envelleceu. A clase dominante comprobouno durante os máis de oito anos transcorridos dende que se manifestou en España a crise capitalista. Coma se dun vello modelo de teléfono móbil se tratase, o texto constitucional non cumpre coas funcións que hoxe demanda o mercado. Pero, o bloque oligárquico-burgués que ostenta o poder, dada a correlación de forzas no seu seo e as contradicións que o atravesan, no canto de substituír o vello teléfono, decidiu reparalo.

E, xa se sabe, toda reparación ten os seus límites. Resólvense así, nun exercicio de autorregulación capitalista, dúas tendencias só aparentemente contraditorias: a que loita por manter a orde constitucional, recorrendo a un incremento da coerción, e a que poxa pola súa reforma para adecualo ás novas condicións.

O PP e o PSOE: núcleo duro do poder.

Nestas condicións, a forma en que se expresa o bipartidismo que caracterizou as últimas décadas, é a dun PP que expresa a tendencia ao conservadurismo e ao mantemento da Constitución do 78 e a dun PSOE que poxa por unha reforma limitada. Os 222 deputados con que contan (cuns 13 millóns e medio de votos), permiten que as vellas forzas políticas dominantes continúen xogando o papel de núcleo duro do poder.

Cidadáns, pola súa banda, súmase ao xogo; tratando de integrar nun novo consenso constitucional a sectores da pequena e mediana burguesía, golpeados pola crise, que depositan as súas aspiracións de clase nunha reforma que faga que o capitalismo funcione, incorporando ademais a amplos sectores sociais, menores de 45 anos, que non participaron no seu día na festa da democracia.

Os límites que publicita o bipartidismo, en principio, parecen claros: non se tocarán nin a Monarquía, ou sexa, nada de referendo sobre a forma de Estado; nin a unidade de España, isto é, que ninguén soñe con que se recoñeza o dereito de autodeterminación. Pero como veremos, hai outros límites aínda máis sacros, aqueles dos que ninguén parece querer falar.

Ensanchar a Constitución?

Pola súa banda, Podemos, por boca de Errejón, defende a necesidade de “ensanchar a Constitución”, en palabras de Íñigo Errejón. A forza neosocialdemócrata, con independencia do resultado do seu proceso congresual, presentará a debate toda unha serie de medidas dirixidas a embelecer democraticamente o poder capitalista español e que, sinxelamente, resultan absurdas e/ou utópicas no marco do capitalismo.

Podemos, que arrastra tras de si na marca Unidos Podemos ao que queda de EU-PCE, ao falar de “ensanchar a Constitución”, para que caibamos todos, defende a utopía reaccionaria dun capitalismo democrático, de rostro humano, que nin existiu nin pode existir nos nosos días. Trátase de incorporar ás grandes maiorías que se mobilizaron contra os efectos da crise capitalista a unha tramposa operación política, unha versión 2.0 da traizón cometida polo PCE en 1978.

Superar os verdadeiros límites, para construír o país que necesitamos.

O verdadeiro límite existente neste debate, aquel do que ninguén falará, salvo o noso Partido Comunista. Non cabe debater, e ninguén debaterá no marco parlamentario, sobre a necesidade de superar o capitalismo. E esa é a verdadeira “conditio sine qua non” para cambiar as condicións de vida das inmensas masas traballadoras do noso país, para terminar coa secuela do desemprego, cos salarios de miseria, coa sinistralidade laboral, coa fame e a desnutrición, cos desafiuzamentos, coa opresión e a sobreexplotación que sofren as mulleres traballadoras.

Este non é o país que queremos e non é o país que necesitamos, con reforma constitucional ou sen ela. Cando vexan a luz estas liñas comezaría o ano 2017. No centenario da maior obra revolucionaria que emprenda xamais a humanidade, os fillos e fillas de Outubro temos claro que só a loita polo socialismo-comunismo, polo poder da clase obreira, pode garantir un futuro emancipado. O reto é que así o entendan as maiorías obreiras e populares, de cuxa loita dependerá o futuro do noso país e de toda a humanidade.

RMT.



Fonte: UyL
Traducido ao galego por Comunistas da Galiza-PCPE