Loita no sector de ambulancias.


ADIANTE A XUSTA LOITA DOS TRABALLADORES/AS DO SECTOR DE AMBULANCIAS

Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista-CMC saudamos a loita dos traballadores e traballadoras do sector do transporte sanitario en defensa do seu convenio colectivo.

Xa hai anos que o noso Partido manifestou o seu apoio á loita deste colectivo de traballadores, que convenio tras convenio loitan por impedir que unha patronal especialmente usureira co apoio dunha administración autonómica cómplice, non só empeoren e rebaixen as súas condicións salariais e de traballo senón que tamén degraden a prestación do servizo para todo o pobo.

Conseguir un convenio colectivo galego xusto, un salario digno, eliminar o abuso das horas extras e poder traballar con seguridade evitando os riscos na prestación do servizo, son razóns suficientemente importantes e xustas como para que mereza a pena loitar e gañar a batalla.

Despois de 8 anos dunha crise capitalista insuperábel, podemos comprobar non só a inutilidade das medidas políticas da dereita tratando de cargar sobre as nosas costas o prezo da descomposición do seu sistema caduco e fracasado, senón tamén o engano de aquelas outras propostas socialdemócratas (vellas e novas) que tratan de vendernos fume afirmando que eles poden solucionar o problema do paro, da miseria dos salarios, das privatizacións... sen saír do capitalismo...

As e os Comunistas levamos tempo afirmando que unicamente a loita unida de toda a clase obreira, os sectores populares e a xuventude, que sofren as penalidades da explotación e da crise do capital, pode evitar que cada ano que pase as nosas condicións de vida e de traballo empeoren e se degraden máis aínda. A loita dos traballadores e traballadoras do transporte sanitario constitúe un exemplo de loita que toda a clase obreira está interesada en gañar, porque demostrará que a loita firme é o camiño e o método, para facer avanzar as nosas posicións de clase e os nosos dereitos.

VIVA A UNIDADE E A LOITA DA CLASE OBREIRA!

Foto: Comunistas da Galiza-PCPE, Ferrol, 1/12/2016