Diante dos cortes de subministro eléctrico ás familias traballadoras.


A chamada "pobreza enerxética" é pobreza, a secas. Pobreza dos máis para enriquecer aos menos, que cada pouco se cobra novas vítimas mortais e que non ten amaño duradeiro e definitivo nas actuais coordenadas fixadas polo Poder das grandes empresas monopolistas.

É importante coñecer e esixir o cumprimento da normativa, da lexislación española e europea onde se protexen os dereitos da clase traballadora usuaria. Pero estariamos cometendo un grave erro ou deliberadamente ocultando a realidade se analizásemos esta problemática exclusivamente en clave de maior transparencia, doutro "modelo enerxético" ou esmolas aos "menos favorecidos".

A regulación polo goberno dunha tarifa eléctrica menos leonina é unha demanda xusta, mais esquece un factor fundamental. É a clase capitalista quen lexisla e goberna a través dos seus representantes e xestores políticos. O Estado representa os intereses das grandes empresas, lexisla a favor dos seu beneficios e é o garante do seu proceso de acumulación.

O terrible non é que unha compañía non cumpra co seu deber de informar de que vai cortar a luz a unha familia sen recursos, o terrible é que un xigante empresarial que embolsa beneficios de miles de millóns de euros, amparándose na Lei burguesa negue un subministro básico de supervivencia ás familias, que son as que xeran eses beneficios co seu traballo e consumo como parte dun mercado cautivo que non ten máis opción que contratar os seus servizos, ou morrer de frío ou nun incendio accidental.

O que estamos a vivir, e a morrer, son as consecuencias dun proceso privatizador que supuxo concentrar e centralizar o capital en cada vez menos mans, transformar os monopolios públicos en monopolios privados, transformar en mercadoría os servizos básicos de primeira necesidade, encarecelos, negarnos o acceso a eles. Un proceso que foi e vai acompañado de deterioro do servizo, despedimentos en masa dos seus traballadores e destrución dos dereitos e condicións laborais.

O que estamos a vivir, e a morrer, é o capitalismo na súa fase máis agresiva e depredadora.

Só garantiremos os nosos dereitos, como parte da nosa loita pola expropiación dos expropiadores, no marco dunha economía planificada que teña como centro as necesidades sociais e non os beneficios das grandes empresas privadas.


NON AOS CORTES DE SUBMINISTRO ELÉCTRICO ÁS FAMILIAS TRABALLADORAS!


Comunistas da Galiza-PCPE
Colectivos da Mocidade Comunista (CMC)