Mentres que a guerra non o reparta de novo!

Pasou máis dun século dende que Lenin escribiu, en Zúric, entre xaneiro e xuño de 1916, a súa soada obra O Imperialismo, fase superior do capitalismo, editado por vez primeira a mediados de 1917. Sen a achega leninista é imposíbel entender moitos dos problemas e ameazas que enfronta a humanidade, entre eles, o problema da guerra.


O imperialismo, fase superior do capitalismo.

Nos nosos días, por múltiples causas que exceden o obxecto deste breve artigo, son moitos os que confunden o imperialismo cunha política exterior agresiva de determinadas potencias, especialmente dos Estados Unidos. Esta posición parte dun grave erro, ao separar a política da base económica.

O imperialismo ou capitalismo monopolista é unha fase do capitalismo. É a súa fase actual, a súa fase superior e última. E, como tal fase, está caracterizada por unha serie de trazos fundamentais que, para Lenin, son os seguintes:
  1. A concentración da produción e do capital chega até un grao tan elevado de desenvolvemento, que crea os monopolios, os cales desempeñan un papel decisivo na vida económica.
  2. A fusión do capital bancario co industrial e a creación, no terreo deste “capital financeiro”, da oligarquía financeira.
  3. A exportación de capitais, a diferenza da exportación de mercadorías, adquire unha importancia particularmente grande.
  4. Fórmanse asociacións internacionais monopolistas de capitalistas, as cales se reparten o mundo.
  5. Terminou a repartición territorial do mundo entre as potencias capitalistas máis importantes.
A repartición do mundo entre as grandes potencias.

Como se desprende dos trazos 4) e 5), na análise leninista outórgase unha importancia crucial á repartición do mundo entre as potencias capitalistas. E, efectivamente, esa repartición lévase a cabo a través dunha determinada política exterior. Pero non dunha política exterior separada do resto de trazos imperialistas, senón consecuencia, precisamente, dos mesmos. En palabras de Lenin, os capitalistas non se reparten o mundo, levados dunha particular perversidade, senón porque o grao de concentración a que se chegou obrígalles a seguir ese camiño para obter beneficios; e repártenos “segundo o capital”, “segundo a forza”, pois no sistema de produción capitalista outro procedemento de repartición é imposíbel.

No momento en que Lenin escribe o Imperialismo, o mundo áchase plenamente repartido. Por tanto, do mesmo xeito que nos nosos días, só cabían xa novas reparticións “segundo a forza”, tal e como sucedeu durante a I Guerra Mundial. Como sinalaba o dirixente comunista: Son xa máis de cen os cárteles internacionais que dominan todo o mercado mundial repartíndoo “amigabelmente”, mentres que a guerra non o reparta de novo!

Contrarrevolución, crise capitalista e guerra.

E, obviamente, dende entón, houbo novas reparticións. Tras o triunfo da contrarrevolución na Unión Soviética, e na maior parte dos países socialistas, o imperialismo deixou de contar co muro de contención que durante décadas representou o poder obreiro. Ese desenvolvemento “libre” do capitalismo monopolista pronto puxo en evidencia o peso das contradicións interimperialistas. As diferentes potencias lanzáronse de cheo a unha nova repartición do mundo e a guerra imperialista manifestouse como continuación, por medios violentos, da política imperialista. As guerras de Iraq, Iugoslavia, Afganistán, Libia, etc., ofrécennos algúns exemplos da relación directa entre a política imperialista e a guerra.

O grao de esgotamento da formación capitalista, na súa fase imperialista de desenvolvemento, foi confirmado pola crise capitalista iniciada a finais de 2007. As dificultades nas que se atopan as clases dominantes para superar a crise non fan máis que intensificar as contradicións entre as diferentes potencias, inseridas de cheo, na nova repartición do mundo. A guerra que se desenvolve en Siria é un tráxico exemplo desa repartición. O acordo de cesamento do fogo que entrou en vigor o pasado 12 de setembro, foi en realidade negociado entre Estados Unidos, a Unión Europea e Rusia, potencias imperialistas que se reparten entre si un país en principio soberano.

A paz, no imperialismo, nunca deixará de ser unha paz armada. Ningún equilibrio multipolar entre potencias imperialistas cambiará esta realidade. A guerra imperialista só será derrotada se é derrocado o propio imperialismo. O próximo mes celébrase o 99 Aniversario de Revolución de Outubro de 1917 en Rusia. Trátase dun bo momento para aprender da historia, para retomar os ensinos bolxeviques sobre a relación entre guerra e revolución, para reafirmar que a clase obreira non debe colocarse detrás de ningunha burguesía, senón tomar o futuro nas súas mans e avanzar, á fronte do pobo, ao derrocamento do imperialismo, en todas as súas manifestacións e en todos os países.

Proletarios de todos os países, unídevos!

RMT
Fonte: UyL