As e os comunistas ante a división da clase obreira.

Conflito de UNIPOST e Comunicado do PCPE.


Unipost S.A, é unha empresa privada de ámbito estatal para o reparto de correspondencia. Naceu  en 2001 e conta cun persoal duns 2.500 traballadores/as e máis de 70 centros. Ten como clientes  grandes empresas privadas españolas, institucións públicas e empresas pequenas e medianas.
A súa política de recortes salariais, abono impuntual das nóminas, así como de pagas extraordinarias de verán e outros conceptos, que burlaba mesmo sentenzas xudiciais e multas da Inspeccións de Traballo, desembocaba para agosto de 2016, nunha situación de enfrontamento aberto que leva a acordar un calendario de accións conxuntas de CGT, UGT, CCOO e USO dende o luns 5 ata o venres 9 de setembro de 2016 e que incluía concentracións e outros actos en Pontevedra e A Coruña.

O venres 28 de Outubro, a unidade de acción estoupa e a organización do PCPE de Madrid publica un comunicado que resulta de máximo interese analizar.

Este comunicado, máis alá de ser a crónica da situación que seguiu a eses feitos, constitúe un breve e lúcido “manual” para analizar os conflitos e procurar a unidade de acción e o éxito das vindeiras loitas obreiras.

Comeza por definir claramente a contradición entre
a) o enfoque de colaboración coa empresa (todos temos que pór algo da nosa parte) e
b) a aposta pola intensificación da loita e a folga como ferramenta única de presión real;

Pon énfase na necesidade de ser os propios traballadores os que esixan que se convoquen asembleas unitarias en cada centro de traballo, onde definir os seguintes pasos a dar.

Sinala a necesidade de ser a asemblea unitaria de traballadores, erixida como órgano democrático dos traballadores, quen eleve a voz do conxunto do persoal, fortaleza as posicións de loita no comité presionando dende a base, e chame á folga.

Amosa que é precisamente a ausencia desa condición o factor que provocou a fractura da unidade no caso de UNIPOST, xustamente no momento no que a sección de CGT poñía sobre a mesa a convocatoria de folga indefinida a partir do día 7 de Novembro.

Pon sobre a mesa o papel decisivo da caixa de resistencia, que permita soster o esforzo económico prolongado do persoal.

O comunicado chama a todos os traballadores e traballadoras, afiliadas a tal ou cal sindicato (ou a ningún),  a levar adiante a folga, organizar piquetes e actos informativos.

Chama en especial aos compañeiros afiliados a aqueles sindicatos cuxas cúpulas sustentan a posición de colaboración coa empresa, “a presionar as súas seccións para reconducilas pola senda da loita, a pechar filas cos nosos compañeiros e traballar por unha folga exitosa”.

E remata esixindo a nacionalización de Unipost e a subrogación de todo o persoal.

Trátase dun documento que recolle con claridade e bota luz sobre aspectos da loita de clases que raramente están contemplados todos á vez no desenvolvemento das loitas reais e que definen, cada un deles, a posibilidade da vitoria, e tamén a posibilidade da derrota.

Serve á vez como antídoto cara ás posicións sectarias, e mesmo ao desprezo do compañeiro/a menos consciente, ao alarido facilón: “Esquirooool!!!”.

Lanza unha advertencia acerca dos conflitos desarroupados socialmente, illados, que non buscan a solidariedade externa.

Chama á reflexión a quen ás veces, de xeito irresponsábel, confunde cúpulas colaboracionistas con sectores pouco conscientes das bases sindicais.

E remata poñendo no seu sitio a solución definitiva, a mirada estratéxica: nacionalización.