Eleccións Galegas 2016.

Nunhas condicións político-mediáticas sempre difíciles e restritivas para o Partido Comunista, nas que a ditadura capitalista, a ditadura da imaxe e da palabra únicas, trata de ocultar ata o indecíbel a máis mínima presencia comunista e revolucionaria, o comunismo galego, malia a todo, estivo unha vez máis presente neste proceso electoral autonómico.


A campaña electoral dos grandes partidos do sistema, tanto as opcións consagradas pola tradición como as de recambio, desenvolvéronse seguindo derroteiros previsíbeis:

Cumpríuse o obxectivo político fundamental de distraer ás masas traballadoras do único dilema actual e necesario: Que sistema? Que clase no poder? A socialdemocracia vella e nova segundo o guión asignado substitúe esta disxuntiva estratéxica polo debate falso sobre as dúas formas de xestión do capitalismo, a liberal e a neokeynesiana,  escenificando unha pugna mediática da que os intereses e necesidades da inmensa maioría social estivo ausente.

Se á socialdemocracia e ao reformismo lle quedara sequera un ápice de vergonza política coidaríanse moito de alcumar de democracia (aínda que fora formal e de mercado) a un xogo no que o acceso aos medios de comunicación de masas está absolutamente restrinxido aos pertencentes ao “clube dos selectos” do réxime. En tal situación, os debates televisivos e xornalísticos da campaña oficial resultaron predicíbeis e ritualizados, e no seu seo, non tiveron cabida os problemas reais do pobo traballador galego: nin paro, nin pensións, nin sanidade, nin ruína do campo e do sector naval, nin superación do marco autonómico, nin nada de nada... só cerimonias rituais nas que a palabreiría substitúe á política e á vida mesma.

As enquisas apuntaron ao longo de toda a campaña á posibilidade de que a dereita perdese por un ou dous escanos a maioría absoluta. Este dato implicou que o “Voto útil” funcionase ata pouco menos que considerar o voto comunista como algo desperdiciábel, incluso condenábel, no argumentario do oportunismo de calquera pelaxe aplicando así "a táctica da cebola”: a capa superficial impide ver o que hai debaixo. A superficie da política oportunista consistiu unha vez máis en culpabilizar á dereita da mala xestión da crise afirmando que é posíbel saír dela sen tocar os intereses dos poderosos e dos monopolios. Un discurso sobre a ineficacia e a incompetencia de “Feijoo” que na práctica serve para encubrir a natureza bárbara e explotadora do propio sistema capitalista hoxe en descomposición e conseguintemente incapaz de satisfacer as necesidades das clases traballadoras e do que nada se pode xa esperar.

Neste contexto de organizada confusión, e nos que como dicía Bertolt Brecht “nada debe parecer imposíbel de cambiar”, Comunistas da Galiza-PCPE, saímos a dar o combate ideolóxico denunciando o empobrecemento xeralizado dunha gran parte da clase obreira galega, das miserábeis condicións de traballo que soporta, do incremento da explotación e denunciando, na medida das nosas forzas, a "trapallada" que supón o discurso enganoso e falso do oportunismo e do reformismo no seu conxunto e a inutilidade das súas propostas, como non sexan por aquelo de cambiar algo para que todo siga igual...

Nos mitins, asembleas e demais actividades propagandísticas que Comunistas da Galiza-PCPE despregou ao longo dos 15 días de campaña, situamos os nosos obxectivos políticos e deixamos moi claro desde o principio que o voto comunista non serviría para elixir a ningún deputado ou deputada, pero non por iso era un voto inútil como pregoaba o oportunismo. Moi ao contrario, cada voto comunista é un acto de rebeldía, unha forma de loita política máis, un apoio explícito ao proxecto revolucionario que a clase obreira e o pobo galego necesitan hoxe máis ca nunca. Un voto que ha ter, canto antes mellor, unha expresión política organizada e consciente que impulse as loitas revolucionarias, cuxo retroceso permite á clase dominante e aos seus colaboradores impoñer un modelo de capitalismo carente de protección social de liberdade e regresivo cos dereitos máis elementais.

Lamentabelmente, os resultados non impedirán que o “parlamentiño” continúe sendo unha cova de vagos impresentábeis que farán todo canto sexa necesario para “tranquilizar aos mercados”, cousa que ocorrerá, mentres a fraxilidade organizativa da clase obreira galega e a conciencia de clase non avance e se consolide para a súa necesaria intervención política con propósitos revolucionarios.

Agradecemos a súa confianza aos máis de mil traballadores e traballadoras que desoíndo o discurso do medo da gran dereita e os cantos de serea da socialdemocracia e o oportunismo nos honraron co seu voto, e continuamos adiante coa nosa loita co obxectivo de transformar esas expresións de apoio en organización obreira e revolucionaria en cada barrio e en cada centro de traballo.

Comité Nacional de Comunistas da Galiza-PCPE

28/09/2016