Comunicado sobre o falecemento do líder da revolución cubana, Fidel Castro.

No seu comunicado sobre o falecemento do líder da revolución cubana, Fidel Castro, o Comité Central do KKE subliña:

"O Comité Central do KKE, con gran tristeza, despídese da figura lendaria do movemento comunista internacional, do líder da revolución cubana, Fidel Castro.

Expresamos as nosas máis sinceras condolencias ao presidente de Cuba, Raúl Castro, ao Comité Central do Partido Comunista de Cuba e a todo o pobo cubano.

Fidel Castro naceu en Birán de Cuba, o 13 de agosto de 1926 e estudiou Dereito na Universidade da Habana. Como estudante participou no movemento revolucionario contra a ditadura de Batista en Cuba, unha ditadura que foi abertamente apoiada pola EE.UU.

O 26 de xullo de 1953, encabezou un grupo de revolucionarios que atacou os cuarteis militares de Moncada para levantar ao pobo da illa contra a ditadura. O atentado fracasou e el e os seus compañeiros foron detidos, con todo o 26 de xullo marcou o inicio do gran levantamento popular contra o réxime ditatorial de Fulgencio Batista.

Fronte aos seus acusadores, o 6 de outubro de 1953, no tribunal de Santiago de Cuba, Fidel Castro dixo:

"Sei que o cárcere será duro como non o foi nunca para ninguén, preñado de ameazas, de ruín e covarde ensañamento, pero non o temo, como non temo a furia do tirano miserábel que arrincou a vida a 70 irmáns meus. Condenádeme, non importa, a historia absolverame".

O tribunal condenouno a 15 anos de prisión.

O 15 de maio de 1955, Castro foi liberado e a principios de xullo foi a México, onde organizou e realizou un adestramento militar a un grupo de revolucionarios, de cuxas filas emerxeron todos os grandes líderes da revolución cubana, como Camilo Cienfuegos, Juan Almeida e Ernesto Che Guevara.

Os revolucionarios empezaron a guerrilla nas montañas de Sierra Maestra e o exército revolucionario que se creou baseouse na sistemática preparación político-militar iniciada polo movemento do 26 de xullo encabezado por F. País, o Partido Popular Socialista de Cuba, como se chamou ao Partido Comunista de Cuba, e o Directorio Revolucionario formado por estudantes revolucionarios. Baseouse na actividade das forzas organizadas nas cidades, no traballo clandestino dos comunistas nos centros de traballo, entre os campesiños e os mozos. Esta preparación da clase obreira e das demais capas populares contribuíu decisivamente ao resultado vitorioso da loita revolucionaria. Estas foron as forzas principais que se uniron formando as Organizacións Revolucionarias Integradas que levaron á reconstitución do Partido Comunista de Cuba en 1965.

O 1 de xaneiro de 1959 o exército popular guerrilleiro de Cuba entrou triunfante na Habana, tras anos de loita do pobo de Cuba contra a ditadura de Batista apoiada por EE.UU.A  revolución cubana demostrou que o imperialismo non é invencíbel e enseguida atopou o pleno apoio da Unión Soviética e dos países socialistas de entón.

Dous anos e catro meses despois da Revolución, o pobo cubano, guiado polo liderado e polo propio Castro, repeleu a invasión e o desembarco de 1.400 mercenarios enviados polo goberno de EE.UU. na Bahía de Cochinos, na praia Girón.

Na gran manifestación do 16 de abril de 1961, no funeral dos asasinados polos ataques aéreos (pouco antes do desembarco dos mercenarios da CIA), Fidel Castro, declarou por primeira vez o carácter socialista de Revolución. Durante décadas, Fidel Castro, como presidente de Cuba e dirixente do Partido Comunista de Cuba, liderou a loita do pobo do país para a construción do socialismo, nas condicións difíciles de agresividade e de cerco imperialista e sobre todo despois da contrarrevolución na Unión Soviética e os demais países socialistas en 1989-1991.

Fidel Castro deixou un legado valioso ao movemento comunista internacional e particularmente ao pobo cubano, na loita que está a librar contra o bloqueo de EE.UU. que continúa e contra todos os intentos de socavar o camiño de desenvolvemento socialista que levan a cabo con papel principal de EE.UU. e da UE.

Fidel Castro vivirá para sempre na memoria histórica e na conciencia colectiva dos pobos de todo o mundo, dos oprimidos, na loita pola liberación da humanidade da explotación do home polo home, pola vitoria final, polo socialismo-comunismo.


Ata a vitoria sempre!”

Fonte: KKE
Traducción: Comunistas da Galiza-PCPE