Por un convenio de Telemarketing con dereitos: É hora de loitar!

"HAI FUTURO CON DEREITOS E CONSTRÚESE LOITANDO ORGANIZADOS"

O momento é agora. Traballador, traballadora de Telemarketing, estanse a negociar as condicións laborais do noso futuro.

O Convenio Colectivo de Contact Center caducou no 2014 e durante os derradeiros meses os sindicatos teñen negociado un novo convenio cunha patronal que non está disposta a recoñecer as nosas reclamacións. Queren un convenio de resistencia que soamente vai empeorar a nosa xa precaria situación actual.

As xornadas parciais, a subcontratación, os contratos por obra e servizo, a remuneración por incentivos inalcanzábeis, a falla de descansos durante a xornada laboral, a elevada carga de traballo, a dificultade de conciliación, a contratación por Empresas de Traballo Temporal, os salarios de miseria, as sancións e despedimentos por non vender o produto, a flexibilidade dos horarios, as horas médicas... son os nosos problemas cotiás que han continuar se non os freamos.

E como podemos acadar un convenio que recolla as nosas aspiracións, que nos permita planificar unha vida digna de ser vivida? É o momento de tomarmos a palabra e actuar. A nosa ferramenta é organizar asembleas nos nosos centros de traballo que recollan as nosas reclamacións, e, a carón das nosas seccións sindicais e comités de empresa, convertelas en liñas vermellas na mesa negociadora.

Pero ademais debemos presionar á patronal nos nosos centros de traballo. A loita é o motor do cambio. O calendario de mobilizacións debe de ser un éxito que amose a nosa forza, a forza de quen día a día facemos que as empresas dean un servizo e os patróns teñan os seus beneficios. A forza imparábel da clase traballadora unida, organizada e combativa.

Non hai escusas. O que se pode perder nun día de paro ou folga non é máis ca un grao de area no deserto do que nos xogamos con este convenio. Nós, e todos e todas as que están a chegar.

SE QUEREMOS GAÑAR, É A HORA DE LOITAR
COLGAR OS CASCOS PARA ERGUERMOS O NOSO FUTURO
A ESPERANZA ESTÁ NA LOITA, E NA ORGANIZACIÓN A VITORIA