A loita en Burguer King (Compostela).

Non máis represión contra quen defende os dereitos dos traballadores e traballadoras!


No pasado mes de setembro soubemos do despedimento pola multinacional Burger King de dous traballadores.
Informa o sindicato CUT da arbitrariedade destes despedimentos realizados baixo falsas acusacións, que o que teñen verdadeiramente no seu punto de mira é a organización dos traballadores e traballadoras para defender os seus dereitos máis básicos (a empresa incumpre o Convenio e adebeda milleiros de euros en salarios tal como foi denunciado diante do SMAC polos traballadores actualmente despedidos) e dotarse de representación sindical.

O proceso que levou ao cadro de persoal a promover eleccións foi a inexistencia de dereitos laborais básicos. Salarios de miseria incumprindo o Convenio, horas traballadas e impagadas á mantenta, a inexistencia dun calendario que viña provocando que as vidas das traballadoras/es estivesen á absoluta disposición da patronal, sen dereito a vacacións pagas ou a baixas por IT retribuídas, sen posibilidade sequera de tomar os correspondentes días para coidar dos nosos familiares hospitalizados (que de desfrutarse debían ser recuperados).

Esta nova medida de terror patronal encádrase nunha campaña xeral aberta contra a clase traballadora organizada e a súa representación sindical.

Deste ataque forman parte:

  • a vulneración constante e liquidación progresiva do dereito laboral.
  • o discurso intoxicador destinado a desprestixiar ás organizacións sindicais e a substituílas por "novos" suxeitos interclasistas que suplanten o movemento organizado e independente da clase traballadora.
  • a persecución aberta dos elementos e organizacións máis combativos da clase, a súa criminalización e o encarceramento dos seus dirixentes, co obxectivo expreso de desarmar á clase obreira e preparar o camiño para novas e durísimas formas de exercicio da ditadura do capital.
Desde Comunistas da Galiza-PCPE saudamos a loita valente e decidida do cadro de persoal do Centro das Cancelas de Compostela e as súas asembleas.

Nin un despedimento máis contra quen defende loitando os dereitos de todos e todas!