Defendamos as nosas pensións.


O goberno impulsa unha nova contrarreforma das pensións no marco dos obxectivos de déficit impostos pola Unión Europea.

As sucesivas reformas impostas polos gobernos do capital, tanto liberais como socialdemócratas, viñeron significando un ataque continuado aos dereitos dos traballadores baseado na suposta "insostibilidade" do sistema público de pensións. Nesta liña de ataque sucedéronse:

  • A retirada do subsidio de paro aos maiores de 61 anos forzando a quen solicitasen a axuda para maiores de 55 a xubilarse anticipada e obrigatoriamente aos 61 anos, coa consecuente diminución no importe da pensión .
  • A redución de base de cotización.
  • A supresión do subsidio ás persoas en paro cuxo cónxuxe cobrase 980 euros.
  • O aumento da idade de xubilación.
  • A modificación da fórmula de cálculo.
  • A desvinculación das pensións do IPC e a súa vinculación ao PIB.

A Unión Europea leva todos estes anos promovendo a privatización do sistema de pensións baixo a denominación de "sistema mixto".

As novas medidas antiobreiras e antipopulares apuntan ao desmantelamento do sistema público de pensións, preparando a súa privatización e a súa transformación nun novo espazo de acumulación de capital. O obxectivo destas medidas é o saqueo da caixa da Seguridade Social, de todo o aportado pola clase traballadora ao longo de vidas enteiras entregadas ao traballo.

Estas medidas aumentarán aínda máis a pobreza e a exclusión social xa de seu altísimas: as máis elevadas da UE. Para favorecer os seus plans privados, arroxan á miseria a quen cotizou toda a vida, á inmensa maioría que non ten con que pagarse un plan privado ou un concerto coa Seguridade Social; e aos milleiros de familias que, carecendo dun posto de traballo e/ou dun teito, dependen dos seus maiores para sobrevivir.

Os duros recortes planificados polo goberno dos monopolios e a UE minguarán o importe das pensións, xa de seu inferiores ao SMI na súa meirande parte, aumentarán a idade de xubilación, dificultarán aínda máis o acceso a unha pensión digna para quen traballou toda a vida.

RESPONDAMOS CON MOBILIZACIÓN A ESTE NOVO ATAQUE CONTRA A CLASE TRABALLADORA.

DEFENDAMOS OS NOSOS SALARIOS E PENSIÓNS LOITANDO!