A clase obreira contra o TTIP e o CETA.


A actual fase de desenvolvemento do capitalismo require ferramentas que ofrezan unha maior expansión e rendibilidade ás multinacionais. Os falazmente denominados tratados de libre comercio como o TTIP ou o CETA son, por agora, a máis avanzada fórmula para que os monopolios exerzan a súa ditadura. O imperialismo require das súas leis, e iso son os tratados de libre comercio.

O TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos. En inglés; Transatlantic Trade and Investment Partnership) é un acordo comercial que actualmente se atopa en fase de negociación entre a Comisión Europea e EEUU.

O CETA (Acordo Comprehensivo Económico e de Comercio. En inglés; Comprehensive Economic and Trade Agreement) ten practicamente as mesmas cláusulas que o TTIP e as negociacións son entre a UE e Canadá.

O CETA considérase o irmán pequeno do TTIP, pero é igual de agresivo contra os nosos intereses ou mesmo máis, porque as negociacións xa finalizaron e só se está á espera da súa ratificación.

A entrada en vigor do CETA suporá unha sondaxe do que será finalmente o TTIP, permitindo ás empresas estadounidenses utilizar as súas filiais canadenses para ter acceso ao mercado europeo. Consecuentemente, a resposta organizada e contundente do movemento obreiro e popular debe ser a de acabar de inmediato co CETA igual que o fixo coa constitución europea.

Estes acordos comerciais pretenden unha baixada xeneralizada dos estándares de proteccións laborais, ambientais, de seguridade alimentaria, de protección da saúde, social, industrial, e outros, impondo as lexislacións menos esixentes entre o bloques económicos que interveñen en cada acordo. Se hoxe xa todas as leis atacan á clase traballadora e os sectores populares, co que se propoñen facer estamos abocados   a unha maior perda dos nosos dereitos e liberdades.

Un exemplo paradigmático desta práctica ditatorial é a existencia dunha cláusula reservada á protección dos investidores, que poderán demandar aos estados cando consideren que as lexislacións nacionais lesionen os seus intereses.

Con absoluta claridade, o obxectivo principal do TTIP e o CETA é privatizar os servizos públicos, cambiar ou anular leis que impidan o avance dos monopolios e recortar dereitos sociais e salarios en beneficio das grandes multinacionais. Todo o que se argumente ao seu favor desde o poder, non son máis que mentiras e máis mentiras.

Sen dúbida, estes acordos son un ataque directo á clase obreira dirixido a arrebatar  dereitos laborais e sociais, que aumentarán a explotación e o desemprego.

A burguesía vende este acordo como un raio de luz sobre un ceo nubrado, prometendo emprego e estabilidade. Falso, pois sen mencionar a calidade destes novos contratos, os estudos demostran que a súa aplicación destruiría entre 500.000 e 1 millón de empregos de pequenas e medianas empresas, fronte aos máis de 400.000 novos contratos que prometen as multinacionais, normalmente máis precarias.

Este acordo, absolutamente lesivo co medio ambiente, permitirá a comercialización de produtos transxénicos como ocorre xa hoxe na EE.UU.

As leis dun consumo máis saudábel e cuns mínimos de respecto ao medio ambiente de produtos e explotacións agro-gandeiras que foron unha conquista do movemento obreiro e popular mediante a súa loita pola defensa do medio ambiente, desaparecerán en pouco tempo aos dous lados do Atlántico.

Outra das moitas cláusulas existentes nestes tratados é reforzar a creación de patentes, o que fará que quen as posúa terá máis vantaxes fronte aos seus competidores. Por exemplo en medicamentos, retardará a creación de xenéricos e verémonos obrigados a pagar prezos desorbitados para obtelos.

Por todo iso, Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) alzamos a voz contra o TTIP e o CETA e animamos a toda a clase obreira e ao pobo en xeral, a loitar ao noso lado para deter a violencia que a ditadura do capital quere impor con estes tratados. Estes acordos mostran a importancia de loitar diariamente e non ceder nin un milímetro nos nosos dereitos. As e os comunistas chamamos a levantar un muro de dignidade e rebeldía organizada que, impedindo a firma destas leis, camiñe decididamente contra a UE e a favor do Poder Obreiro e o Socialismo.

NON AO TTIP,  NON AO CETA!
FÓRA DO EURO,  A UE E A OTAN!
CONTRA TODA AGRESIÓN DA BURGUESÍA!
POR UNHA FRONTE OBREIRA E POPULAR POLO SOCIALISMO!

_______________________________________________________________________

Recomendamos a lectura deste artigo publicado con anterioridade no noso perfil de facebook:
Sobre a Asociación Transatlántica e Comercio e Inversión (TTIP)
_______________________________________________________________________