Continúa a loita mineira!


Nos últimos meses a minería entrou na peor situación da súa historia até hoxe, practicamente toda a minería privada está en regulación temporal de emprego, sen vendas de carbón e mesmo coas explotacións con risco de inundación como é a mina situada en Cerredo, pertencente aos grupos UNINSA e Astur leonesa.

As empresas están a iniciar traballos de desmantelamento e venda de materiais, isto é inasumíbel, as administracións concursais e as direccións empresariais están a encher os seus petos ante a desolación das comarcas mineiras e os centros de produción.

A empresa pública HUNOSA vive unha enganosa calma, segue mantendo venda de carbón e é propietaria dunha central térmica, pero iso só forma parte dunha táctica dos monopolios para levar loitas graduadas e illalas, debemos romper xa esa situación.

Non foron meses fríos desde o punto de vista da loita, as loitas mineiras non cesaron desde principios do ano 2013. Cortes de estrada, volcamentos de carbón de importación, paralización de ferrocarrís, piquetes ás entradas das centrais termoeléctricas, concentracións, manifestacións e peches. E hoxe a loita quéntase aínda mais, en Asturies, Aragón e León, na empresa pública HUNOSA están a levarse a cabo asembleas, todo apunta a unha gran mobilización de todas as unidades de produción de carbón unidas baixo un só interese, unha loita de todas as concas e comarcas mineiras polo futuro do sector. Isto é primordial pois desde o 2012 até hoxe as loitas foron por separado restando capacidade de forza aos traballadores mineiros.

Hai que artellar unha gran loita á ofensiva, unha loita unida e de masas para evitar caer no esquerdismo sindical, con actuacións discutidas baixo asemblea e apoiadas polo conxunto dos traballadores.

As seccións sindicais de todos os sindicatos seguen apuntando cara o cumprimento do plan de minería 2013-2018 como solución a un peche ordenado. Esta opción, xa non é que sexa inviábel desde o punto de vista sindical, senón que ademais é situarse tras os intereses dos monopolios eléctricos, por esa mesma razón a proposta dos e das comunistas neste sentido é superadora: a nacionalización do sector mineiro e do sector eléctrico en clave estratéxica.

A unidade de todos os sectores en loita cara á ofensiva política, esixindo a nacionalización, como táctica na acumulación de forzas da clase obreira, é a única alternativa para superar os problemas. A clase obreira xa nada ten que sacar deste sistema capitalista que a condena á máis absoluta miseria. As súas vitorias parciais non durarán no tempo baixo este sistema depredador, deben ser un paso máis á ofensiva. A clase obreira mineira, neste caso e no seu conxunto, debemos de romper as cadeas que nos condenan á fame e á guerra, para construír a sociedade do futuro, a sociedade socialista.

Saúl Carcarosa

Fonte: UyL
Traducción: Comunistas da Galiza-PCPE