A espiral descendente do oportunismo europeo non ten fin.


É ben coñecido que o capital europeo e a súa unión, a Unión Europea, adquiriron estes últimos anos un apoio de esquerdas. Varios partidos están a xogar este papel; partidos que se autoproclaman “progresistas” e “de esquerda”, así como algúns que manteñen o título “comunista” a pesar de que se incorporaron na corrente oportunista, socialdemócrata do “eurocomunismo”.

Estes últimos, por exemplo o Partido Comunista Francés, desde hai anos “divorciáronse” do marxismo-leninismo e do internacionalismo proletario, mesmo abandonaron os símbolos históricos do movemento comunista, e no nome da “esquerda” colocáronse na “cola” da socialdemocracia e fóronse branqueando o sistema capitalista e as unións imperialistas da UE e da OTAN. Con todo, aínda manteñen a denominación “comunista” e, alén da actividade enganosa que levan a cabo nos seus países, participan mesmo nos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas buscando desempeñar un papel similar. Ao avaliar os eventos do festival recente do xornal “L’Humanité” do Partido Comunista Francés podemos dicir que a súa espiral descendente non ten fin.

Que outra cousa se podería dicir respecto á invitación a G. Katrougalos , ministro de traballo do goberno de SYRIZA-ANEL, para falar nese festival? É dicir, no festival deste partido “comunista” foi convidado a falar sobre as “políticas neoliberais” a persoa que co terceiro memorándum que asinou o goberno SYRIZA-ANEL coas organizacións imperialistas ten masacrado os dereitos laborais, os salarios e as pensións e agora está a apuntar a limitar o dereito á folga. É a persoa que recentemente nunha mobilización da PAME, os traballadores e os pensionistas representárono como a un moderno “Manos tixeiras”.

A esta persoa decidiron convidar os “comunistas” –xa só de nome- de Francia.

Por suposto, isto non foi por casualidade, se se ten en conta que nun discurso que se realizou alí tamén foi convidado o xeneral Dominique Trinquard, cabeza da misión militar das Nacións Unidas e da OTAN, para falar dos acontecementos internacionais e para “a nosa casa común europea”. Si! Leron ben. Da OTAN. Deste organismo imperialista que ten masacrado aos pobos e segue a facelo.  

Todo isto pode soar irracional para os comunistas en Grecia así como para os comunistas en moitos países do mundo. Pero non é irracional para un partido que apoiou plenamente as recentes intervencións imperialistas da OTAN en Libia e da Unión Europea na República Centroafricana.

Seguen sendo vixentes as palabras de Lenin de que a loita contra o imperialismo está indisolubelmente ligada coa loita contra o oportunismo.

Fonte: Comentario publicado en Rizospastis
Traducido por Comunistas da Galiza-PCPE da web do KKE