Adiante coa loita por un ensino público ao servizo do pobo traballador.


Moitas e moi diversas veñen sendo as mostras de rexeitamento que dende todos os segmentos da comunidade educativa se veñen dando ás medidas do goberno dos monopolios contra o ensino público, contra o estudantado, os traballadores e traballadoras do ensino e o conxunto do pobo traballador e os seus fillos e fillas.

Nas derradeiras semanas de outubro os centros de estudo e as rúas do noso país enchéronse de xuntas de sinaturas, concentracións, asembleas, manifestacións, expresións todas elas de rexeitamento contra a LOMCE, as reválidas, o 3+2 e as prácticas non remuneradas.
En todo Estado a Fronte de Estudantes, malia ter analizado as deficiencias dos tempos e xeitos da convocatoria de folga do 26 de outubro, foi quen de encher os centros e as rúas dun berro masivo contra os plans tendentes á precarización e a ruína do sistema público de ensino e á expulsión do mesmo dos fillos e fillas da clase obreira.

As organizacións sindicais dos traballadores e traballadoras do ensino veñen denunciando os recortes en profesorado, a xeneralización da figura do profesor itinerante, o desprezo ás necesidades educativas especiais e recortes no profesorado de apoio e orientación, a precarización e perda de postos de traballo e ao mesmo tempo o incremento dos concertos mentres ao mesmo tempo desvíanse cartos públicos á privada e concédense novos concertos educativos.

En numerosos centros de estudo as e os comunistas estivemos presentes na explicación da natureza antiobreira e antipopular desta lei educativa, que cómpre derrogar, e que está ao servizo das necesidades das grandes empresas. Impulsando a unidade dende a base do estudantado e dos traballadores/as do ensino, para defender o seu dereito a un ensino gratuíto, científico e de calidade.

O avanzado non é suficiente.

Cómpre avanzar cara unha grande mobilización xeral de toda a comunidade educativa

  • para rematar coas reválidas que baixo o pretexto dunha falsa excelencia, medida en estándares uniformizadores e anticientíficos e en compartimentos estancos, expulsan cada ano a máis mozos e mozas de extracción obreira do sistema público de ensino e de calquera perspectiva dun futuro digno.
  • para botar abaixo os recortes de bolsas e axudas e o deterioro das condicións de traballo dos traballadores e traballadoras do ensino.
  • para reverter o proceso privatizador e garantir a  gratuidade e calidade de todas as etapas educativas.
Como comunistas, temos que caracterizar e analizar a destrución do ensino público como parte da estratexia dun capitalismo en crise que ten como primeira necesidade, para garantir a propia supervivencia deste sistema caduco de explotación, a transferencia masiva de rendas do traballo ao capital; e xa que logo, o ataque ao salario directo e indirecto en todas as frontes, e a destrución de todo servizo público como parte desta ofensiva.

O ensino ten que deixar de ser unha fábrica de escravos e escravas para as grandes empresas capitalistas.

A unidade e a organización son a chave para fortalecer un amplo movemento de masas por un ensino público para todos e todas, científico, de calidade, e ao servizo do pobo traballador.



Comunistas da Galiza-PCPE para a Revista FORXA