A influencia da Revolución Socialista de Outubro na Mocidade.

Contribución dos  Colectivos da Mocidade Comunista (CMC).
Presentada no Seminario Internacional da FMJD "A Influencia da Gran Revolución de Outubro",
efectuado en México, no marco do II Congreso da Federación de Mocidades Comunistas.


Estimados camaradas, amigos e amigas.

En primeiro lugar en nome da dirección dos CJC gustaríanos agradecer aos organizadores pola invitación que nos estenderon a este seminario internacional, en especial aos camaradas da FJC pola súa magnifica hospitalidade. Para os comunistas do noso país é de especial interese poder compartir experiencias e vivencias cos mozos de todo o mundo, en especial do continente latinoamericano, debido aos acontecementos candentes que están a suceder nesta rexión.

No que respecta á temática do seminario, quixeramos empezar sinalando que baixo o noso criterio a Revolución Socialista de Outubro supuxo un punto de inflexión, non só para a Mocidade, senón para o conxunto da Humanidade.

Grazas á Revolución de Outubro a Humanidade puido palpar nas súas propias carnes o que durante séculos se  conxeturara: unha sociedade libre de explotación do home polo home. A Revolución de Outubro mostrou na práctica como unha sociedade distinta era realmente posíbel, unha sociedade onde o centro de todo fose a plena satisfacción das necesidades crecentes de todos os membros da sociedade, así como impulsar o seu desenvolvemento integral e multifacético.

Neste sentido a toma do poder por parte da clase obreira en 1917 abriu unha nova etapa histórica, a época de transición do capitalismo ao socialismo. Referímonos a isto como etapa histórica, é dicir, consideramos que actualmente as condicións materiais existentes abren paso ao transito cara á nova sociedade socialista-comunista. O triunfo da contrarrevolución na URSS e os países do Leste non nega este feito, é máis, gustaríanos remarcar que ningún momento da historia unha formación socio-económica deu o paso a unha nova de forma lineal, sen contradicións nin retrocesos temporais. O propio tránsito do feudalismo aos capitalismos confirma esta tese e os retrocesos temporais na época das revolucións burguesas non lograron parar a tendencia histórica á abolición do feudalismo.

No concreto no relativo á mocidade, a Revolución de Outubro demostrou a superioridade do socialismo-comunismo en canto aos dereitos xuvenís se refíre. Poderíase organizar un único seminario monotemático sobre os dereitos que garantiu o novo Estado socialista á mocidade, en calquera caso por sintetizar resumirémolos en 3 eixos:

  • Dereitos laborais: o réxime soviético garantiu bos salarios así como a participación da mocidade traballadora nos órganos de poder soviético, xunto co resto da clase obreira (tanto nos seus centros de traballo como nas demais institucións políticas). A mocidade gozaba de pleno emprego polo que a agonía e a inseguridade de poder quedar sen traballo en calquera momento (e por tanto sen recursos para a súa propia manutención) non existía. Ademais, as e os mozos que ían terminar os seus estudos xa tiñan asinado o seu primeiro contrato no sector que lle correspondese. Da mesma forma  no caso de que a empresa onde traballan tivese que pechar ou reducir o persoal, era esta quen tiña a responsabilidade de buscarlle outro centro similar onde continuar coa súa actividade laboral.
  • Dereitos estudantís: O conxunto do estudantado tiña garantido o acceso á educación a todos os niveis de forma gratuíta e de calidade, incluíndo todos os materiais necesarios para exercer os estudos. Ademais de que o estudantado participaba de forma efectiva na toma de decisións nos distintos centros de estudos (conxuntamente co resto de persoal académico e de servizos), a educación baseábase na ciencia máis moderna, onde o desenvolvemento humano integral era o centro da educación e non os intereses das grandes empresas como sucede nos nosos respectivos países. O Estado socialista garantía infraestrutura e tecnoloxía punta ao conxunto do estudantado xa que se lles consideraba a arxila fundamental do futuro da sociedade.
  • Lecer, cultura e outros: Sen querer entrar en grandes detalles, o Goberno obreiro e campesiño garantía a sanidade, o deporte e o acceso á cultura de forma gratuíta e efectiva. Existían numerosos círculos de interese para que a mocidade puidese realizar as súas actividades preferidas. Existían numerosos clubes de lecer, imprentas públicas e un longo etcétera onde a mocidade podía difundir as súas inquedanzas e dar renda solta á súa creatividade. Algo totalmente impensábel na nosa sociedade, onde a rendibilidade dos monopolios é a que regula as poucas actividades culturais e de lecer para a mocidade.

En definitiva, a Revolución de Outubro demostrou na práctica que as reivindicacións concretas que facemos as e os mozos nos nosos países, non son unha utopía e son realizábeis, que o poder obreiro e a economía planificada son capaces de todo isto e moito máis. A única traba existente son os estreitos límites da sociedade capitalista contemporánea.

Neste sentido os CJC consideramos que temos que ter os pés na terra e que habemos de expor reivindicacións concretas á nosa mocidade, baseadas nos xustos sentimentos e lexítimas preocupacións que sentimos as e os mozos. Pero nese mesmo sentido, como organizacións revolucionarias temos que ser capaces de facer ver que todas as reivindicacións e loitas parciais que levamos a cabo só poderán realizarse de forma permanente fóra dos límites do capitalismo. Temos que facer comprender a toda a mocidade que cada conquista parcial debe de integrarse na batalla xeral contra o capitalismo. Por iso consideramos xusta a afirmación de Lenin na que mencionaba que:

"Debemos lembrar que a loita reivindicativa contra o Goberno e a conquista de certas concesións non son outra cousa que pequenas escaramuzas co adversario, lixeiras refregas nas avanzadas, e que a batalla decisiva está por vir."

A nivel organizativo a Revolución de Outubro tamén nos deixou un rico legado. Desta aprendemos que as e os mozos revolucionarios habemos de ser organizadores e axitadores xuvenís. Por esta razón unha das nosas tarefas é organizar a toda a mocidade nas súas respectivas trincheiras, integrando así, á mocidade no exército político do proletariado. Para os CJC isto significa na practica a necesidade de organizar á mocidade traballadora nos seus centros de traballo, ao estudiantado nos seus centros de estudos e ao conxunto da mocidade de extracción popular nos seus barrios. Esta é a única garantía de alcanzar todas as reivindicacións anteriormente mencionadas.

Por último, no plano internacional a Revolución de Outubro mostrounos como a nosa situación xuvenil, do mesmo xeito que a do conxunto da clase obreira, é similar en todos os países capitalistas e que as tendencias a empeorar as nosas condicións de vida e traballo son similares.

De aí xorde a necesidade de educar á mocidade nos valores do internacionalismo proletario en constante loita contra as concepcións nacionalistas, chovinistas ou social-chovinistas, veñan desde as trincheiras do inimigo ou das filas dos "supostos amigos". Nesta tarefa os bolxeviques foron intransixentes e consideramos que nós así debemos de proceder.

A historia móstranos como os monopolios promoven a guerra para velar polos seus propios intereses e  utilizan á mocidade como carne de canón nas súas conflagracións militares. Neste sentido consideramos que temos que preparar e educar aos nosos mozos para afrontar as loitas que están por vir, principalmente por mor das crecentes tensións e contradicións inter-imperialistas.

Así pois cremos imprescindíbel concibir ao inimigo tal e como é, para non enviar á mocidade a loitar baixo pavillón alleo.

Isto significa clarificar que o imperialismo, é o capitalismo dos monopolios. É dicir que o imperialismo é o capitalismo no seu desenvolvemento contemporáneo e que por tanto non se basea na potencia que "ataque primeiro" ou que máis belicosa se mostre na palestra internacional. Ao mesmo tempo, e iso é o verdadeiramente difícil, hai que ser capaces, como fixo Lenin, de utilizar as contradicións inter-imperialistas para colocarnos en mellores condicións de asestar o golpe definitivo aos gobernos burgueses.

Consideramos que a experiencia da Primeira Guerra Mundial mostra ben claro como baixo determinadas circunstancias de presión o oportunismo actúa como comparsa do imperialismo e alenta o espírito social-chovinista, afastándose dos nobres principios internacionalistas.

Desta forma pensamos que é importante facer ver ao conxunto da mocidade que os monopolios son o inimigo principal, xa que son estes os que negan todos os dereitos á conta dos seus insultantes beneficios. En coherencia con isto, a mocidade non pode caer presa dos intereses dunha determinada potencia imperialista ou outra senón que ha de combater á burguesía e ao poder dos monopolios sexan nacionais ou estranxeiros.

En definitiva orientación revolucionaria, organización de masas e claridade ideolóxica baixo os principios do internacionalismo proletario son os elementos chave que farán gozar á mocidade dun futuro nunha nova sociedade libre de explotación e opresión. Facendo realidade a afirmación de Engels de que isto constituirá o verdadeiro "salto desde o reino da necesidade ao reino da liberdade".

Moitas grazas.

Fonte: El Machete
Traducido ao galego por Comunistas da Galiza-PCPE