Xornadas como a de
hoxe, con reivindicacións moi parecidas están a ter lugar día si e día tamén,
en todo o mundo.
En países onde o
salario medio é mellor que o noso e se manteñen dereitos que nós xa perdemos, e
tamén en países onde o nivel de miseria e explotación é (polo de agora) máis
dramático que o noso.
É sabido que o
capital xoga, dende que o mundo é mundo (capitalista), a enfrontar uns pobos a
outros, uns sectores da clase obreira a outros, e así sucesivamente para manternos
divididos, e polo tanto, febles e distraídos.
Queixámonos, e con
razón, das políticas de goberno que nos levan á miseria. Pero, acaso hai unha
gran diferencia no que son os dereitos da nosa clase, entre o reaccionario
Rajoy e o progre Tsipras en Grecia? É diferente a fame, o paro e a reaparición
de enfermidades xa superadas alí e eiquí?
Gobernos socialdemócratas
clásicos e da nova onda coinciden en dar vivas á democracia parlamentaria, esa
de cuxos parlamentos o "demos" (pobo) é botado a porrazos ou a tiros
cando se fai demasiado presente.
Claro que hai que
pular pola presenza obreira nos parlamentos burgueses. Pero iso será de
utilidade se paralelamente se retoma a folga xeral como única lingua que
entende o explotador.
Necesitamos tamén
elevar a solidariedade de clase aos planos estatal e internacional, xa que as
políticas que sufrimos, galegos, turcos
e franceses, estadounidenses e nixerianos, emanan de órganos de poder supra
nacionais e supra estatais.
Sabemos que o
calzado que levamos posto, os alimentos que comemos, o noso móbil e o coche no
que nos movemos condensan o esforzo dunha clase obreira que é internacional,
que vive desigualmente pero que en todos os países capitalistas descende hoxe
os círculos do inferno.
Non gaña nada a
clase obreira de cada sector, de cada rama, de cada cidade, de cada nación nen
de cada estado mirando con rivalidade aos traballadores que están de momento
menos afundidos nese descenso.
Nada gaña
pretendendo saír só desta.
Tampouco gaña
virando a cara e esperando a que todo cambie.
Nin mirando de esgallo
ao irmán de clase que vén fuxindo dos lumes do imperialismo, miralo como se
fose el quen nos roubou o que non temos.
Todas estas
reaccións, que son reais e están entre nós, son o mellor agasallo para os
verdadeiros culpábeis.
Gañaremos algunhas
batallas parciais máis se imos como ata o de agora, pero só gañaremos a guerra
se pulamos por comprender as causas profundas dos nosos males, os da nosa clase
social, a clase traballadora.
É necesario
recoñecer finalmente a existencia dunha clase social inimiga, apátrida, co corazón
gardado nunha caixa de seguridade dun paradiso fiscal. E esa clase pode
chamarse Amancio Ortega.
En crise (unha
crise que é real, e non unha ficción), a burguesía está incapacitada para facer
políticas dirixidas a satisfacer unha soa das nosas necesidades sen perder
poder económico e precipitarse ao baleiro na carreira entre monopolios.
Trátase de
aprender de política, da política que se nos oculta porque non convén que a
coñezamos.
Aprender da
historia do movemento obreiro internacional.
É tempo de deixar
de crer nos contos de fadas que nos prometen unha vida mellor sen derrocar e
expropiar aos capitalistas, eses que levan séculos xa a expropiarnos a nós,
cada día, mediante a explotación, mediante os continuos atentados aos nosos
dereitos.
É tempo de berrar
máis alto e máis claro pola saída inmediata da Unión Europea que arruinou xa
pobos abondo, incluído o noso...en vez de seguir a facerlle carantoñas dende as
chamadas esquerdas.
É, como sempre,
necesario esixir o cese das guerras que
se alimentan de sangue infantil para distribuír o mundo entre os monopolios.
Pero sería ético falar contra das guerras sen defender a saída inmediata da
OTAN??
Non debemos acovardarnos
diante da dificultade da situación nin equivocarnos de inimigo.
Se a clase obreira
conquistou mediante duras e prolongadas loitas novos dereitos e maiores cotas
de organización baixo a ditadura franquista, nós debemos de recuperar ese
legado e acrecentalo.
O inimigo é o
explotador e a explotadora. Se non erramos as alianzas e si estreitamos lazos
entre nós, venceremos a explotación, venceremos o capitalismo.
E as discriminacións
e desigualdades de dereitos que hoxe parecen estar aí para sempre, e as crises
e as guerras serán apenas unha mala lembranza.
Organízate e loita!
Comunistas da Galiza-PCPE
Colectivos da Mocidade Comunista
(CMC)