Carlos e Serafín: Dereito á loita ou dereito á explotación?


Carlos Rivas e Serafín Rodríguez enfróntanse a 3 anos de cárcere pola súa participación nun piquete durante a folga que tivo lugar en 2008, pola mellora do Convenio Provincial do Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra.

En xuño do ano pasado, subliñabamos nun artigo o feito de que a denuncia partira da Policía Nacional, e que varios xuíces,  ante a evidencia de que os denunciados non cometeran dano algún, absolvéranos.

Posteriormente, un xulgado de Vigo atopábaos culpábeis  (paradoxicamente) dun “delito contra os dereitos dos traballadores”.

Ben sabemos o que quere dicir a xudicatura burguesa cando se refire aos dereitos dos traballadores:
fala do seu “dereito” a deixarse explotar e abusar sen facer uso do recurso á folga.

Porén, a folga é, na práctica, a arma fundamental e decisiva que lle permite aos obreiros e obreiras, no curto prazo, defenderse dos abusos dos explotadores.

Abusos que non son, como pretende a inxenua propaganda reformista, simples actos de maldade evitábeis e subsanábeis mediante unha lexislación progresista.

O abuso forma parte da natureza do sistema de explotación. O abuso comeza no roubo da plusvalía. Sen ese roubo non habería capital, nin capitalismo.

O propio nacemento do capitalismo como sistema estivo marcado pola rapina das terras dos campesiños, polo saqueo de metais preciosos nas colonias, polo roubo das súas vidas a innumerábeis milleiros de nenos e mulleres da propia Europa, e en maior grado aínda, da poboación das colonias.

A historia enteira do capitalismo está marcada polas guerras que lle quitaron a vida a incontábeis seres humanos.

Nada de que sorprenderse logo, se hoxe, na época do seu ocaso, a procura do máximo beneficio fai o capital máis depredador que xamais antes.

Recorre a todos os resortes da súa legalidade para arremeter contra os nosos dereitos.

Os nosos dereitos son hoxe incompatíbeis cos seus intereses vitais.

De aí que a nosa loita tampouco pode deterse. De aí que debemos ser máis conscientes, máis solidarios, máis decididos que nunca antes.

Non só a burguesía defende os seus intereses de clase.
Nós defendemos e defenderemos tamén os nosos.

O piquete informativo é o garante do exercicio do dereito de folga.

O dereito de folga non se toca.

Carlos, Serafín, indulto xa!!!