Telemarketing por un convenio xusto: A loita continúa!

O pasado 27 de outubro, tivo lugar unha nova reunión da mesa de negociación do Convenio Colectivo dos Centros de Chamadas. Este convenio leva caducado dende o 2014, vinte longos meses onde os traballadores e traballadoras están totalmente desprotexidos.
A pesar dos paros levados a cabo os días 22 e 29 de setembro, e da xornada folga do día 6 de outubro, secundados maioritariamente, a patronal achegouse á mesa sen propoñer nada novo. Míseras subas salariais e continuación de recortes de dereitos:
Xornadas parciais, subcontratación, os contratos por obra e servizo, a remuneración por incentivos inacadábeis, a falla de descansos durante a xornada laboral, a elevada carga de traballo a diario  que se fai totalmente estresante na fin de semana, a dificultade de conciliación, a contratación por Empresas de Traballo Temporal, as sancións e despedimentos por non vender o produto, a flexibilidade dos horarios, as horas médicas ; son exemplos da precariedade laboral na que se atopa este colectivo de traballadores e traballadoras.
Ás multinacionais que forman a patronal deste sector, non lles tremen as mans á hora de presionar para precarizar máis as condicións de explotación á que teñen sometido ao cadro de persoal. Diante da crise capitalista, as oligarquías pretenden recuperar beneficios a costa das condicións laborais, e por conseguinte de vida, dos seus traballadores e traballadoras.
Diante da nova reunión da mesa de negociación, convocada para o 17 de novembro , a forza da clase traballadora unida farase notar.
As traballadoras e traballadores dos Centros de Chamadas voltarán unidos ás rúas, farán os paros e folgas que sexan necesarios porque saben que para gañar, hai que loitar organizadamente; é a única maneira de construír un futuro con dereitos de clase.
TRABALLADORAS E TRABALLADORES DE TELEMARKETING EN LOITA!
POR UN CONVENIO XUSTO!
NON A PRECARIEDADE LABORAL, NON A EXPLOTACIÓN!